Temas: IGREXIA

“Cupido manda frechas aos curas que non casamos”

O cura de Santa Cruz, en Oleiros, ironiza sobre o raio que afectou a igrexa este domingo con 160 nenos no seu interior e que, afortunadamente, saíron ilesos.

Por Galicia Confidencial | Oleiros | 16/02/2016 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

O párroco de Santa Cruz, en Oleiros, é un home afortunado. É a segunda vez que sofre a caída dun raio nunha igrexa mentres oficia actos relixiosos. A última vez, este domingo, cando un raio estourou o cadro eléctrico da igrexa nova, con 160 nenos dentro, aínda que ningún deles sufriu danos.

Igrexa nova de Santa Cruz, en Oleiros
Igrexa nova de Santa Cruz, en Oleiros

O único que levaron foi un bo susto, sobre todo José Carlos Alonso, o cura, a quen lle pasou o mesmo hai un tempo na igrexa da Pobra do Caramiñal.  “Perséguenme os raios e non hai dous sen tres", ironiza sobre o acontecido e pensando que aínda pode vivir un episodio semellante.

"Cupido manda frechas e como os curas non casamos o que me enviou foi un raio que por pouco me fulmina", ironizou en declaracións a Efe recollidas por algúns medios en alusión a que este domingo foi o día de San Valentín. A pesar de ter un pararraios, o lóstrego queimou unha cruz e descolgouse por un ferro da igrexia.

O raio entrou polo campanario, baixou polo sistema de electricidade até a sancristía e saíu pola mesma toma de luz cara a fóra, e provocou a explosión do cadro de electricidade da igrexa. Os técnicos valoran nestes momentos os danos no templo e supervisan eventuais incidencias na megafonía, instalada fai dez días, o proxector audiovisual, a alarma ou a ordenadores da aula de informática.

Xusto fíxoo cando acababa de terminar a misa de doce e había 80 nenos na igrexa e outros tantos nos locais contiguos asistindo á catequese, mentres o coro estaba a ensaiar. "O ruído foi impresionante", lembra Alonso, que detalla que o reloxo das badaladas "saltou polo aire" e golpeou a un mozo, sen maiores consecuencias.

A igrexa é de formigón e o eco "é terrible", polo que a reverberación tan grande do trono fixo chorar aos nenos. "Todo o que era eléctrico saltou polo aire", lembra, pero a estrutura da igrexa non resultou danada, tan só os aparellos eléctricos, precisou o párroco, que subliña que se atoparon anacos a vinte metros de distancia.

Temas: IGREXIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta