Analistas desacougados

Un dos efectos colaterais provocados polos resultados do pasado 20 de Decembro está localizado no universo dos analistas que desenvolven o seu labor nos principais medios de comunicación.Do mesmo xeito que os dirixentes dos partidos tradicionais –nomeadamente PP e PSOE- tiveron que buscar mecanismos de reciclaxe mental para enfrontar a nova situación derivada das urnas, a meirande parte dos referidos comentaristas padeceron un singular “jet lag” político do que aínda non se recuperaron.

Por Xesús Veiga | Compostela | 18/01/2016

Comparte esta noticia

Durante moitos anos, estes persoeiros mediáticos defenderon belicosamente o bipartidismo reinante apelando á grande madurez e sabedoría do corpo electoral.Para calar as poucas voces discrepantes, sempre enunciaban a frase máxica:”a cidadanía, cando vota,nunca se equivoca”.A partir do 20-D, o conto xa non é o mesmo.Segundo pasan os días e medra a constatación de que a nova pluralidade parlamentaria non pode ser cociñada coas receitas do pasado, os opinadores mais atrevidos rachan coas súas prédicas anteriores e comezan a sinalar que os votantes cometeron unha grave insensatez por non repetir o comportamento habitual das últimas décadas.Cando apoiaban aos grandes partidos a pesar dos casos coñecidos de corrupción eran un exemplo de serenidade racional pero cando comezan a rachar as vellas fidelidades electorais cometen un grave erro que desestabiliza perigosamente o sistema democrático español.

Instalados no seu desacougo invernal, os analistas buscan desesperadamente fórmulas para saír do labirinto aritmético no que se atopa o Congreso.Pero non lles vale calquera combinación.Só queren un “ménage à trois” entre PP,PSOE e Cidadans.O eventual acordo do PSOE con outras formacións de esquerda e nacionalistas é considerado un pecado de lesa patria:o comezo da destrución de España e a entrada no apocalipse económico decretado por Bruxelas e polos mercados financeiros.

A campaña xa está lanzada por terra, mar e aire.O leit-motiv é nidio:necesítase unha grande coalición ou un acordo programático entre as dúas pezas básicas do vello bipartidismo.E como Pedro Sánchez semella presentar algunha resistencia, as baterías disparan contra el sen descanso.Con Rajoy, poren, case non hai reproches.Ninguén se escandalizou pola pretensión mariana de seguir pilotando o PP e manter a súa candidatura nunha hipotética repetición da cita electoral.

As empresas do IBEX, os dirixentes da UE, os grupos mediáticos mais relevantes:velaquí o mapa dos poderes que van presionar para que PP e PSOE acaden un acordo que evite uns novos comicios en Maio.Os desacougados analistas xa teñen traballo para as vindeiras semanas.A esta altura, só hai unha dúbida:chegarán a pedir a retirada de Rajoy –a de Sánchez xa está solicitada, coa evidente complicidade de varios dirixentes socialistas- para facilitar o pacto que tanto desexan? Admítense apostas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.