Morre Xosé Manuel Piñeiro, 'Superpiñeiro', un dos grandes rostros da TVG

Faleceu aos 68 anos en Santiago.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 22/01/2025 | Actualizada ás 10:29

Comparte esta noticia

Xosé Manuel Piñeiro, un dos presentadores con máis sona e programas na TVG, faleceu este mércores en Santiago. O 'showman', de 68 anos de idade, era natural de Allariz e foi un dos rostros da TVG durante anos co seu programa 'O Supermartes' que conduciu entre 1992 e 2005. Piñeiro tamén estivo á fronte doutros programas, coma Tequelexou, Téquele, ou Acompáñenos. Dende o 2011 presentaba o programa Bamboleo. En 2018 deixou as pantallas para afrontar un cancro, un mieloma múltiple, que conseguía superar un ano despois. En 2019 volvía ás pantallas para presentar o especial Aquí Portugal, un espazo conxunto entre as canles públicas galega e lusa que se ofreceu en directo desde a praza do Obradoiro. Piñeiro, Superpiñeiro, foi galardoado no 2020 coa medalla Castelao. 

Superpiñeiro con Diana Nogueira e Mabel Ribera nun programa do Supermartes
Superpiñeiro con Diana Nogueira e Mabel Ribera nun programa do Supermartes | Fonte: TVg


CONDOLENCIAS

Tras coñecerse a noticia, figuras da política, institucións e personalidades expresaron o seu pesar pola perda de Xosé Manuel Piñeiro e trasladado as súas condolencias á familia. "O seu carisma marcou xeracións nunha carreira de éxitos. Descansa en paz. Inesquecible, Superpiñeiro", publicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa conta de 'X'. Tamén lembrou a figura do presentador nesa mesma rede social a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. "Todo o agarimo e afecto a familia e amizades de Xosé Manuel Piñeiro, un referente da nosa televisión pública co que tantas e tantos crecemos", reza a súa mensaxe.

As mostras de pesar chegaron tamén desde as institucións, como a Deputación de Ourense ou o concello da súa vila natal, Allariz, onde este xoves será enterrado. "Hoxe lamentamos profundamente a perda do noso veciño Xosé Manuel Piñeiro, gran embaixador de Allariz. O seu legado perdurará en cada recuncho da nosa vila, onde sempre será lembrado con gran agarimo e admiración", publicou a conta oficial de Allariz en Facebook. "Todo un referente na CRTVG e un comunicador inigualable, que sempre fixo gala do seu orgullo de pertencer á provincia de Ourense como veciño de Allariz. Descansa en paz e ata sempre, Superpiñeiro", sinalou a Deputación de Ourense en 'X'.

Máis aló de Galicia, figuras da música como o venezolano Carlos Baute, convidado habitual de espazos como Bamboleo, expresou a súa dor pola morte do seu "admirado" Xosé Manuel Piñeiro. "Un gran profesional, compañeiro e amigo. A túa pegada en todos os que che coñecemos será sempre indeleble. Grazas por cada risa, cada momento, deixáchesnos coa túa entrega día a día. O meu máis sentido pésame á súa familia e seres queridos. Descanse en paz compañeiro", pon a mensaxe colgada polo cantante no seu perfil de 'X'.

PROGRAMACIÓN ESPECIAL

A TVG, 'casa' de 'Superpiñeiro', preparou unha programación especial para render tributo a unha das súas caras máis coñecidas, segundo comunicou o ente público nun comunicado no que expresa a súa dor pola perda do presentador. Durante a xornada deste mércores haberá recordos á súa figura na grella de radio e de televisión. Ás 21.30 horas, a TVG ofrecerá o programa especial 'Querido Piñeiro', que dará a coñecer "o lado máis persoal desta estrela e pioneiro da televisión galega".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta