Reivindicación do labor "urxente" da profesión xornalística: ante a "desinformación, xornalismo"

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembra que a profesión de xornalista "ten ameazas evidentes e manifestas en forma de presións, violencia ou mordazas externas"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2024 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

Con motivo este 3 de maio do Día da Liberdade de Prensa, o Colexio de Xornalistas de Galicia fixo un manifesto, que asina a profesional Marta Otero, no que se reivindica o labor da profesión "máis que, necesaria, urxente" hoxe en día ante a "desinformación".

No manifesto, lembra que o oficio ten "ameazas evidentes e manifestas, en forma de violencia, presións ou mordazas externas en todo caso" e outras "tanto ou máis perigosas, que veñen de dentro, dos que se infiltran e envenenan o propósito e os principios de honestidade, obxectividade e servizo público" que rexen o oficio.

"Ninguén" que exerza a profesión é "alleo" a que require renuncias, de tempo, familia e horarios, por exemplo. A "precarización" do modelo e os novos hábitos de consumo fan ás veces "deixar polo camiño a vocación, motor primeiro e último" do labor.

No manifesto sublíñase a "convulsión" actual, cita Ucraína e hoxe "con especial crueldade, Gaza". O ano 2023 pechou como o máis letal para os informadores profesionais en todo o mundo, case 140 xornalistas asasinados nun total de 28 países e case un ao día no último trimestre do ano pasado, 81 en Gaza.

"As consecuencias máis elocuentes témolas aquí. Son as que impiden a (as xornalistas iranianas) Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi recoller este premio co que modestamente se lles honra", dixo, sobre o galardón José Couso, que leva o nome do cámara que "nos reúne a todas aquí cada ano, inmortal xa para sempre na memoria colectiva 21 anos despois do seu asasinato".

Así, reivindicou que esta profesión é un "oficio", posto que se aprende exercendo e proclamou que "merece a pena". "Merece a pena porque, desde a humildade, o noso labor é hoxe máis que necesaria, urxente. Ante a desinformación, xornalismo. Ante a utilización tramposa da información, xornalismo. Ante as mentiras e as medidas verdades, unha e outra vez, xornalismo", sentenciou.

"NON HAI XORNALISMO SEN XORNALISTAS"

"Non hai xornalismo sen xornalistas. Se cada un de nós facemos da nosa acción profesional e de nosa propia persoa como informadores unha garantía de rigor, esforzándonos por non sucumbir á comodidade do propio rumbo, ás trampas do ego ou ás facilidades dos triunfos cortoplacistas, entón haberá xornalismo e haberá xornalistas", proclamou.

O manifesto pon en valor desde o xornalismo local aos correspondentes de guerra e proclama que "merece a pena" e defende que "contra a comprensible perda de esperanzas" hai que ser "optimistas". "O futuro empeza en cada nova promoción. Como non vai merecer a pena!", sentenza.

PREMIO JOSÉ COUSO

Este venres 3 de maio celébranse en Ferrol os actos de entrega do XX Premio Couso de Liberdade de Prensa. O galardón recaeu este ano nas xornalistas iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, que non poderán asistir por ter prohibido saír do país e mesmo contactar con organizacións do exterior, polo que será recolleito de maneira simbólica por Amnistía Internacional e Reporteiros Sen Fronteiras.

Os actos están organizados polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración do Concello de Ferrol.

Directiva do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Directiva do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia | Fonte: CPXG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta