No corazón escuro de Europa, érguense as sombras do pasado, porén non xermolan da nada. Non son pantasmas que emerxen sen razón, senón espectros coidadosamente alimentados por aqueles que, nas alturas do poder, aprenderon a manipular o medo e a desesperación. En Alemaña, o ascenso da ultradereita non é só o retorno de monstros pardos que unha vez arrasaron o continente; é o froito velenoso dunha árbore cuxas raíces foron regadas polas mesmas elites que agora finxen horror ante o resultado. O regreso destes monstros non é un accidente da historia, senón unha consecuencia deliberada de políticas e narrativas que foron impostas desde as cúpulas do poder financeiro e mediático.
Hoxe, o ascenso de Alternativa para Alemaña (AfD) en Turinxia e Saxonia non é máis que o resultado dun plan meticulosamente trazado polas oligarquías, que sementaron a división e o odio na sociedade, desviando a atención dos seus propios crimes e acumulación de riquezas. Os banqueiros, os magnates das corporacións mediáticas, os políticos corruptos: todos eles atoparon na ultradereita un aliado perfecto para manter o control sobre a clase traballadora e as masas empobrecidas e desorientadas. Utilizaron as súas plataformas mediáticas para fabricar inimigos ficticios, para redirixir a ira dos desposuídos cara a aqueles que son aínda máis vulnerábeis, en lugar de permitir que esa furia se volva contra os verdadeiros culpábeis.
A Alemaña que unha vez foi berce da cultura, arte e pensamento crítico, atópase agora atrapada nunha encrucillada mortal. Porén esta decadencia non xurdiu espontaneamente. Foi fomentada, alimentada e acelerada por unha clase dominante que atopou no fascismo unha ferramenta útil para dividir e conquistar. Mentres o pobo alemán loita por sobrevivir nun mundo de crecente desigualdade, as elites retíranse ás súas atalaias de luxo e castelos exclusivos, gozando das súas inmensas fortunas, asegurando o seu poder a través da manipulación do discurso público e a represión de calquera movemento que desafíe o statu quo.
O medo que hoxe percorre Alemaña non é un medo natural, senón un pánico construído meticulosamente. Os medios de comunicación, controlados polos segmentos dominantes, poderes fácticos e resto das elites hexemónicas, traballaron incansabelmente para crear unha narrativa onde o inmigrante, o pobre, o diferente, convértense en ameazas. Moldearon a percepción pública para que o inimigo non sexa o executivo dun fondo voitre ou dunha multinacional que evade impostos, senón o refuxiado que foxe da guerra e a miseria. Nesta narrativa, o medo convértese en odio, e o odio en votos para aqueles que prometen restaurar unha fantasía de pureza e orde.
Porén esta narrativa é unha farsa, unha cortina de fume deseñada para ocultar a verdade. A verdade de que os problemas que enfronta Alemaña, e o mundo en xeral, non son o resultado da inmigración ou dunha suposta perda de identidade nacional. Son o resultado dun sistema económico e político que favorece a uns poucos a expensas da maioría. Son o resultado de políticas neoliberais que desmantelaron o estado de benestar, que empobreceron ás clases traballadoras e medias, e que concentraron o poder e a riqueza en mans dunha elite cada vez máis pequena e cada vez máis afastada do pobo.
O ascenso de AfD e doutros movementos semellantes en Europa é a culminación de décadas de políticas deseñadas para beneficiar ás elites, mentres se culpabiliza aos máis débiles dos problemas creados polos máis fortes. É o resultado dun sistema que está escachando as redes de seguridade social, que está privatizando o público, que pretende converter a educación e a sanidade en mercadorías, e que abandonou aos máis vulnerábeis á súa sorte. E cando eses segmentos indefensos procuran respostas, atópanas nas promesas baleiras dos demagogos, que ofrecen chibos expiatorios en lugar de solucións reais.
O verdadeiro pesadelo dun futuro baixo o dominio de AfD non é só a ameaza dunha nova era de represión e odio, senón a perpetuación dun sistema que xa demostrou a súa capacidade para deshumanizar e explotar á maioría en beneficio duns poucos. Se Alemaña, e Europa no seu conxunto, desexan evitar este destino, non chega con resistir aos movementos neofascistas; é necesario confrontar ás elites que permitiron que agromen estes movementos.
É hora de que o pobo esperte, de que entenda que a verdadeira batalla non é entre eles e os inmigrantes, entre eles e os pobres, entre eles e os diferentes. A verdadeira batalla é entre a maioría social e as elites que utilizan o medo, o odio e a división como ferramentas para manter o seu dominio. É hora de recuperarmos a democracia, de esixirmos xustiza económica e social, de construírmos un mundo onde o benestar e a riqueza non sexa o privilexio duns poucos, senón o dereito de todas e todos. Só entón poderemos dicer que os monstros foron derrotados, non só nas urnas, senón no corazón da sociedade.