A Xunta gasta máis de 60.000 € en publicitar o día contra a violencia de xénero

Con estes cartos podería axudar a 100 mulleres vítima de malos tratos no fogar cun soldo mensual. O perfil maioritario das receptoras destas axudas correspóndese con mulleres das provincias da Coruña e Pontevedra, de entre 26 e 45 anos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/11/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

“Campaña publicitaria 25 de novembro, día contra a violencia de xénero”. Este é nome do novo concurso publicitario que a Xunta licitou por valor de máis de 60.000 euros para que os medios de comunicación tradicionais publiciten nun só día as bondades da Xunta neste campo.

Unha das campañas contra a violencia de xénero realizada pola Xunta e presentada pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella
Unha das campañas contra a violencia de xénero realizada pola Xunta e presentada pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella | Fonte: xunta.es

Para este concurso exprés convocado a principios de outubro, a Xunta seleccionou a tres empresas publicitarias; Proximia Havas, SL, Ingenio Media, SL e C Grupo de empresas de comunicación, marketing e investigación, SA. Finalmente, a seleccionada foi a coruñesa Ingenio Media.

A campaña levaba por lema "Se hai saída á vilencia de xénero é grazas a ti. ÚNETE", e apareceu nos medios habituais nos que a Xunta se soe publicitar, é dicir, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso, El Correo Gallego ou La Región, entre outros.  O obxectivo era destacar o seu compromiso na loita contra a violencia de xénero.

Este diñeiro que o Goberno galego gastará nun só día de campaña podería servir para dar 100 soldos mensuais ou oito soldos anuais a vítimas de violencia de xénero. Precisamente, a media das axudas por mes é, segundo a Secretaría Xeral de Igualdade, de 600 euros.

Estas  axudas periódicas son percibidas polas vítimas por un máximo de 12 meses, cunha contía de entre 300 e 800 euros dependendo da súa situación económica e as cargas familiares da muller. Segundo a propia Xunta, o perfil maioritario das receptoras correspóndese con mulleres das provincias da Coruña e Pontevedra “o 75% do total”, con idades comprendidas entre os 26 e os 45 anos e de nacionalidade española no 81 por cento dos casos. O 63 por cento das beneficiarias tiña fillos.  

Publicidade aparecida en La Voz de Galicia sobre unha campaña de Violencia de xénero
Publicidade aparecida en La Voz de Galicia sobre unha campaña de Violencia de xénero

Precisamente, este mércores a responsable da Casa de Acollida de vítimas de Violencia de xénero de Ferrol denunciou o colapso do seu centro e a falta de axudas para atender a todas as persoas que acuden a pedir asistencia. Este centro ten xa ocupadas as súas 15 prazas. Por iso, pediulle máis medios á Administración galega.

A pesar da publicidade da Xunta, o certo é que os datos indican unha crúa realidade. No que vai de ano foron xa asasinadas 12 persoas –mulleres, homes e nenos--, vítimas da violencia de xénero. Un número superior ao do pasado ano, sen que teña acabado, aínda, o 2015.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 12 comentarios

3 xan

Por certo cobrarán o finiquito os ex-xerentes que agora o goberno enchufa en Traballo ? Seguirá a Conselleira correspondente cubrindo as perdas económicas da Axencia? Seguirán concedendo axudas arbitariamente? Agarda que os productores se esquezan dos seus problemas e non protesten porque ela non vai facer nada de nada.?

2 nostrus

A cen mulleres pero só un mes. Evidentemente todo o que se faga é criticable e sempre se pode dicir que era mellor ao reves, pero haberá que preguntarse como se fai unha mellor labor si gastando sesenta mil euros para concenciar a sociedade ou darlle unhos cartos un mes a unhas mulleres, abonda con facer contas.Creo que é mellor regalar unha caña que un peixe. Tamen digo que os homes debemos ser os primeiros aliados das mulleres ante o maltrato, pero tamen reclamo a mesma solidariedade das mulleres ante o maltrato que reciben os homes ao separarse.

1 José

Non fagas demagoxia..., Un "soldo" mensual a 100 mulleres? durante un mes? has vuelto a beber? todos os esforzos, tamén os relativos a campañas mediáticas, son precisos para combater este drama. Outra cousa distinta é a determinación coa que traballa a Xunta ou calquera outra institución, cando se trata de orzamentar debidamente os instrumentos precisos, como casas de acollida ou medidas para favorecer a autonomía económica de mulleres maltratadas. Non sigas a imitar o Daily Mirror para apañar uns cartiños.

1 Xandra

Ti que eres, un lamecús da Xunta?. É a propia Xunta a que di que lle dá un soldo de 600 euros mensuais ás vítimas de Violencia de xénero. Pono aí na noticia. Pois fai contas. E se gasta 60.000 en untarlle a La Voz e ao Faro pois eses cartos non se van destinar ás vítimas como piden as casas de acollida como a de Ferrol. Outro troll infiltrado neste medio. Vai comentar a La Voz ou o ABC, anda.

2 José

Vaia Xandra, o Troll Imperator saiu do tobo...