Divide e vencerás

Dende hai algúns meses, as mudanzas que se están rexistrando na política galega resultan evidentes.Para quen tivera dúbidas, aí está a reacción pública do PPdG á recente Asemblea Nacional do BNG.Ou ese laudatorio artigo escrito por unha persoa –Xosé Carlos Caneiro- cuxa afinidade política co actual presidente da Xunta ten sido expresamente recoñecida.

Por Xesús Veiga | Compostela | 03/03/2016

Comparte esta noticia

Era imaxinábel, hai 3 ou 4 anos, que o voceiro galego do PP emitira unha mensaxe con desexos de sorte  e  de “recuperación da identidade” aos novos dirixentes elixidos nunha Asemblea do BNG?Qué faría daquela o PPdG se tivera que avaliar unha cita da organización nacionalista na que se aprobaran resolucións pedindo a liberdade de Otegui  e apoiando o proceso independentista de Catalunya?Por moito menos que iso, os responsábeis do PP e as súas terminais mediáticas emprendían unha campaña de feroz criminalización da fronte nacionalista.

A explicación a esta novidosa e sorprendente exhibición de “buenismo” a respecto do BNG hai que buscala na desesperación que debe estar invadindo os despachos de Feijoo e da súa equipa.Cheiran a derrota nos comicios ao Parlamento do Hórreo e queren aproveitar ao máximo as oportunidades que lle ofrecen os seus adversarios.Se poden contribuír á división do voto que se move no espazo da Marea e do BNG, moito mellor.Evitar a optimización que se derivaría dunha confluencia multiplicadora entre os segmentos nacionalistas e aqueles sectores da esquerda estatal ubicados á marxe do PSOE, é un obxectivo da máxima prioridade para os que manexan o aparato “popular”.

“Divide e vencerás” é unha vella máxima que xa foi utilizada por Feijoo na campaña que precedeu aos comicios do ano 2012.Naquela conxuntura, a comparecencia de AGE  e de CxG –opcións creadas a partir da división nacionalista provocada pola Asemblea de Amio- facilitaba a execución de semellante táctica.Agora queren repetir a experiencia para obter un resultado satisfactorio.Repetirase a historia?A pesar de que o desgaste electoral do PP é, agora, sensibelmente superior, todo vai depender dos acertos e dos erros que cometan as forzas políticas da oposición.A carencia dun liderado consistente no PSdG, as liortas e incertidumes que se rexistran no seo da Marea e as decisións adoptadas na recente Asemblea do BNG provocan, a esta altura, mais desacougo do que sería desexábel.Está en xogo a continuidade da prolongada hexemonía electoral do PPdG.Que ninguén esqueza esta circunstancia.Non se poderá alegar ignorancia para fuxir das responsabilidades do fracaso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.