Francisco Millán Mon (PP): “ Non hai que facerlle o xogo a Sánchez e dar votos á extrema dereita”

Francisco Millán Mon (Pontevedra) encabeza a lista do PPdeG para as eleccións europeas que define como "un plebiscito de Sánchez para saber se ten máis votos que nós". Non ve á extremadereita capaz de roubarlles votos en Galicia. Valora que a candidata do PSOE, Teresa Ribera, tivo máis presente as políticas medioambientais que as políticas de industria así como tampouco entendeu as necesidades de agricultores e gandeiros para quen reclama unha baixada do IVE nos insumos, sobre todo, combustibles.

Por Moncho Mariño | Santiago | 06/06/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O eurodeputado Francisco Millán Mon.. PP EUROPEO
O eurodeputado Francisco Millán Mon.. PP EUROPEO

-Durante esta campaña non se están esquecendo as cuestións que afectan directamente a Galicia e se tratan máis os temas relativos ao conxunto do Estado?
Estas eleccións teñen un ámbito europeo mais non esquecen Galicia. A primeira pregunta que respondín é sobre Galicia, por tanto os políticos non vivimos alleos á realidade galega. Pola contra, varios xornalistas din: “pon moita énfase nos temas galegos e non nos grandes temas europeos”. É posible que aos votantes Europa lles pareza algo moi lonxe, mais para min está moito nas nosas vidas do día a día, un exemplo moi brillante é a vacinación contra a COVID-19. Que sucedería con esas vacinas se as tivese xestionado o goberno ou desgoberno de Sánchez, sinceramente, foi mellor que a xestión quedase en mans europeas. Europa tamén se preocupou dos Fondos Next Generation esenciais para os investimentos e a industria, fondos que, por certo, tampouco están sendo ben xestionados polo goberno de Sánchez e hai unha queixa xeralizada. Por tanto, Europa é importante, mais é certo que a cidadanía quere oír falar das cousas máis próximas, aínda que tamén é consciente, por exemplo, da guerra en Ucraína. En relación a isto, debemos falar da pesca, pois Galicia é a primeira rexión pesqueira de Europa e por tanto, as iniciativas, a lexislación e as propostas europeas sobre pesca teñen moita importancia sobre esta terra. Debemos falar da industria, dos fondos ou da gandaría, por tanto, é natural que as persoas se preocupen dos temas máis puntuais e que lle afecta, a cadea mar-pesca, industria da conserva e acordos internacionais tan necesarios para Galicia. Lembremos que á parte do potente sector primario galego, tamén temos unha industria forte e para iso quero recordar que Pontevedra e A Coruña son dúas das cinco provincias máis exportadoras de España. Debemos achegar Galicia ao resto de España, ao mercado europeo e por iso é necesario falar das conexións. Por iso é certo que hai moitas cousas en xogo para os galegos e galegas nestas eleccións.

Que sucedería coas vacinas COVID se as tivese xestionado o goberno ou desgoberno de Sánchez, sinceramente, foi mellor que a xestión quedase en mans europeas

-Sobre industria tamén está a cuestión de Alcoa. Por unha banda, a empresa quere vender, mais como cre que se debera resolver este asunto desde a perspectiva europea?
A industria é moi importante porque fixa poboación e crea riqueza e prosperidade. Hai dous anos estiven en Alcoa dentro dunha delegación da Comisión de Industria e un dos condicionantes tanto para Alcoa como calquera sector industrial é a enerxía. Resulta triste non termos chegado a acordar un estatuto da enerxía para as electrointensivas, porque o custo da enerxía neste sector é decisivo. Non temos conseguido un estatuto de electrointensivas a un nivel necesario, unha mágoa. Tamén me sorprende moito que a cabeza de lista do PSOE para as europeas sexa a señora Ribera, quen ten un currículo en canto a Galicia, moi deficiente. Estabamos falando da insutria, mais pense tamén na gandaría e a protección do lobo, que non quixese cambiar a unha nova liña na relación entre o lobo e a gandaría, a señora Ribera foi moi sensible aos problemas do agro. Tamén tivemos a insensibilidade do Goberno en relación á rebaixa do IVE, necesaria no agro e na pesca tamén onde hai unha forte demanda para rebaixar o IVE. Pola contra, o Goberno parece máis sensibilizado na protección de peixes e do lobo que nos problemas de agricultores, pescadores e tamén da industria. Temos que acadar un tecido industrial respectuoso co medio ambiente, queremos un futuro verde para a agricultura, azul para a pesca mais non un futuro negro para todos estes sectores, incluído o industrial.

Millán Mon
Millán Mon

-Por onde pasaría entón o futuro da pesca?
A pesca está pasando por momentos complicados, primeiro veu o Brexit, logo a COVID, bloqueo da canle HORECA (Hoteis, Restaurantes e Cafetarías), coa guerra de Ucraína subiron os combustibles que son o 40% dos custos ademais doutros insumos materiais. Dentro da UE e en concreto na Comisión Europea co comisario Sinkevičius, un home cunha visión ecoloxista radical, non esquezamos que vai ingresar no grupo dos Verdes-ALE (Alianza Libre Europea) e esta coalición está integrado o BNG. O PP somos o partido da pesca e: que queremos? Equilibrio, sentidiño. Non pode ser que a dimensión ambientalista sexa a que prevaleza totalmente sobre a dimensión política e social. Necesitamos unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC) recollendo todas as sensibilidades. As prohibicións de pesca sobre 87 áreas no Atlántico deben ser revertidas, necesitamos falar dunha PPC que permita un horizonte despexado tamén para os pescadores.

O Goberno parece máis sensibilizado na protección de peixes e do lobo que nos problemas de agricultores

-Cando falan dun PP mimetizado coa ultradereita, cal é a súa resposta como político e persoa moi vinculada ao PP?
É un chiste, e dos malos. Aquí a extremadereita non existe, nós somos un partido centrado, moderado, o partido que máis se parece a Galicia e que non nos veñan con tonterías. Somos un partido respectuoso da democracia, do estado de dereito e promotor da UE. Que sería da UE sen a Democracia Cristiana, sen os nosos valores, sen os nosos principios? Como imos estar coa extremadereita? Somos un partido sabedor de que a UE é unha unión de dereito, por tanto, falar disto en Galicia, onde está a extremadereita aquí?O que nos debe preocupar é a deriba radical doutras forzas políticas. Cando leo os programas doutros grupos como o do BNG vexo unha deriva antieuropea moi clara. Falan de estafa, do fracaso da Unión en relación ao Brexit ou falan dunha Unión sometida ao Imperialismo da OTAN. Esa é unha visión construtiva da UE, non é unha visión equilibrada. Nós somos europeístas, como é o pobo galego, somos un partido de sentido común, non estamos nos extremismos, nós estamos centrados nos intereses dos galegos, dos españois e de Europa. Porque nós queremos unha Europa de paz, non estamos na disgregación, na división, pensamos que os europeos somos máis fortes se estamos unidos. Aí están os chineses, aos Estados Unidos, nós que facemos separados? Que fai Galicia separada do resto de España? Que fai España separada do resto de Europa?

-Non teñen medo a que Vox lles reste votos.
Nós pensamos que Sánchez convocou estas eleccións coma un plebiscito para saber se ten máis votos ca nós, quere medir a distancia. Isto porque para el vai ser o plebiscito de “gaño eu ou gañan os do PP”. Todos os que non queira a Sánchez, que deben ser maioría, deben votar ao PP. Non hai que facerlle o xogo a Sánchez e largar votos á extrema dereita. O voto útil, o voto por Galicia, o voto por España e o voto por Europa é o o voto do PP. O éxito das eleccións medirase niso, os outros son votos marxinais, sen importancia. A importancia é buscar o resultado final e ese resultado vaise medir nos resultados entre as dúas grandes forzas políticas.

Nós pensamos que Sánchez convocou estas eleccións coma un plebiscito para saber se ten máis votos ca nós

-Como é a relación co seu compañeiro Adrián Vázquez, antes en Ciudadanos e agora pola lista do PP por Galicia?
Moi ben, eu con Adrián xa tiña unha boa relación antes. Eu teño aquí un intergrupo chamado Asociación de Eurodeputados e da que son presidente desde hai anos. O fundador foi o presidente Fernández Albor, durante os 90. Eu seguín con isto e hai un par de anos trouxen un grupo de eurodeputados para unhas xornadas sobre o Camiño, Camiño Europa, fixemos parte do Camiño Portugués, un dos que veu falar foi Adrián Vázquez, quen ten moitos vínculos con Galicia. Foi presidente da Comisión de Asuntos Xurídicos do Parlamento Europeo e foi que puxo as cousas no seu sitio con respecto ao fugado da xustiza, o señor Puigdemont. Vázquez é un loitador polo estado de dereito e por tanto intégrase nesta grande familia europea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

Este é o célebre cuñado de Rajoy?

1 anonimo

e outra vez co mesmo, ¿pero como lle vai roubar votos a extremadereita ao pp de galicia se xa está metida no pp de galicia de sempre?