Ence: política miseria

O goberno en funcións do Partido Popular prorrogou outros 60 anos a concesión a ENCE na ría de Pontevedra. A decisión ten unhas implicacións transcendentais para o desenvolvemento do rural galego. A instalación da fábrica do Grupo ENCE en Pontevedra data de 1957 e coincide coa decisión do chamado “Patrimonio Forestal del Estado” de plantar eucaliptos no norte de España a fin de producir celulosa. Debe recordarse que ENCE –Empresa Nacional de Celulosas– constituíuse como empresa pública dentro do grupo INI e foi privatizada a partir de 1990. Tamén ha subliñarse que a sede do Grupo ENCE radícase en Madrid inda que ningunha das súas fábricas se localiza nin sequera preto da capital de España. Así mesmo semella significativo o feito de que ningún dos membros do consello de administración do Grupo sexa galego e que tres deles presenten vinculación co Partido Popular.

Por Marcelino Fdez. Mallo | Opinión | 09/02/2016

Comparte esta noticia

Hai máis: a decisión tómase por un goberno en funcións que ten as súas competencias limitadas e que recorre a unha artimaña administrativa para adoptala. No proceso, conta coa complicidade da Xunta de Núñez Feijoo que emite o informe medioambiental requirido sen abordar as múltiples valoracións desfavorábeis que caberían. A postura da Xunta do PP contradí ademais o seu programa electoral e mesmo a posición que o propio presidente galego sostivera ata hai apenas uns meses.

A fábrica de celulosa en Pontevedra utiliza auga para os seus procesos de transformación, auga que verque na ría contendo restos químicos o cal inutiliza o espazo para o seu uso marisqueiro. Ademais provoca un efecto olfactivo desagradable, certo que agora menor, e un evidente impacto visual. Para o país, a permanencia de ENCE na ría amosa consecuencias mesmo de maior transcendencia. De entrada, a permanencia da factoría contravén varias leis autonómicas vinculadas á protección do medio así como á ordenación do territorio.

A fábrica de celulosa serviu como pretexto para a plantación masiva de eucaliptos en Galicia. Abonda coa consulta dalgúns datos: en España hai arredor de un millón de has. de superficie plantada de eucalipto das cales máis do 50% se sitúan en Galicia, en concreto eucalipto globulus e, dende hai uns poucos anos, tamén nitens. Calcúlase que un terzo da superficie forestal galega se corresponde coas plantacións de eucaliptos, unha proporción que aumenta cada ano. Hai concellos nos que ocupa en torno ao 80% do solo forestal. Tendo en conta que o 22% de eucalyptus globulus (blanco) no mundo está rexistrado en España, pódese valorar que en Galicia se concentra en torno ao 15% do total mundial desta especie de árbore australiana, unha cifra que podemos cualificar de descomunal sen medo a esaxerarmos.

O eucalipto provoca a perda de nutrientes do solo e, xa que logo, a diminución da súa fertilidade. Propicia ademais a mineralización da materia orgánica; altos niveis de erosión sobre todo as plantacións en pendente; redución da dispoñibilidade de auga; dificultades para a supervivencia de especies locais; abrupta limitación da biodiversidade; xeración de flora de escaso valor ecolóxico; empobrecemento da fauna a tódolos niveis; elevada vulnerabilidade ao lume; radical deterioro da paisaxe e, como agravante dos factores anteriores, un carácter invasor que potencia a súa expansión incontrolada.

Permítaseme utilizar un par de citas para afondar no impacto do eucalipto na paisaxe, un elemento de importancia difícil de cuantificar pero crítica en diversos aspectos. Segundo Lars Kardell, profesor emérito da Universidade Sueca de Ciencias Agrícolas, “as plantacións de eucalipto alteran fondamente a estrutura, xeometría e cromatismo da contorna e modifican a paisaxe nun prazo de tempo moi curto”. O profesor da Escola Politécnica Superior da USC Rodríguez Guitián completa a valoración anterior: “O predominio de especies perennifolias supón monotonía e estabilidade na paisaxe e, en consecuencia, ausencia das enriquecedoras variacións estacionais”.

A ampliación da concesión a ENCE na ría de Pontevedra é unha pésima noticia para a cidade e para o conxunto do país. Mais aínda se está a tempo de reverter a situación. É preciso apelar a medida do goberno en funcións e actuar con dilixencia e contundencia (“En Marea” debe levar o asunto ás negociacións co PSOE, por exemplo). Pero igualmente resulta imprescindible desenvolver dous proxectos para garantir que a oportunidade que suporía a derrogación da concesión non se perde: un para a recolocación dos 330 traballadores da fábrica nunha iniciativa, ou iniciativas, de carácter industrial na cidade ou na súa zona periurbana. E o segundo, ese gran plan de transformación que supoña o pulo xenuíno, esta vez si, para o rural galego. Ese plan haberá de incluír un programa de desenvolvemento forestal que, entre outras medidas, postule por:

 A limitación da superficie dedicada ao eucalipto a un máximo de 250 mil has. en Galicia.
 Tala urxente de todo eucalipto plantado na Rede Galega de Espazos Protexidos e en zonas mixtas onde “conviva” con especies autóctonas así como dos eucaliptos asilvestrados.
 Prohibición de plantación de eucalipto próxima a zonas de masas de frondosas autóctonas, terreos agrícolas, ríos e hábitats de interese paisaxístico.
 En virtude da recente sentenza da Audiencia Nacional, prohibición de cultivar Eucalyptus nitens e programa de erradicación do existente. 
 Aprobación de medidas de protección e fomento das especies autóctonas e impulso aos aproveitamentos multifuncionais e sustentables do bosque galego.

Un plan de traballo así concibido constituiría un primeiro paso esperanzador para empezar a reconfigurar o campo galego de xeito que recupere o peso fundamental no desenvolvemento do país que nunca debeu perder.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego