Temas: MONTE BOSQUE

Simbólica protesta en Ferrol pola propiedade dun monte

Un grupo de veciños realiza unha “ocupación activa” do monte Cha cunha acción na que se plantaron especies autóctonas.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 13/03/2016 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

O monte Cha sitúase no cumio da montaña entre a entrada da ría de Ferrol e o val de Doniños. Conta con 230 hectáreas que na actualidade están xestionadas polo Concello de Ferrol. Unha situación que non lle gusta aos veciños de varias parroquias que consideran que este espazo arbóreo é deles.

Vistas desde o monte Cha
Vistas desde o monte Cha | Fonte: montecha.net

Por iso, a Asociación Montes Veciñais do Cha realizou este sábado unha “ocupación activa” nos Montes do Cha (Ferrol) para reivindicar este espazo como monte veciñal. A veciñanza de Brión e San Román de Doniños leva décadas loitando polo monte de seu e por iso organizaron esta acción, co obxectivo de implicar á cidadanía na defensa do carácter comunal dese monte.

A súa acción consistiu na plantación de acivros, carballos e outras árbores autóctonas, nun acto no que non faltou a música, un xantar e refrixerios para os que colaboraron con esta ocupación simbólica e temporal dun monte veciñal.

A comunidade veciñal quere que o seu monte teña a mesma condición que outros tantos 3.000 montes veciñais en man común en Galicia, no que a propiedade do monte recae nos veciños e veciñas que residen de forma habitual nese territorio. Así, din, poderían autoxestionar o monte dunha forma sustentable e entre todas as mans.

“Apoiar este encontro supón acreditar no potencial desta comunidade veciñal, que leva moito tempo traballando en común e de forma activa pola recuperación dun monte que no pasado, dende tempos inmemoriables, era propiedade da comunidade veciñal do lugar”, sinalan.

Temas: MONTE BOSQUE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Artabro93

O que se ve na foto non é a ría de Ferrol, son a praia e a lagoa de Doniños, e xa dan a mar aberto.