Rueda afea o rexeitamento a Altri do Besteiro "medioambientalista": "Substitúe con bastante falta de respecto o labor dos técnicos"

O presidente da Xunta agarda que a de Besteiro non sexa "a opinión do Goberno".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2024 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ironizou con que "as escasísimas aparicións públicas" que atribuíu nos últimos tempos ao líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, "debían deberse a que estaba a se adestrar para ser técnico medioambientalista e en fondos europeos", en vista do rexeitamento que explicitou cara o proxecto de Altri en Palas.

A preguntas dos xornalistas na comparecencia posterior ao Consello da Xunta, Rueda cuestionou que Besteiro "substitúa con bastante falta de respecto o labor que teñen que facer os técnicos" e subliñou resulta "curioso" comprobar que hai "poucas semanas" o PSdeG puña o foco en que "había que ver canto diñeiro achegaba a Xunta" ao proxecto para valorar "que achegas tiña que facer o Estado".

"Espero que esta non sexa a opinión do Goberno e que o Goberno teña opinión, que será outro tema que levarei á reunión con Pedro Sánchez", esgrimiu o presidente galego, quen insistiu en que, fronte a Besteiro, que "cada día ten unha opinión diferente", el mantén a mesma: "Ningún proxecto irá para diante en Galicia se non cumpre estritos parámetros; pero se cumpre, necesitamos industrias e empregos".

"El (Besteiro) saberá o que está a facer, saberá en nome de quen fala. Espero que o Goberno, porque supoño que tenta falarnos no seu nome, sexa bastante máis responsable e déalle unha oportunidade a Galicia", agregou. De feito, salientou que a semana pasada transcendían "proxectos que nin sequera iniciaron a súa tramitación, nin ambiental nin de ningún outro tipo, e que xa tiñan manifestacións expresas de apoios directos por moitos millóns de euros". "Eu pido que a Galicia a trate igual", resolveu.

Infografía do proxecto de fábrica de Altri
Infografía do proxecto de fábrica de Altri | Fonte: GREENFIBER - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta