Unha crónica de paixón entre Compostela e Bos Aires

Na nova novela de Marcelino F. Mallo, a cabalo entre estas dúas cidades, narra as vivencias e relacións interxeracionais dun profesor e do seu alumno.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/12/2015 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

Juan Carlos Rubido, profesor de Historia Antiga na Universidade de Santiago de Compostela, hai tempo que perdeu a ilusión na súa función como docente, en especial tralo cambio drástico do centro coa incorporación ao decanato de Serafín Piñeiro, numerario do Opus Dei e vello colega. So Cibrán Salgado, un alumno excéntrico e en ocasións subversivo, será capaz de redescubrir nel a súa vocación, o que non abondará para eliminar o escepticismo e a insatisfacción do mestre. O seu labor evoluciona cara á anarquía académica a cal derivará á súa vez nun entramado de acontecementos que transformarán por enteiro a vida de Rubido.

Marcelino F. Mallo, escritor e articulista
Marcelino F. Mallo, escritor e articulista | Fonte: Mundiario.com

Este é parte do argumento de “El Danubio no pasa por Buenos Aires”, a obra do colaborador do GC, Marecelino F. Mallo, que é o relato dun curso académico durante o cal os comportamentos mesquiños e os medos personais terminan impoñéndose sobre as vontades. É tamén a crónica dunha paixón entre dúas cidades, Santiago e Bos Aires. A historia redescobre un magnetismo de dobre dirección que inflúe de maneira determinante na relación entre os personaxes.   

Así, o protagonista tece, incluso involuntariamente, unha intempestiva rede de conexións de natureza dispersa: de certa dependencia e admiración cara ao seu alumno Cibrán; de rancor e desexo de vinganza respecto ao vicedecano da Facultade; de tutela e finalmente traizón cara ao seu amigo Antón; de fría sedución cara a Ornela, outra das súas alumnas. A historia vai confluíndo nunha idea dobre que parece ineludible: a fuxida como destino e o tránsito como identidade.

Marcelino F. Mallo (A Coruña) é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e  MBA pola Escola de Negocios IMD de Lausana, Suiza. Traballou en banca, ocupando postos de dirección en varias divisións. Colaborou e colabora en distintos medios de comunicación, entre eles Galicia Confidencial. En 2005 publicou a colección de relatos  Cabilia e posteriormente as novelas A trenza, Klásicos e Pollarega. Con El Danubio no pasa por Buenos Aires estréase como autor en castelán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta