O tesouro que oculta a Illa dos Mortos

Na illa do Areoso, na Arousa, atopáronse máis de 1.600 pezas de cerámica que testemuñan contactos con asentamentos de Francia e do norte do Douro.

Por Galicia Confidencial | Arousa | 14/01/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Ata máis de 1.600 pezas de cerámica catalogadas en tres grandes conxuntos por períodos históricos diferentes, comprendidos desde o Neolítico final ao final da Idade do Bronce. Ese é o gran tesouro atopado nun pequeno terreo de 600 metros de longo por 200 de ancho, o illote de Guidoiro Areoso, na Ría de Arousa, coñecido como a Illa dos Mortos.

Illote de Areoso
Illote de Areoso | Fonte: augamorta.wordpress.com

O equipo de investigadores que participa no proxecto de divulgación 'Guidoiro Dixital' acaban de publicar un artigo sobre este illote na revista especializada “Trabajos de Prehistoria” no que estudan  cronolóxicamente a ocupación histórica deste espazo a partir dun estudo pormenorizado das pezas de cerámica que apareceron en diferentes prospeccións ao longo dos anos.

O traballo publicado é obra de Elías López-Romeu, Alejandro Güimil-Fariña, Patricia Mañá-Borrazás, Carlos Otero Vilariño, María Pilar Prieto Martínez, José Manuel Rei García e X. Ignacio Vilaseco Vázquez.

Estas investigacións apuntan a posibles contactos con zonas de Francia e do Alto Douro. Entre estes anacos cerámicos destaca un fragmento dunha especie de cazo, achado en 2014, que estes investigadores cren que é a “primeira noticia sobre cerámica tipo Cogotas en Galicia”. “A súa composición, a partir de materiais derivados de esquistos, apunta a que a súa materia prima localízase lonxe”, indican.  Cren que a súa orixe pode estar en xacemento máis próximo a zona norte do Douro, a uns 200 quilómetros.

Por iso, este grupo de especialistas cren que os posibles contactos foráneos tanto a nivel peninsular como europeo que revelaría este “material cerámico excepcional, copará sen dúbida a investigación en próximos anos”.

Entre os fragmentos de vasos e outros obxectos analizados tamén hai varios nos que destacan “técnicas decorativas excepcionais”, en forma de espiña dorsal. Son motivos moi pouco vista en Galicia. “Cremos que se trata dunha transferencia técnica procedente do oeste de Francia”, engaden. Outros pedazos tamén conteñen “pastas moi bastas con paralelos de novo en Francia”.

No artigo tamén destaca a implicación e a mobilización social en defensa da protección do patrimonio do illote, no que destacan, sobre todo, o papel de colectivos como os Pandulleiros ou a Confraría de pescadores. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Juan do Cheirón

Naquel período o que se chama Illa de Areouso, non era tal, pois as rías foron posteriores, teño entendido.