O ex líder da UPG ataca aos nacionalistas que votaron En Marea

“Non me cabe a menor dúbida que algúns miles de nacionalistas conscientes non tiveron o menor escrúpulo en votar unha candidatura que non o era, simplemente por acreditar en que insería a suficiente dose de galeguismo na enxurrada poliédrica, televisiva e española de Podemos”, apunta. Acusa a En Marea de utilizar a “confusión e a trapallada”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/12/2015 | Actualizada ás 17:36

Comparte esta noticia

A UPG segue sen facer autocrítica dos resultados acadados polo coalición impulsada polo BNG nas pasadas xerais, Nós-Candidatura Galega, ou, cando menos, algúns dos seus dirixentes. Os culpables, como noutras ocasións, seguen sendo outros, especialmente, Xosé Manuel Beiras, Podemos, as televisións españolas e "algúns miles de nacionalistas”.

Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e Francisco Rodríguez, líder da UPG, cando os dous compartían militancia no BNG
Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e Francisco Rodríguez, líder da UPG, cando os dous compartían militancia no BNG | Fonte: Kopa

E é que o ex secretario xeral da UPG e actual membro do seu Secretariado Político, Francisco Rodríguez, a forza hexemónica e dominadora do BNG tras a escisión de Amio, acusa directamente aos nacionalistas que deron o seu apoio a En Marea “conscientes que non tiveron o menor escrúpulo en votar unha candidatura que non o era, simplemente por acreditar que inxectaba suficiente dose de galeguismo na corrente poliédrica, televisiva e española de Podemos, a máis eficaz para acabar con Rajoy e rexenerar o sistema, segundo a oratoria do seu carismático líder".

“Demoledor”. Ese é o título do artigo que Rodríguez publica en Terra e Tempo, a web da Fundación Bautista Álvarez. Demoledor porque, como moi ben di o histórico dirixente do BNG, “non vou facer grandes análises. Moito menos recorrer a xustificar uns resultados demoledores, inesperados para min na súa contundencia. Simplemente, polo de agora, vou sinalar algunhas evidencias”.

Sinala Rodríguez evidencias, pero non autocrítica porque, suliña que os problemas e as limitacións do BNG “eran previos” e teñen a ver coa ruptura da unidade do nacionalismo galego e coa conxuntura política no Estado español. “Respecto da primeira cuestión, parece claro que, de térense presentado unidas as distintas formacións que se autoproclaman  nacionalistas, habería opción a obter representación no Congreso, malia for de forma moi axustada”.

Respecto da segunda, Rodríguez ataca directamente a Xosé Manuel Beiras. “Cómpre aclarar, máis unha vez, cuestións evidentes que, continuamente, se pretende agochar por parte de quen, en nome de Galiza, se dispuxo a favorecer un deseño de reformulación do sistema de partidos para o réxime recuperar a lexitimidade social en crise. O argumento fundamental, non o esquezamos, é que Galiza, por si, non é capaz de expresar unha vontade política suficiente para facerse valer. Necesitamos apoiarnos en forza allea”, apunta en alusión ao pacto de Anova con Podemos.

Xabier Vence e Francisco Rodríguez
Xabier Vence e Francisco Rodríguez | Fonte: X.A.

De feito, Rodríguez vai máis alá e acusa a Beiras de ter contribuído á “confusión" e "agravar a debilidade electoral do nacionalismo" ao "favorecer a aplicación do deseño españolizador" ao apostar pola fórmula En Marea.

O líder da UPG xustifica, como xa o fixeron outros dirixentes do seu partido, que o efecto Podemos non só afectou a Galicia, senón a Cataluña e Euskadi, é dicir, ás nacións sen estado. Un argumento que serve para xustificar que o fracaso do BNG non é único e “a cousa é seria”.

Ademais, desacredita a fórmula de En Marea ou podemos porque, di, “usa un recurso vello en forma desconsiderada: a confusión, a trapallada”. Neste sentido, critica que queiran formar un grupo parlamentario propio  porque “o que hai na realidade é unha coaligazón de partidos, Podemos, IU e Anova. Non outra cousa. Os deputados e deputadas eleitas a eles pertencen”. “É máis, o Ministerio do Interior, non sei se el tamén trapalleiro, informando nas súas páxinas oficiais sobre as Eleccións Xerais 2015, deixa claro que, na Galiza, a candidatura vai encabezada por PODEMOS, sen nada máis antes que teña valor xurídico ou legal algún”, engade.

Finalmente, Rodríguez, a pesar de recoñecer as dificultades que atravesa o BNG é contundente; “non nos deixemos arrombar por esta difícil e complexa conxuntura”. No seu artigo, deixa claro as dificultades que existen pero amósase distante a unha posible coalición con Anova, Podemos ou EU, a pesar dos malos resultados do BNG e a pesar de que se se repiten nunhas autonómicas o Bloque quedaría sen representación na Cámara galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 69 comentarios

29 srmaistream

Agora resulta que eu, a miña nai e o meu pai, os meus veciños, ou mesmo a miña avoa -votante socialista de toda a vida- somos persoas sen escrúpulos. Incríbel. Síntome realmente ofendido por este valente fillo da súa nai.

28 Eu mesmo

Pode que levasedes votos, máis non eran vosos, senón prefabicados polo españolismo e iso non vos dá ningún tipo de razón, e así como vos chegaron así vos marcharán porque estades volvendo a ser caseiros do mesmo amo. É como a fartura do porco.

1 Balbino_

Pacooo!!! Canto tempo!!

27 unha votante

se Paco se fixara na composición dos candidatos e prestara atención de que eran xente do montón ningun merlo blanco e mesmo asin conseguiuse o espetacular resultado. Poderia chegar á conclusión que o que se votou foi a unidade da ezquerda, moi desexada pola cidadanía crítica e con vontade de cambialo todo.

26 Un galego de esquerdas

A culpa é de Beiras, anova, EU, Podemos, as televisións e "ALGÚNS MILES de nacionalistas”. Enga, ata logo, o BNG vai desaparecer definitivamente se estes tipos sectareos e sen capacidade de autocrítica non desaparecen da súa contorna.

25 alhambradomarotoX7x

Paco, Paco, Paco...Segue coa mesma "Teima"... tamén moi espanholista. Acabarás convertindote nun folklórico na compaña dos teus clons.