Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/08/2024 | Actualizada ás 12:45
O titular do Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional acordou prorrogar seis meses máis o prazo ordinario de instrución para concluír a investigación en relación ao naufraxio da 'Vila de Pitanxo'. Faino, segundo recolle o auto ao que tivo acceso Europa Press, ao non practicarse determinadas dilixencias acordadas nas actuacións, interesadas a instancia do Ministerio Fiscal e outras partes.
"Como é a emisión dun informe pericial que está a levar a cabo a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos, a práctica de varias declaracións testificales, así como aqueloutras dilixencias que poidan derivarse das anteriores relevantes para o esclarecemento dos feitos", expón.
Por iso, prorroga en seis meses o prazo ordinario de instrución, que finalizaba o próximo 2 de setembro. Faino, recalca, "ao atoparse pendente a práctica de dilixencias esenciais para un maior esclarecemento dos feitos".
RESPALDO DAS FAMILIAS
En relación á decisión, a portavoz dos familiares, María José de Pazo, manifestou que as familias das vítimas esperaban esta ampliación por parte do maxistrado Ismael Moreno. "Aínda faltan dilixencias e a investigación ten que ser o máis completa e sólida posible para obter nun futuro unha sentenza que faga xustiza, que é o que sempre pedimos e o que estamos a esperar", indica en declaracións remitidas aos medios.
"Sabemos os prazos que marcan os procedementos penais e legais e estamos á espera, pero o que si que esperamos é que xa esta prórroga sexa a última e que se decrete a apertura do xuízo oral", engade.
NAUFRAXIO
O pesqueiro galego naufragou a 450 quilómetros da costa de Terranova en febreiro de 2022, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo. Durante a instrución, o xuíz tomou declaración o patrón do pesqueiro, Juan Padín, en calidade de imputado, ao seu sobriño, Eduardo Rial e ao mariñeiro Samuel Kwesi, ao ser os únicos sobreviventes do naufraxio. Segundo a armadora do barco, afundiuse polos golpes de mar que o escoraron, despois de sufrir unha parada no motor principal durante unha manobra de virada do aparello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.