Uso da literatura

Fai xa algúns anos, cando impartía o módulo sobre “ONG para o Desenvolvemento” no mestrado sobre xestión de ONGs e Cooperación ao Desenvolvemento, organizado na facultade de Ciencias Políticas e da Administración da Universidade de Santiago de Compostela, sempre atopaba un oco para falar de literatura e de xornalismo.

Por Emilio Martinez | Vigo | 17/03/2016

Comparte esta noticia

Os alumnos e alumnas despois dos sesións mais formais acababan preguntándome pola miña experiencia persoal, como presidente que era, ou fora, da Coordinadora Galega de ONGDs ou como voluntario nalgúns lugares bastante diferentes entre si. O meu consello, froito das experiencias no exterior, e das longas conversas que tiña mantido con moitas persoas, era sempre a mesmo: cando un vai a un país o primeiro que ten que facer é coñecer o lugar no que vai traballar. Parece obvio, o sei, pero a experiencia dicíame, e dime, que moitas persoas con excelentes coñecementos técnicos, manexando os formularios de elaboración de proxecto, os cuestionarios, as metodoloxías, á perfección, apenas coñecían a realidade na que tiñan que aplicar eses coñecementos. E así ían, e  van, as cousas moitas veces.

Un país non se aprende lendo uns cantos informes do Fondo Monetario Internacional ou do Banco Mundial, tampouco chega con coñecer a visión de calquera axencia dependente da ONU, como pode ser o PNUD, a OMS… Coñecer un país é moito mais que iso.

Coñecer un país é coñecer a súa historia, a súa cultura, a súa dinámica social… e para iso a literatura é unha ferramenta que se volta imprescindible. Coñecer de que escriben os escritores e as escritoras, que nos conta nas súas novelas, nos seus contos, na súa poesía…

De Gioconda Belli fai uns anos na Coordinadora colleramos a frase “A solidariedade é a tenrura dos pobos” para deseñar un cartel, e a súa obra debería ser imprescindible na maleta de quen parta cara Nicaragua. Si un quere traballar na zona andina debe ler a Manuel Scorza, o autor de “Redoble por Rancas”, ou “O cantar de Agapito Robles”, e ler a José María Arguedas, autor de libros como “Os ríos profundos”, para aproximarse, sequera un pouco, aos habitantes desas cimas do mundo. Si vas a traballar a Mozambique é preciso ler a Mia Couto. O escritor costa marfileño Ahmadou Kourouma ten retratado a traxedia dos nenos soldado nas guerras que asolaron Serra Leona ou Liberia a finais dos noventa no seu libro “Alá no está obrigado”. Na senegalesa Ken Bugul atoparemos, nunha obra case autobiográfica, coñecemento sobre a violencia contra a muller. Margaret Ogola describiranos o rápido cambio da sociedade africana, no seu caso concreto a sociedade keniata.

Os escritores e as escritoras poden ser os nosos guías por territorios que nos informes oficiais dificilmente aparecerán. Na literatura existen compases que nos guiarán na néboa dos datos fríos, nas aparentes neutralidades distantes dos números e as estatísticas.

Literatura, música, teatro, e xornalismo… ler e escoitar. Ler os xornais que apoian ao goberno e ler os xornais que apoian á oposición. Escoitar a música que sona, escoitar á xente nos mercados, nas rúas…

E este consello que eu daba para os países en vías de desenvolvemento tamén é válido para a nosa contorna política e social. Non lle aconsellaríamos a unha persoa de fora ler a Manuel Vazquez Montalbán para entender a Transición española?, non é o noso compatriota Pepe Carvalho, un perfecto cicerone da vida política e social daqueles anos?. Non  lle recomendaríamos a quen quere entender Galicia que recorra ás marabillosas páxinas xurdidas do maxín de Manuel Rivas, ou xurdidas da súa mirada atenta á realidade e convertida logo en reportaxes?.

Hai literatura que non só é válida para entender unha realidade dada, dun país, dunha época. Leonardo Sciacia fala de Italia, en novelas inesquecibles como “Todo modo” ou “Portas abertas”, pero a súa descrición dunha sociedade corroída polo cancro das mafias é válida para moitos outros lugares, algúns tan próximos  a nos como son  os que habitamos.  Andrea Camilleri é algo mais que un novelista do xénero negro. Inmensamente popular pola serie do comisario Montalvano son menos coñecidas outras obras de enorme valor, literario e social, “A opera de Vigata”, “A concesión do teléfono” retratos minuciosos da Italia de diversas épocas… E unha novela que está entre as miñas preferidas “Un fío de fume” que hoxe, como facía cos alumnos e alumnas daquel mestrado, voume tomar a liberdade de aconsellar ler a tanta xente que aspira a que en Galicia o Partido Popular sexa substituído,  mais cedo que tarde, por un novo goberno que, á vez que cure as profundas feridas que as políticas de Feijoo teñen causado a este país, constrúa unha alternativa que contribúa, co esforzo da cidadanía, ao desenvolvemento sostible e solidario desta terra. O libro que aconsello resúmese  case nunha soa frase “Non vender a pel do oso ata que se teña cazado”, non confiarse no pode ser, celebrando antes de tempo o que está aínda por conseguir.  Non se pode agardar unha vitoria que se cimente, en boa parte, en que os erros do PP sexan maiores que as inaccións da alternativa que se pretende crear. Os ventos soplan a favor, pero os ventos teñen que ter vela dabondo para que, ben comandado o navío, este chegue a bo porto. E o navío precisa capitán, e o capital necesita tripulación: mariñeiros, contramestre, piloto… e necesita compás e sextante, e cartas mariñas e derroteiros de costas… Isto Camilleri, e outros, o contan moito mellor do que eu nunca poderei facer, de ai que aconselle encarecidamente que non esquezamos todo o que a boa literatura pode facer por nos.  Eu, dende a modestia de quen só é un cidadá, boto en falla capitán, oficiais, rumbos e rutas... pero o que o vento me trae é o ruído de festas en tabernas portuarias celebrando nada

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.