Por E.P. | Santiago | 21/10/2024 | Actualizada ás 12:23
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) poderá contratar profesionais sanitarios diplomados, por exemplo enfermos e fisioterapeutas, sen o requisito de ter nacionalidade española ou dun estado membro da Unión Europea. Trátase dunha excepción xa contemplada para o persoal licenciado, como os médicos.
Esta é unha das modificacións legais que figura na lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos Orzamentos da Xunta parta 2025, que o sábado foron presentados no Parlamento galego.
En concreto, a reforma afecta o artigo 115 da Lei de Saúde de Galicia. De tal forma, "por razóns de interese xeral e necesidades obxectivas", poderase "eximir do requisito da nacionalidade española" para que accedan á condición de persoal estatutario --fixo ou temporal-- no Sergas tanto os licenciados, que xa estaban previstos, como os diplomados.
E é que ter a nacionalidade española ou dun país da Unión Europea, con carácter xeral, é unha das condicións para obter unha praza como empregado público, de acordo coa normativa estatal.
Así, a partir de 2025 o Sergas poderá contratar a cidadáns de terceiros países non só para ocupar unha praza de médico ou de facultativo especialista, senón tamén de enfermeiro, fisioterapeuta, nutricionista e podólogo, entre outras categorías.
POSTOS DE DIFÍCIL COBERTURA
Así mesmo, a lei de medidas que acompaña aos Orzamentos de 2025 establece que a experiencia nos hospitais da Barbanza --en Ribeira, A Coruña-- e O Salnés --en Vilagarcía, Pontevedra-- puntuará triplo nos concursos de méritos e nos de traslados que convoque o Sergas.
Isto xa estaba previsto nos hospitais comarcais de Cee, Burela, Monforte, Verín e O Barco de Valdeorras, para facer máis atractivas as prazas en lugares de difícil cobertura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.