Os poemas de Manuel María nun libro-CD para nenos

A poesía de Manuel María achégase aos pequenos da casa grazas a Teatro de Guiñol, un libro-disco de Pirilampo. O traballo preséntase nun concerto en Ourense, cuxas entradas xa están á venda.

Por GC Tendencias | Ourense | 17/03/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Chega ás librarías galegas Teatro de Guiñol, un libro-disco do grupo coruñés Pirilampo que homenaxea ao poeta Manuel María o ano no que se lle adica o Día das Letras Galegas. Un novo traballo da colección Sonárbore de Editorial Galaxia, destinada a achegar a produción musical -de calidade- aos máis pequenos e pequenas da casa. Con ilustracións do recoñecido artista gráfico Iván R.

Manuel María
Manuel María

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá o primeiro concerto de presentación deste traballo literario e musical este sábado, 19 Marzo, ás 18h. As entradas están á venda en aTaquilla dende 3€

Teatro de Guiñol presenta unha escolma dos versos máis retranqueiros e festivos de Manuel María, o que xa constitúe un garante de éxito entre o público ao que se destina a obra. Compilados dos poemarios As rúas do vento ceibe, Os soños na Gaiola e Terra Chá, os once temas que conforman o álbum foron musicados polo grupo Pirilampo, sendo esta a súa segunda contribución á colección Sonárbore de Galaxia -tras a publicación de Lucecús no ano 2014.

Mención especial merece o deseño deste libro-disco, que grazas á achega do recoñecido artista gráfico Iván R. se convirte, case, en peza de coleccionista. Unha coidada e particular estética que recrea a vida que existe máis aló das verbas de Manuel María.

O músico coruñés Xurxo Souto, abandeirado por excelencia do movemento bravú, é o encargado de prologar este Teatro de Guiñol. Unha intervención na que califica ao grupo Pirilampo de marabilla. “Un comando musical itinerante de artistas ventureiros que avanzan pola noite e enchen de melodías todo o que tocan coa súa luz”. Un prólogo no que ademais, Souto se remonta á mesma infancia de Manuel María, un neno de ollos grandes que aprendeu a usar a ferramenta da fala -agasallo dos avós- para compartir historias e e ncher de poemas toda a Terra Chá.

A natureza, O vento, A fala, Anduriñas, Neve ou o propio Teatro de Guiñol, que lle dá título ao álbum, son só algúns dos poemas escolmados, nesta ocasión, para o gozo de grandes e pequenos. Poemas atemporais para ser contados e cantados, moito máis aló deste ano 2016 no que se lle adica a Manuel María o Día das Letras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta