Cambiarase a letra do himno de Galicia?

Constituída a comisión parlamentaria que analizará a modificación da letra do himno galego

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2024 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

A deputada do PPdeG Cecilia Vázquez presidirá a Comisión non permanente especial de estudo sobre a posible modificación da letra do Himno de Galicia. Un órgano que terá ao tamén popular Borja Verea como vicepresidente e á nacionalista Mercedes Queixas como secretaria. O obxectivo, analizar posibles cambias do actual himno galego.

A sesión constitutiva estivo presidida este mércores polo presidente da Cámara galega, Miguel Santalices, que conduciu a elección dos membros da Mesa que dirixirán este órgano parlamentario que foi posto en marcha a pasada lexislatura pero cuxos traballos non chegaron a iniciarse debido á convocatoria electoral.

Así, tendo en conta que o período de sesións finaliza o próximo día 15 de xullo, tras a celebración do último pleno ordinario, tal e como sinalaron fontes consultadas por Europa Press, prevese que á volta do parón estival o órgano reitor da comisión se reúna para activar o proceso para debater as normas de funcionamento e, posteriormente, presentar o plan de traballo que permita arrincar os traballos.

Os grupos parlamentarios rexistraron en outubro de 2023 unha petición conxunta a través dos seus portavoces para a constitución desta comisión. A iniciativa chegou despois de que en setembro dese ano o pleno do Parlamento, cos votos do PP e do PSOE, rexeitase unha proposición de lei de iniciativa lexislativa popular que impulsaba a corrección da letra do Himno para restaurar a versión do poema que escribiu Eduardo Pondal, como el mesmo expresara nunha misiva do 11 de xaneiro de 1913 --cando xa estaba afectado de cegueira e non puido precisas máis detalles sobre os erros que se produciron na impresión do poema na Habana--.

Naquel momento, populares e socialistas estimaron que a proposta defendida polo catedrático da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro --o maior estudioso de Pondal-- debía ser obxecto de estudo máis sosegado no Parlamento e que o adecuado era abrir unha comisión para iso.

Finalmente, os entón portavoces parlamentarios dos grupos Alberto Pazos (PPdeG), Ana Pontón (BNG) e Luís Álvarez (PSdeG) rexistraron unha petición conxunta para a posta en marcha do órgano que este mércores se volveu a constituír e no que se analizará o achado desta carta --como novidade con respecto aos anteriores intentos parlamentarios que xa houbo neste sentido--.

Partitura de Pascual Veiga co himno galego de Pondal
Partitura de Pascual Veiga co himno galego de Pondal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta