LUCAS 18:34; XOÁN 18:36

Nas eleccións xerais do ano 2000 o BNG obtivo os mellores resultados na súa historia nuns comicios deste tipo: mais de 300.000 votos, un 18,49% do total, e 3 deputados en Madrid. Dez anos antes non chegara á 48.000 votos, un 3,55%. En 1997 o BNG obtivo o 24% dos votos nas eleccións autonómicas, superando ao PSOE, que acadou os seus peores resultados, 19,46%, e 3 deputados menos que a forza nacionalista. Nas eleccións municipais de 2003 o BNG obtivo un total de 595 concelleiros, un 19,41 % dos votos. Estes resultados foron, e creo que é fácil chegar á conclusión, sustentados na confluencia de dúas circunstancias: unha primeira de orde interno e a outra derivada de erros de terceiros.

Por Emilio Martinez | Vigo | 07/01/2016

Comparte esta noticia
A estratexia do “Proxecto Común” impulsada dende mediados dos 90 deu os seus froitos: a apertura da organización frentista á sociedade e ás distintas organizacións políticas da esquerda e do galeguismo e o nacionalismo  aglutinou no seo do BNG a persoas que tanto proviñan do maoísmo ou o trotskismo (Inzar) como a outras que proviñan do galeguismo liberal progresista (PNG) así como ao groso de Esquerda Galega/Unidade Galega, reforzando a presenza social do nacionalismo  e con elo a capacidade para atraer votantes. A nivel externo a crise do PSOE, tanto de liderato a nivel galego como de credibilidade a nivel estatal, axudou non pouco. Recordemos que os resultados do ano 2000, excelentes para o BNG con ese citado 18,49% dos votos coinciden cos peores resultados, ata aquel momento, do PSOE (23,54%). E tamén cos mellores do PP (53,61%). 
 
A estratexia de “Proxecto Común” foi un acerto político ao saber ler, no seu  momento, a realidade social e os desexos da cidadanía. 
 
A partir do ano 2000 os resultados foron imposibles de manter… tamén por factores externos e internos. No ano 2004 o intento de manipulación partidaria dos atentados de Madrid inclinou o voto cara o PSOE, que en Galicia acadou un 36,93%, mentres o BNG perdía case 100.000 votos, caendo ao 11,29%, porcentaxe que xa apenas podería mellorar nas eleccións do 2008 e do 2011. En 2011 o BNG foi incapaz de capitalizar o voto progresista descontento, perdendo lixeiramente porcentaxe. Mentres Esquerda Unida subía dun marxinal 1,37% en 2008 a un xa menos depreciábel 4,12% (67.182 votos). Xa en 2004 o BNG demostrárase incapaz de capitalizar para si o descontento social corporizado nas mobilizacións contra a guerra e pola xestión do desastre do Prestige.
 
As causas a nivel interno deste devalar son tamén claras na miña opinión. Xa desde antes das eleccións autonómicas do 2005 a UPG tomou a decisión estratéxica de poñer freo ao “Proxecto Común”. A decisión baseouse nun análise moi claro, e axustado a unha posibilidade que se podería ter materializado: a ampliación da base social do BNG, e do número de militantes, poñía en cuestión a hexemonía da organización paleocomunista que durante un tempo, mentres proporcionaba abondosos réditos, deixou facer o experimento de apertura promovido por Xosé Manuel Beiras.  Deixou facer mentres non vía que a súa capacidade de control podía ser cuestionada de forma seria. “Proxecto Común” foi sempre un experimento controlado, os límites desta estratexia a UPG os tivo moi claros, nunca houbo unha formulación política seria para integrar á militantes de EU ou mesmo descontentos do PSOE… 
 
Saltemos un pouco no tempo… a perda, ata certo punto inesperada, do goberno autonómico deixou ao BNG trasposto. E a UPG decidiu tomar o control total da organización, unha especie de volta aos orixes, ás esencias.
 
A Asemblea de Amio foi a proba do que moitos xa supoñían: para a UPG era preferible unha organización rota a unha organización que non controlara. Para rómpela o único que tiñan que facer era converter a organización de todos e todas na súa propia organización. Foi o que fixeron. 
 
As eleccións autonómicas de 2012 puxeron en evidencia a falta de visión política e a enorme distancia que se abría entre a cidadanía e os dirixentes do depurado BNG. Apenas un 10% dos votos, superados por unha coalición, AGE, creada en poucas semanas. O BNG non se tomou sequera a molestia de analizar os resultados. Escoitamos frases feitas e buscar a culpa nos outros. Sempre hai un outro ao que culpar.
 
As eleccións municipais de 2015 puxeron novamente en evidencia que a formulación política imposta pola UPG quedara facía tempo esgotada. Os resultados globais non foron desastrosos, mais de 180.000 votos, aínda que supoñían retroceder do 16,52% acadado en 2011 a menos dun 13%. Unha análise algo mais detallada pon en evidencia a extrema debilidade da organización nas cidades, coa perda da representación en Vigo, cidade na que se tivera a alcaldía non facía tanto e en Ourense… resultados pésimos nas outras urbes, a excepción de Pontevedra… resultados mantidos por un puñado de vilas medianas, algúns alcaldes  e a capacidade organizativa a nivel local… que non sempre ten unha correspondencia a nivel electoral. A alternativa esta vez estaba noutro sitio: nunhas poucas ducias de candidaturas con diversos nomes pero cunhas coincidencias: estruturas abertas, participación de diversas organizacións, galeguismo e progresismo… e sintonía ao ler o que as persoas do común estaban desexando…
 
Os resultados do pasado 20 de decembro, apenas 70 mil votos, un 4,32%, deixan ao BNG, e á estratexia da UPG, seriamente danadas. Como se di moitas veces nos xulgados: as cousas son o que son, non o que se di que son. A miopía política do último lustro converterase en cegueira: non foron sequera capaces de distinguir a realidade inventada na que habitan da realidade da sociedade galega do século XXI. Todo o que viñeron facendo nos meses anteriores, dende a contraprogramación que foi IxU, o manifesto de intelectuais, as primarias orgánicas, as candidaturas de pluralidade uniforme… todo foi un sainete político, escrito seguindo as amareladas fotocopias dos manuais do leninismo mais rancio.
 
Chegados a este punto non cabe estrañarse do comunicado interno asinado polo secretario de Organización do BNG Bieito Lobeira, con frases do estilo “seguimos a confiar no noso pobo” ou as contundentes simplezas do dirixente da UPG Francisco Rodríguez publicadas na web Terra e Tempo. Mais que da épica do nacionalismo resistente do anos 70 do que botan man é dos textos bíblicos: a culpa é do pobo, enganado por cuadripartitos, pola tele… como algún día entenderán: “Pai, perdoaos porque non saben o que fan”, así o dicía Lucas nos Evanxeos.  Como en todas as veces anteriores a crítica sobre os erros propios é inexistente, salvo en irrelevancias. Os malos resultados serán, outra vez, a xustificación para os chamamentos á unidade interna, a aplicarse mais na pureza ideolóxica… as críticas internas á xestión da dirección non serán benvidas porque xa se sabe que non será o momento oportuno. Mais ou menos o de sempre. Poderán, chegado o caso, falar de refundación, pero cunha condición innegociable: que todo siga igual.
 
Non me cabe dúbida de que nos próximos meses a dirección do BNG será capaz de xogarse o pouco capital político que lle queda a “todo ou nada”. Tamén está na Biblia que o seu reino non é deste mundo, Xoan 18:36 . Paga a pena entón manter a man tendida?. Tal vez o mellor sexa deixalos ir, deixar vivir á dirección do BNG no seu mundo imaxinario. Hai esforzos que a realidade demostra que non pagan a pena. As forzas estarán mellor empregados noutros lugares. O futuro está diante nosa, aínda por facer, e non é cos que viven para o pasado con quen se construirá. “Ninguén que pon a man no arado e mira cara atrás é apto para o Reino de Deus”, Lucas 9:57-62.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.