Temas: MúSICA

Arzúa celebra a 41ª Festa do Queixo con Luar na Lubre

Os días 4, 5 e 6 de marzo terá lugar este acontecemento contemporáneo e multidisciplinar que reúne en Arzúa unhas 40.000 persoas cada ano. Luar na Lubre será un dos pratos fortes do programa musical co seu novo traballo “Extra Mundi”.

Por GC Tendencias | Arzúa | 03/03/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

A Festa do Queixo é unha celebración onde o queixo é o protagonista dende 1976. Un acontecemento anual que aporta valor engadido a Galicia e a Arzúa nos aspectos económico, cultural e didáctico. Como cada edición, estarán presentes gastronomía, música, cultura,  tradición e innovación.

Cartel Festa do Queixo 2016
Cartel Festa do Queixo 2016

A programación desta edición comeza o 4 de marzo co 10º concurso de Tapas e Petiscos, organizado polo Consello Regulador da D.O. Protexida Arzúa-Ulloa e a Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa. Das 18 h. ás 23.30 h. pódense degustar en 25 establecementos de hostalaría de Arzúa as tapas participantes.

O recinto feiral “Terra do Queixo” será o punto de encontro e espazo de intercambio para artesáns, profesionais da gastronomía e visitantes que alí se citen. Abre o sábado 5 de 11 h. a 20.30 h. e o domingo 6 de 10 a 18.30 h. Calcúlase que haxa máis de 45 queixerías, algunhas de fóra de Galicia, dun total de 60 postos relacionados coa gastronomía. Nel terá lugar tamén actividades formativas, culturais e de lecer para pequenos e maiores e no posto da organización haberá un fotocol para “queixear” co mellor sorriso e 40 artigos de agasallo da festa.

O pregoeiro deste ano será o coñecido debuxante ourensán, Xosé Lois, coñecido polo seu característico personaxe “O Carrabouxo”. O pregón terá lugar no recinto feiral na inauguración oficial do evento o sábado 5 ás 13 h.

No apartado musical, o “Festival do Queixo” deste ano presenta unha variada programación. O sábado 5 a partires das 22.30 h. no campo da feira actuarán o rapeiro alacantino Nach, Miguel Campello, cantante de “elbicho” e para pechar a noite sesión DJ con Diego RJ. O domingo 6 na sesión vermú (13 h.) estará Troy, formación viguesa gañadora do concurso “Queixo Maquetón” e pola tarde a partir das 18 h. Andrés Penabad e Luar na Lubre que aproveita para presentar o seu novo traballo “Extra Mundi”. Todos os concertos son de balde.

Festival do Queixo
Festival do Queixo

Durante toda a fin de semana haberá como novidade curiosa deste ano Food-Trucks con petiscos doces e salgados feitos con queixo e tamén animación de rúa no recinto feiral e polas rúas de Arzúa coas formacións tradicionais Os Xirifeiros, Trópico de Grelos e As Sobreiras do Ulla. O sábado 5 ás 19 h. na Praza de Galicia concerto de Bringuelas (en caso de choiva no recinto feiral). 

Presentación da Festa do Queixo 2016 en Arzúa
Presentación da Festa do Queixo 2016 en Arzúa
Luar na Lubre
Luar na Lubre
Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta