Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/08/2024 | Actualizada ás 22:00
Aínda que, milagrosamente, encadeamos xa dúas semaniñas de bo tempo e altas temperaturas, ninguén pode negar que o verán en Galicia este ano está sendo extremadamente atípico. Un mes de xuño e parte do de xullo pasados por auga e con baixas temperaturas fixeron que a sensación para os galegos fose de estar vivindo un segundo outono-inverno, semellando que o verán aínda está arrancando agora. Así as cousas, o que 'a priori' podería ser unha mala noticia para aqueles que queren desfrutar das súas merecidas vacacións na praia, é algo bo para o medio ambiente: aínda non houbo que lamentar ningún grande incendio e a día de hoxe a maioría dos encoros están cheos, sen que haxa preocupación pola sequía. Dende o Galicia Confidencial facemos un repaso pola situación actual dos encoros galegos a partir dos datos publicados en Embalses.net, obtidos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e da Xunta de Galicia.
A nivel xeral, a auga embalsada en Galicia sitúase, segundo as últimas estimacións, no 80,68 % (2.598 hectómetros cúbicos embalsados dos 3.220 de capacidade total). Isto supón 13 puntos máis que na mesma semana do pasado ano 2023, cando se situaban no 67,05 % da súa capacidade (2.159 hectómetros cúbicos); e case 11 puntos máis que a media da última década, fixada no 69,11 % (2.225 hectómetros cúbicos). Por provincias, a que rexistra encoros máis cheos é a de Lugo, onde se atopan de media ao 90,06 % da súa capacidade (806 hectómetros cúbicos de auga dos 985 que collen). No 2023 estaban ao 61,01 % (29 puntos menos) nesta mesma semana; e a media dos últimos 10 anos sitúase no 69,91 % (21 puntos menos).
O ENCORO MÁIS GRANDE DE GALICIA, BELESAR, 39 PUNTOS POR ENRIBA DO 2023
En concreto, na provincia de Lugo atópase o encoro máis grande de Galicia: o de Belesar, onde a cantidade de auga almacenada case duplica á de 2023 a estas alturas do ano. En concreto, atópase ao 88,40 % da súa capacidade, con 579 hectómetros cúbicos de auga dos 655 que collen en total. Neste semana do 2023 estaba ao 49,01 % (39 puntos menos); e a media da última década sitúase no 61,59 % (26 puntos menos). Este encoro situado entre os concellos de Taboada, Chantada, Saviñao, Paradela, Páramo, Guntín e Portomarín, é a mellor mostra de que este verán choveu máis do habitual, pois as diferenzas con outros anos son abisais en canto a volume de auga embalsada. Segundo os datos históricos de MeteoGalicia, en xuño en Chantada rexistráronse 40,6 litros por metro cadrado de choivas, cun máximo diario de 14,1 litros por metro cadrado. Pola súa banda, en xullo rexistráronse 8,7 litros por metro cadrado de choiva, cun máximo diario de 4,1 litros por metro cadrado. En ambos meses choveu un total de 7 días.
Polo que respecta ao resto dos encoros da provincia, hai que destacar que tanto o de Riocobo como o de Vilasouto tamén se atopan por enriba do volume de auga habitual para esta época do ano. En concreto, o encoro de Riocobo, situado no concello de Quiroga, está ao 83,33 % da súa capacidade (5 hectómetros cúbicos dos 6 totais que pode almacenar). Na mesma semana do 2023 atopábase ao 66,67 % de capacidade (16 puntos menos); e a media da última década é do 71,67 % (12 puntos menos). Mentres que o de Vilasouto, tamén ubicado no concello de Quiroga, está ao 80,95 % da súa capacidade (17 hectómetros cúbicos dos 21 totais que pode almacenar). Na mesma semana do 2023 estaba ao 61,90 % (19 puntos menos); e a media dos últimos 10 anos sitúase tamén no 61,90 % (19 puntos menos).
Os outros encoros dos que se dispón de datos semanais atópanse en circunstancias similares aos últimos anos por estas datas: Os Peares, entre os concellos de Carballedo e Pantón, está ao 97,25 % (en 2023 estaba ao 98,35 % e a media da última década é do 96,81 %); Montefurado, no concello de Quiroga, está ao 90 % (no 2023 estaba ao 100 % e a media dos últimos 10 anos é do 98 %); San Mantín, tamén no concello de Quiroga, está ao 90 % (no 2023 estaba igual, e a media dos últimos 10 anos tamén é no 90 %); e Sequeiros, igualmente no concello de Quiroga, está ao 90,91 % (igual que na mesma semana do pasado ano e que a media rexistrada na última década).
A FERVENZA, NO CONCELLO DE DUMBRÍA, 32 PUNTOS MÁIS QUE HAI UN ANO
Por outra banda, os encoros da provincia da Coruña tamén se atopan moi por enriba da auga embalsada habitual para o comezo de agosto. En concreto, en toda a provincia a auga embalsada sitúase no 82,17 % da capacidade total (295 hectómetros cúbicos dos 359 de capacidade total). Nesta mesma semana do 2023 estaban no 68,25 % (14 puntos por debaixo); e a media da última década sitúase no 70,92 % (12 puntos menos). Agora ben, un dos encoros máis grandes da provincia do que se dispón de datos semanais, o de Eume, entre os concellos da Capela, As Pontes e Monfero, está practicamente igual que hai un ano, ao 86,18 % da súa capacidade (106 hectómetros cúbicos dos 123 totais que pode almacenar). No 2023 a estas alturas tamén estaba no 86,18 %; aínda que a media dos últimos 10 anos é algo máis baixa, do 80,73 % (uns 6 puntos menos). Agora ben, outro dos máis grandes, o de Fervenza, no concello de Dumbría, si que se atopa por enriba do frecuente, no 81,55 % da súa capacidade (84 hectómetros cúbicos de 103 totais). Na mesma semana do pasado ano estaba ao 49,51 % (32 puntos menos); e a media da última década é do 59,81 % (22 puntos menos).
Tamén o encoro de Cecebre, no concello de Betanzos, se atopa por enriba do habitual, ao 86,36 % da súa capacidade (19 hectómetros cúbicos de auga embalsada dos 22 totais que pode almacenar). Na mesma semana do 2023 atopábase ao 59,09 % (27 puntos menos); e a media da última década é do 78,18 % (8 puntos menos). O mesmo acontece no caso do encoro de Forcadas, no concello de Valdoviño, que se atopa ao 90,91 % da súa capacidade total (10 hectómetros cúbicos dos 11 que pode almacenar). A estas alturas no 2023 estaba ao 72,73 % (18 puntos menos); e a media dos últimos 10 anos sitúase no 83,64 % (7 puntos menos). Igual acontece co encoro da Ribeira, no concello das Pontes, que se atopa tamén ao 90,91 % da súa capacidade (30 hectómetros cúbicos de auga embalsada dos 33 totais que pode acoller). Nesta mesma semana hai un ano estaba ao 72,73 % (18 puntos menos); mentres que a media de auga embalsada na última década é do 78,48 % (12 puntos menos).
Igualmente, o encoro de Santa Eugenia, no concello de Dumbría, atópase moi por enriba dos seus valores habituais nesta época do ano. Agora mesmo está ao 100 % da súa capacidade (cos seus 18 hectómetros cúbicos de auga almacenada). A estas mesmas alturas no ano 2023 estaba ao 66,67 % (34 puntos menos); e a media da última década sitúase no 75,56 % (25 puntos menos). Do mesmo xeito, o encoro de Vilagudín, no concello de Ordes, está agora ao 94,44 % da súa capacidade (17 hectómetros cúbicos de auga embalsada dos 18 totais que pode albergar). Nesta mesma semana do pasado ano estaba ao 88,89 % (6 puntos menos); e a media dos últimos 10 anos sitúase no 81,67 % (13 puntos menos). O único encoro dos que dispón de datos semanais da provincia que actualmente se atopa por debaixo da auga embalsada nos últimos anos é o de Barrié da Maza, no concello de Negreira, que se atopa ao 35,48 % de capacidade (11 hectómetros cúbicos dos 15 que pode albergar). No 2023 a estas alturas estaba no 48,39 %; e a media da última década está no 42,26 %.
BAO E AS PORTAS, OUTROS DOUS GRANDES ENCOROS, 15 E 20 PUNTOS MÁIS QUE NO 2023, RESPECTIVAMENTE
No caso da provincia de Ourense, os encoros atópanse ao 79,60 % da súa capacidade total a estas alturas do ano (1.276 hectómetros cúbicos dos 1.603 totais que poden almacenar). No 2023 por estas datas estaban ao 69,87 % (10 puntos menos); sendo a media dos 10 últimos anos do 66,41 % (13 puntos menos). Nesta provincia sitúanse outros dous grandes encoros de Galicia que están moi por enriba do habitual para a época: Bao e As Portas. No caso das Portas, situado no concello de Vilariño de Conso, está ao 84,33 % de capacidade (452 hectómetros cúbicos de agua embalsada dos 536 que ten de capacidade). No 2023 a estas alturas estaba ao 69,22 % (15 puntos menos); cunha media nos últimos 10 anos do 64,76 % (20 puntos menos). Mentres que Bao, no concello do Bolo, está agora no 86,55 % (206 hectómetros cúbicos dos 238 que pode almancenar). Nesta mesma semana fai un ano estaba no 66,39 % (20 puntos menos); e a media da última década sitúase no 67,06 % (19 puntos menos).
Pero non só acontece nestes grandes encoros, senón que a maioría dos da provincia tamén están por enriba do habitual. No caso do de Albarellos, no concello de Leiro, está ao 48,35 % (44 hectómetros cúbicos de auga dos 91 que pode almacenar). No 2023 estaba ao 40,66 % (8 puntos menos); cunha media nos últimos 10 anos do 43,96 % (5 puntos menos). O de Chandrexa, en Chandrexa de Queixa, está ao 72,13 % (44 hectómetros cúbicos de auga dos 61 que pode albergar). No 2023 a estas alturas estaba ao 49,18 % (23 puntos menos); e a media da última década sitúase no 52,30 % (20 puntos menos). No caso das Conchas, no concello da Pobra de Trives, está ao 81,25 % (65 hectómetros cúbicos de auga dos 80 totais dos que dispón). Nesta mesma semana do pasado ano estaba ao 50 % (31 puntos menos); sendo a media dos últimos 10 anos do 62,63 % (19 puntos menos). O de Salas, no concello de Muíños, está ao 56,32 % da súa capacidade (49 hectómetros cúbicos dos 87 que pode acoller). No 2023 estaba ao 49,43 % (7 puntos menos); sendo a media da última década do 49,20 % (7 puntos menos). Mentres que o de Velle, no concello de Ourense, está ao 82,85 % (14 hectómetros cúbicos de 17). No 2023 estaba ao 76,47 % (6 puntos menos); e a media dos últimos 10 anos é do 80 % (2 puntos menos). Finalmente, o encoro de Castrelo, no concello de Ribadavia, está ao 88,33 % (53 hectómetros cúbicos embalsados de 60). No 2023 estaba ao 86,67 % (2 puntos menos); sendo a media da última década do 86,33 % (2 puntos menos).
Aínda que si hai algúns encoros que se atopan por debaixo do habitual ou nos memos rexistros dos últimos anos para esta época: o de Cenza, en Vilariño de Conso, atópase ao 65 % da súa capacidade (na mesma semana do pasado ano estaba igualmente ao 65 %; e a media que rexistra na última década é do 58,50 %); o de Edrada, en Parada de Sil, está ao 42,86 % (nesta mesma data no 2023 estaba 42,86 % igualmente; sendo a media da última década do 40 %); o de Guistolas, na Pobra de Trives, agora mesmo está ao 60 % (no 2023 estaba ao 80 %; sendo a médica dos últimos 10 anos do 66 %); o de Peñarrubia, en Rubiá, está ao 84,62 % (no 2023 estaba igualmente a estas alturas do ano no 84,62 %; sendo a media da última década do 72,31 %); o de Pías (San Agustín), en Viana do Bolo, está ao 40 % (fai un ano estaba ao 50 %; e a media dos 10 últimos anos tamén é do 50 %); o de Prada, na Veiga, está ao 83,61 % (no 2023 estaba ao 86,89 % e a media dos últimos 10 anos é do 76,89 %); o de San Estevo, en Nogueira de Ramuín, está ao 86,38 % (no 2023 estaba ao 96,24 % e a media da última década é do 82,63 %); o de San Pedro, entre Nogueira de Ramuín e Pantón, está ao 83,33 % (no 2023 tamén estaba ao 83,33 % e a media dos últimos 10 anos é do 55 %); e o de Santa Eulalia, entre A Veiga e o Bolo, está ao 80 % (no 2023 estaba igualmente ao 80 %, sendo a media dos últimos 10 anos do 73 %).
O CASO ATÍPICO DOS ENCOROS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
Finalmente, o caso da provincia de Pontevedra é o máis atípico, pois nela os encoros están por debaixo dos datos rexistrados fai un ano, situándose ao 60,88 % da súa capacidade total (221 hectómetros cúbicos de auga embalsada dos 363 que poden albergar). No 2023 a estas alturas do ano estaban ao 68,32 % (8 puntos máis); sendo a media da última década do 77,27 % (17 puntos máis). E é que dos tres encoros da provincia que contan con datos semanais, os dous máis grandes están por debaixo das estatísticas. Así, o de Portodemouros, entre os concellos de Arzúa e Vila de Cruces, está agora mesmo ao 54,21 % da súa capacidade (161 hectómetros cúbicos de auga dos 297 que pode acoller). No 2023 a estas alturas estaba ao 63,30 % (9 puntos máis); sendo a media dos últimos 10 anos do 74,55 % (20 puntos máis). O de Frieira, entre os concellos de Crecente e Padrenda, está ao 86,36 % (38 hectómetros cúbicos dos 44 totais). Fai un ano estaba ao 88,64 % (2 puntos máis); e a media da última década sitúase no 87,95 % (1 punto máis). Finalmente, o único que está lixeiramente por enriba do frecuente é o encoro de Eiras, no concello de Fornelos de Montes, que se atopa na actualidade ao 100 % (cos seus 22 hectómetros cúbicos de capacidade cheos). A estas alturas no 2023 estaba ao 95,45 %; sendo a media da última década do 92,73 %.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.