Temas: CEBREIRO

Nova desfeita do patrimonio galego no Cebreiro

A casa-torre de Veiga de Forcas caíu en xaneiro deste ano tras un longo abandono. Alí tivo lugar unha pequena revolución veciñal en 1868 ao berro de "Viva o pobo, abaixo a tiranía".

Por Galicia Confidencial | Cebreiro | 02/02/2016 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

Nin a chuvia, nin o vento, nin o seu mal estado acabou con outra pequena xoia do patrimonio galego. Foi o seu longo abandono o que provocou que este xaneiro se derrubara a casa-torre de Veiga de Forcas, en Pedrafita do Cebreiro, un edificio que data do século XV.

Derrube da casa forte de Veiga de Forcas, en Pedrafita do Cebreiro
Derrube da casa forte de Veiga de Forcas, en Pedrafita do Cebreiro | Fonte: onosopatrimonio.blogstpot.com

Precisamente, do antigo castelo do século XV apenas quedan restos. No lugar conservábase a abandonada casa-pazo e torre que sufriu varias reformas, entre outras unha no ano 1964 que fixo desaparecer varios elementos. No pazo aínda se poden ver dous escudos coas armas dos Ron e dos Armesto.

Tras o derrube, os donos puxéronse en contacto co Concello de Pedrafita do Cebreiro para declarar a casa en ruínas. A Dirección Xeral do Patrimonio anunciou que aínda que sexa declarada en ruínas, non autorizará a demolición xa que está protexido. A Xunta di que quen debe garantir a seguridade da casa e reconstruíla segundo as directrices de Patrimonio son os propietarios.

Segundo informa o activista Xabier Moure no seu blog, a orixe desta casa-torre estaría no ano 1450, cando o mosteiro do Cebreiro arrendou a xurisdición aos Armesto, sendo a partir de entón cando os señores da fortaleza pasaron a xestionar as terras e a cobrar os trabucos aos labregos.

No 1625, Gonzalo Armesto e Ron derrubou a capela do pazo e construíu a igrexa parroquial, situada xunto a casa, contando para elo coa oposición do prior do Cebreiro pero co visto e prace do bispo de Lugo.  

Derrube da casa forte de Veiga de Forcas, en Pedrafita do Cebreiro
Derrube da casa forte de Veiga de Forcas, en Pedrafita do Cebreiro | Fonte: onosopatrimonio.blogstpot.com

A mediados do século XVIII, os fidalgos xa non vivían na casa-torre xa que se trasladaran para Vilafranca do Bierzo. Na actualidade pertence a varios herdeiros, descendentes da familia fidalga. 

Revolución

Segundo a documentación que existía no arquivo do avogado Manuel Neira Pol, o 13 de outubro do ano 1868 reuníronse os habitantes do Cebreiro en Veiga de Forcas ao grito de "Viva o pobo, abaixo a tiranía", tomando un acordo coñecido como "Acordo Municipal do Cebreiro" no cal destitúen á corporación municipal de Pedrafita do Cebreiro, designando como sé da capitalidade a Veiga de Forcas, nomeando concelleiros, entre outros a Manuel Mejía e José de Neira Saco quen por elo foron procesados polo delito de rebelión. 

Temas: CEBREIRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Outro chanzo mais dos PPodres para poder borrar toda pegada de Galiza no mundo