Os arroaces que visitan augas galegas presentan altas concentracións do contaminante PCB

Un estudo europeo no que participa a Cemma alerta dos altos niveis atopados deste axente químico en varias especies de cetáceos que ameazan a súa existencia.

Por Alberto Quian | Santiago | 15/01/2016 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

As concentracións de bifenilos policlorados (PCB) para os arroaces do atlántico peninsular Galicia e Portugal— son altas, esperable a causa de vivir moi preto da costa, mais tamén preocupante polas consecuencias que pode ter na conservación da especie. Esta é a principal conclusión á que chegaron os expertos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), grupo galego que participou nun estudo europeo coordinado pola Sociedade Zoolóxica de Londres, publicado este xoves na revista científica Scientific Reports, de Nature, e no que interviron unha vintena de centros de investigación europeos.

Golfiño varado na praia de Razo
Golfiño varado na praia de Razo | Fonte: CEMMA.

Cemma aportou once mostras de tecidos de arroaces varados na costa galega ao total das 1.081 mostras de cetáceos analizadas no estudo, titulado PCB pollution continues to impact populations of orcas and other dolphins in European waters.

Un composto químico prohibido

O PCB é un composto químico sintetizado en laboratorio a partir de cloro, carbón e hidróxeno que presenta unha elevada toxicidade ambiental. De feito, está considerado polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente como un dos doce contaminantes máis nocivos fabricados polo ser humano. Estados Unidos foi o primeiro país en prohibir a súa fabricación, no ano 1977; actualmente o seu uso está prohibido en case todo o mundo. Porén, o PCB deixou unha fonda pegada no medio ambiente pola súa persistencia, como deixa claro este estudo sobre cetáceos; especialmente, en augas europeas, onde o nivel de concentración de esta substancia química é, probablemente, o máis alto do mundo, segundo os expertos.

Algúns contaminantes como organoclorados (OC) pesticidas e persistentes bifenilos policlorados (PCB) foron establecidos como toxicos dose-dependentes en aves, peixes e mamíferos, pero o impacto real dos contaminantes organoclorados nos principais súper depredadores mariños europeos segue sendo descoñecido. No traballo no que participou Cenmma amósase que varias especies de cetáceos teñen moi altas concentracións medias en graxa de bifenilos policlorados (PCB), con probabilidade de causar descensos e supresión da recuperación das poboacións.

Concentracións na maioría de exemplares

Nunha meta-análise paneuropea de animais varados ou biopsiados, tres de cada catro exemplares —golfiños riscados, arroaces e candorcas— tiñan niveis medios de PCB que claramente superan todos os limiares coñecidos de toxicidade de mamíferos mariños. Lugares como o oeste do Mar Mediterráneo son "puntos quentes" globais para os mamíferos mariños, explican os investigadores. En concreto, nos animais atopados entre o golfo de Cádiz e o estreito de Xibraltar detectáronse concentracións de PCB por enriba dos 40 miligramos por quilo.

As concentracións de PCB na graxa inicialmente diminuíron a mediados da década de 1980 pola prohibición da Unión Europea, mais dende entón téñense estabilizado nas toniñas do Reino Unido e nos golfiños riscados no Mar Mediterráneo occidental. Algunhas poboacións pequenas ou en declive de arroaz e candorca, no Atlántico NE, asociáronse con baixos reclutamentos, en consonancia coa toxicidade reprodutiva inducida polos PCB.

Malia os regulamentos e medidas de mitigación para reducir a contaminación de PCB, a biomagnificación nas redes alimentarias mariñas segue causando graves impactos entre os principais cetáceos superdepredadores, ou no cume da cadea alimentaria, nos mares europeos, salientan os científicos.

--------------------------------

Jepson, P. D. et alPCB pollution continues to impact populations of orcas and other dolphins in European waters. Sci. Rep. 6, 18573; doi: 10.1038/srep18573 (2016).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta