Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/08/2024 | Actualizada ás 21:00
Bernabé Gómez (@bernabedspep) é un 'tiktoker' (31.000 seguidores) que crea vídeos arredor do Camiño de Santiago nos que o humor e as diferentes actitudes dos peregrinos ao facer a ruta que os leva ata Compostela serven de fío argumental. Como bo andaluz, natural de Xaén, este creador de contido caracterízase por facer vídeos que resultan moi amenos para o público e cos que calquera que fixera algunha vez na vida algunha das etapas do Camiño se pode sentir identificado. Hoxe dende o Galicia Confidencial, e despois de ver como varias das súas publicacións sobre 'tipos de peregrinos' se fixeron virais en redes, entrevistamos a Berna, como lle chaman os seus seguidores, para coñecelo un pouquiño mellor e saber que hai detrás da súa figura en Tik Tok.
Confesa que chegou ao mundo de Tik Tok de xeito moi casual. Berna está vinculado ao Camiño de xeito case indisoluble porque a súa nai é unha das encargadas da Asociación Xacobea de Xaén, e "como o Camiño mozárabe conecta co Camiño de Santiago a través da Vía da Prata, ela e outras persoas que compoñen a asociación son os encargados de manter activas as rutas que saen de Xaén cara Compostela, mantelas acondicionadas, repintar as frechas...". Dende esta asociación, conta Berna que organizan o Camiño tres veces no ano, ademais de diferentes congresos e actividades ao redor do mesmo. A súa nai, en concreto, "leva máis de 15 Camiños de Santiago feitos", así que foi así como comezou todo: "Nunha desas veces eu animeime a ir co grupo tamén, porque pensei que se miña nai o fixera tantas veces, algo tiña que ter que che atrapa".
E así foi, comprobouno en primeira persoa e, a día de hoxe, xa leva catro camiños feitos e seguirá repetindo: "Eu o meu único plan cando chega o verán xa é facer o Camiño de Santiago, logo se quedan algúns diíñas para ir á praia pois tamén imos, pero o principal motivo de que chegue o verán é facer o Camiño de Santiago". Polo momento aínda non repetiu ningunha das rutas: o primeiro Camiño que fixo foi a Vía da Prata por Ourense; o segundo o Portugués, pero pola súa variante espiritual, que pasa pola ría de Arousa; o terceiro o de Santiago ata Fisterra pasando por Muxía: e este último, o deste ano, o Portugués pola Costa, atravesando Tui e Baiona. Foi a raíz desta última experiencia cando decidiu formalizar a súa canle de Tik Tok arredor do Camiño e as súas diferentes etapas.
"SON UNHA PERSOA MOI IMAXINATIVA E ESPONTÁNEA"
Berna conta que "os vídeos que subín o ano pasado comezaron a facerse virais, de feito teño un anclado no Tik Tok que leva case un millón de visualizacións". El xa contaba con redes sociais dende antes, "pero non as tomaba moi en serio, creaba un contido máis persoal e foi a raíz de que os primeiros vídeos sobre o Camiño comezaron a facerse virais cando decidín profesionalizar máis a canle". O mozo asegura que ao seu público "gústalle moito a naturalidade e a espontaneidade coa que fago os vídeos". O creador de contido afirma ser "unha persoa moi imaxinativa" e "aquelas persoas que me coñecen saben que son moi espontáneo e orixinal nese sentido". Respecto a como xorden as súas ideas para os vídeos, asegura que todo parte da "diferente xente e tipos de peregrinos que te vas atopando polo camiño: está aquel que quere chegar o primeiro aínda que non disfrute moito, o que leva todos os complementos habidos e por haber enriba, o que se perde cada dous por tres... Á fin e ao cabo somos as persoas, tal cal, pero resumidas en como nos comportamos no Camiño".
O 'tiktoker' confesa que son os seus amigos e familiares os que o gravan polo camiño, pero que en realidade tampouco lles toma moito tempo porque "adoitan saír ben os vídeos á primeira". Xa logo é o propio Berna o que fai a edición: "Oxalá o día de mañá poder ter tantos seguidores que me dea para ter a alguén comigo botándome unha man, profesionalmente falando, pero a día de hoxe, como adoita dicirse: eu o guiso e eu o como", chancea. De feito, como vai subindo vídeos das diferentes etapas, sempre edita durante a ruta, non camiñando, pero si "nese intre que queda despois da comida, entre as catro e as cinco da tarde, cando os demais están descansando". Cando se pon a editar o que busca é que o vídeo "manteña á xente activa, que non a aburra". "Eu creo que iso é o complicado, os vídeos teñen que ser naturais e espontáneos, porque se a xente ve que é algo forzado, desliza cara arriba e pasa ao seguinte", explica.
"O CAMIÑO É VIDA E DESCONEXIÓN DO NOSO DÍA A DÍA"
Para aquelas persoas que están pensando en facer o Camiño pero que, por un ou outro motivo non se deciden, Berna diríalles que "o Camiño de Santiago é vida e desconexión do noso día a día". No seu caso sempre realiza as rutas con amigos e familia, porque van como asociación, cun contundente grupo dunhas 50 persoas. "A min sérveme moito para inhibirme do meu día a día, para desconectar de verdade, e xa non só por estar a 800 ou 900 quilómetros da miña casa, senón porque che fai conectar con outra xente e con Galicia, unha terra que é marabillosa". Ao preguntarlle pola ruta das catro que realizou ata a data que máis lle gustou, Berna repetiría a de Fisterra e Muxía, porque "Fisterra é precioso, cando chegas a ese fin da terra, ao que tuvimos a sorte de chegar pola mañá e poder ir logo a ver a posta de sol a alta mar, é espectacular, e teño ese recordo gravado na cabeza".
Con todo, tamén concede que "todo depende da actitude coa que cada persoa se tome o Camiño, porque todos os paisaxes de Galicia son espectaculares, dá igual a ruta que elixas". Así, indica que "hai xente á que lle gusta facer o Camiño en soidade, para conectar consigo mesmo, e eu pode que nalgunha ocasión me anime tamén a facelo só, pero, polo de agora, sempre tiven a sorte e o privilexio de compartilo con amigos e familia, e creo que iso é o máis importante, moito máis que cal é a ruta máis bonita". Como nos asegura, para el Galicia é un paraíso e poder descubrir as súas paisaxes é unha oportunidade que volverá repetir ano tras ano, así que nos asegura que "o ano que vén farei o meu quinto Camiño", aínda que aínda non ten decidida a ruta, "pode que sexa o Primitivo". Así que, sexa cal sexa, temos máis vídeos de Berna asegurados.
"XA TEÑO XENTE QUE QUERE VIR COMIGO COMO PARA ENCHER 7 AUTOBUSES"
A día de hoxe Berna conta con tanto apoio nas redes sociais que xa hai moita xente que lle asegura que só farían o Camiño de Santiago se poden ir con el. E é que con el as risas están garantidas, o cal sempre se agradece. "Teño xente que quere vir como para subirme mañá a sete autobuses dos grandes, dos que cargan máis de 70 persoas", chancea Berna, que nos explica que "eu non é só que manteña esta actitude de chiste durante o Camiño, senón que eu tamén son así na vida cotiá, desfruto moito dela e pásomo moi ben, facendo tamén que a xente que está ao meu redor desfrute". E é que iso é o importante, pois a vida son dous días e un xa vai alá!
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.