A Xunta pon en risco a saúde das persoas sen recursos

É o que lle contestou a Defensora del Pueblo, Soledad Becerril, a Beatriz Figueroa, que leva case dous anos loitando para que se aprobe unha lei que protexa aos afectados de cancro.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 09/12/2015 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

Beatriz Figueroa leva case dous anos loitando contra muros de pedra pero, finalmente, o apoio de case medio millón de españois, de partidos políticos e, agora, da Defensora do Pueblo, están facendo que se recoñezan as súas queixas.

Soledad Becerril, Defensora del Pueblo, recibe a Beatriz Figueroa, e a Olaia Fernández da Vila
Soledad Becerril, Defensora del Pueblo, recibe a Beatriz Figueroa, e a Olaia Fernández da Vila

Soledad Becerril entrevistouse con Figueroa o pasado mes de xuño e acaba de recoñecer nun escrito que a Xunta de Galicia “está a pór en risco a saúde e integridade física das persoas sen recursos, en particular, das persoas enfermas de cancro”.

Beatriz estivo afectada de cancro de mama. En xaneiro de 2014 comezou unha recollida de sinaturas na plataforma Change.org para cambiar a Lei Xeral da Seguridade Social para mellorar a protección laboral destes enfermos. Apoiarona máis de medio millón de persoas. Unha cifra de apoios que xa lle abriu as portas do Congreso, a través dunha iniciativa parlamentaria.

Por iso, e tras entrevistarse coa Defensora del Pueblo, Beatriz Figueroa manterá un encontro con Milagros Otero, a Valedora do Pobo.  Un encontro no que lle trasladará as consideracións da Defensora del Pueblo sobre o seu caso e no que abordará  a grave problematica do 40% de copago farmaceutico para enfermos que cobran 426 euros. No encontro, estará acompañada pola deputada do BNG, Olaia Fernández Davila.

Esta é a segunda vez que visitará esta institución. En outubro do 2014, a maioría do Partido Popular no Congreso dos Deputados impediu que se aprobase a trámite a proposición de lei presentada polo BNG para unha protección económica e social dos enfermos de cancro apoiada por todos os grupos da oposición. Figueroa presentou nesa data dúas queixas ante o entón Valedor que foron estimadas e a que trasladou á Defensora del Pueblo.

A súa proposta lexislativa estaba elaborada polo catedrático de Dereito do Traballo da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza, e solicitaba un cambio normativo que ofrecese unha protección especial ás persoas enfermas de cancro. Establecía que se considerará en situación de incapacidade permanente, no seu caso unha vez que esgotase o prazo máximo de duración da incapacidade temporal, a toda persoa que fora diagnosticada dun carcinoma. 

Unha situación que tentaba recoller a loita de Beatriz que, logo de cotizar á Seguridade Social durante 20 anos, foi diagnosticada de cancro e quedou sen emprego. Denegouselle a incapacidade permanente tres veces durante o proceso e déronlle a alta sen estar curada. Desde entón so percibe 426 euros cos que debe facer fronte ao 40 por cento dos gastos dos seus medicamentos, en virtude do novo copago. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta