Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2024 | Actualizada ás 17:02
A Garda Civil investigou a un veciño de Portas, de 28 anos de idade e con antecedentes penais, en relación con catro roubos con forza ocorridos en trasteiros dun edificio de Caldas de Reis o pasado mes de febreiro.
Segundo informa o Instituto Armado, os residentes denunciaran a subtracción de diversos obxectos de valor como bicicletas, ferramentas e electrodomésticos. Ademais, relataban que o suposto autor forzara as portas dos trasteiros e chegara a esnaquizar paredes da entrada.
Tras ter coñecemento dos feitos, a Garda Civil iniciou unha investigación e intensificou as patrullas na zona para poder pescudar a identidade deste individuo.
Despois de diferentes pescudas e actuacións por parte dos axentes do equipo EBIO, e tras localizar algunhas das pertenzas subtraídas nos roubos, logrouse identificar o autor: un home de 28 anos veciño de Portas.
Tal e como indica o Instituto Armado, este mozo conta con numerosos antecedentes policiais e penais. De feito, cumprira xa algunha pena de prisión.
Concluídas as actuacións policiais, informárono dos seus dereitos como investigado por presunto autor dos feitos e as dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de garda de Caldas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.