Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/12/2015 | Actualizada ás 18:43
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, recoñeceu este mércores que a CRTVG ten “liña editorial”, aínda que negou que haxa “manipulación de información”. “O rumbo editorial téñeno todos os medios, e tamén os medios públicos", dixo en resposta a unha pregunta parlamentaria do PSdeG que acusa ao ente público de ter “manipulado” informacións durante a campaña electoral.
Neste sentido, Sánchez Izquierdo lembrou que, durante esta campaña, non houbo ningún tipo de intervención por parte da Xunta Electoral sobre a información ofrecida polos medios públicos galegos.
"Onde está o debate non é ao redor da idea de manipulación, que entendo que é unha palabra moi agradecida desde o punto de vista da retórica política; penso que un debate ao redor do rumbo, isto é da orientación que poida ter a información, pode ser moito máis centrado", afirmou en resposta á deputada socialista Concepción Burgo.
A parlamentaria do PSdeG, pola contra, dixo que revisou todos os vídeos da TVG da última campaña electoral e afirmou que "a manipulación que se fixo foi humillante". "En todos os cortes e actos de campaña non se fai nin unha soa mención nin crítica ao PP, nin a Rajoy, nin a Feijóo. Eu como estaba nos mitins podo dicirllo", sinalou a deputada.
O director xeral da CRTVG volveu escudarse, como fixo noutras ocasións, no equipo de xornalistas que está detrás das informacións electorais. “É un proceso no que participan varias persoas; non podo contestarlle individualmente", díxolle á parlamentaria. Ademais, lembroulle que a seleccións deses profesionais faise "con criterios estritamente técnicos", e que se propón a súa cobertura ás persoas que se consideran máis adecuadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.