Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/10/2024 | Actualizada ás 21:00
Os santuarios galegos son auténticas reliquias arquitéctonicas dignas de admirar pola súa beleza e pola súa complexidade técnica, en moitos casos. Sen embargo, dentro da gran riqueza de igrexas que temos en Galicia, hai unhas cantas que son máis especiais porque teñen algo que as fai únicas e irrepetibles. Este é o caso do Santuario de Nosa Señora da Escravitude, situada na parroquia de Santa María de Cruces, a escasos cinco quilómetros do concello de Padrón, ao que pertence. Esta igrexa finalizada no ano 1886 agocha un segredo que non está á vista de calquera, pois non se trata nin do seu retablo do século XVIII pintado en ouro nin das súas espectaculares torres de 32 metros de altura (unha de 1743 e outra de 1885). Trátase dos seus cadros votivos, un total de 56 que a enxalzan como a igrexa con máis exvotos deste tipo en todo o territorio galego. A día de hoxe, todos eles permanecen adheridos nunha especie de retablo duns 5 ou 6 metros de altura exposto na sacristía do santuario.
A igrexa da Escravitude, como acontece con moitas outras, foi creada arredor dunha lenda: a da súa fonte. Baixo as súas escaleiras atópase unha fonte considerada milagreira, na que cada día paran a descansar, beber e lavar as mans ou a face milleiros de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago portugués. A lenda conta que deles, un home da comarca do Salnés enfermo que estaba facendo o Camiño para conseguir a curación da súa hidropesía, parou a beber na fonte, e 72 horas despois foi curado, sen a intervención de ningún médico. Por iso, o home exclamou: 'Grazas, Virxe, que me libraches da escravitude do meu mal' (de aí derivaría o nome do santuario). Esta historia forma parte viva da orixe do santuario, que, precisamente, comezou a edificarse grazas á doazón do camiñante sanado e dos numerosos fieis que, con fe, chegaron en peregrinación tras o milagre.
Deste xeito, o proxecto comezou xa no século XVI, cando o párroco de Cruces colocou sobre a fonte a imaxe pétrea da Virxe co neno en sinal de agradecemento por un favor que recibiu dela: no 1582 estivo a piques de morrer aplastado por unha árbore. E, dende esa, durante máis de 500 anos, os devotos seguiron chegando a este santuario para pedir á Virxe curacións das súas doenzas. Como? Pois moitos deles recorrían a exvotos de cera ou de madeira, pero tamén eran moitos os que ofrecían cadros votivos nos que imploraban a sanación. Ofrendas que quedaban depositadas na igrexa como homenaxe á Virxe que lles permitira superar a súa dificultade vital. De seguro, foron moitos os que se perderon, pero debe pórse en valor que tamén foron moitos os que se gardaron e, grazas á súa restauración, chegaron ata os nosos tempos, permitínnos coñecer como eran os costumes da época, as vestimentas e as doenzas.
Estes cadros tamén son un verdaeiro privilexio para os historiadores, pois, na actualidade, non son moitos, por desgraza, os que se conservan. Tras o Santuario da Escravitude, que ten 56, sendo o máis antigo conservado datado no ano 1825, estaría o Santuario de Santa María da Pastoriza Virxe, en Arteixo, que conta cun total de 22. E, xa moi de lonxe, o Santuario de Santa María de Vilaselán, en Ribadeo, con tan só 6; ao igual que o Santuario dos Milagres do Monte Medo, en Baños de Molgas, tamén con outros 6. Tamén se podería destacar neste listado o Santuario de Santa Minia, en Brión, que, a pesares de ser de construción moito máis recente que os demais (século XIX), conta con 4 cadros votivos conservados.
Entre estes cadros da igrexa da Escravitude cómpre destacar un ofrecido polos pais do curmán de Rosalía de Castro cando este tiña entre 4 e 7 anos, a quen a autora lle adicou un poema en 1843, cando só estaba comezando a súa faceta como poetisa. Asimesmo, outro cadro moi interesante é un datado a comezos do século XX que fala dun rapaz de mes e medio ou dous meses de idade aqueixado dunha enfermidade moi grave do pulmón, desafiuzado polos médicos cuxo pai era maxistrado en Ortigueira. Ao final, tras o ofrecemento desta familia, o rapaz curou e estudou ciencias en Santiago, para logo converterse no 1933 en profesor e secretario no instituto da Estrada, pasando logo no 1937 ao instituto de Pontevedra con esas mesmas funcións. Rematou por morrer no ano 1961, aos 60 anos.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Piden impor aos Franco unha sanción dun millón de euros por non abrir a Casa Cornide
- "Entruidos e Mascaradas na Galicia": a maior guía visual das máscaras do país
- Unha nova vida para as vivendas 'fantasma' que invaden o casco histórico de Compostela
- O futuro das romarías en perigo: "Hoxe hai curas que lle din á xente do rural que os seus ritos só son supersticións"
- Quen será o gañador do concurso para a rehabilitación do Pazo de Lourizán?
- As ruínas do cemiterio máis melancólico do mundo están en Cambados, rodeadas de lendas e misterios