Negra música

Por Ramón Torrado | Noia | 22/03/2016

Comparte esta noticia

1. Diante da traxedia que asola ás vítimas de catástrofes humanitarias e naturais neste planeta que compartimos faise difícil falar doutros temas, pero no caso da música trátase dun vínculo entre os seres humanos, unha harmonía que sería sangue común que corre polo corpo dunha simbólica persoa única no mundo feita de todos nós.

2. Nos atentados terroristas de París, rompeuse algo novo: unha das matanzas sucedeu durante o concerto do grupo estadounidense Eagles Of Death Metal. Non adoita haber violencia nos concertos, que son unha experiencia de fraternidade e de iluminación pola música. A masacre efectuada quebrou esa especie de comuñón de paz implícita. Rómpense pontes entre o ser humano e as artes.

3. Unha parte predominante da música actual de éxito é excesivamente comercial e intranscendente. É posible que a lixeireza e a diversión de moitas cancións  - complementadas cos con frecuencia excesivos vídeos que as acompañan – sexan unha forma de evadirse precisamente do sufrimento e dos malos augurios que os medios de comunicación expoñen con velada crueldade día tras día.

4. Porén, quedou demostrado co paso dos séculos no caso da literatura e do cine – véxanse dende as traxedias gregas que traen catarse ata películas como Titanic ou O imposible – que cada exploración das profundidades da experiencia humana ten un valor intrínseco que parte da valentía e da nobreza do intento de comprender e de axudar.

5. Entramos aquí nun terreo incerto. No cancioneiro do grupo máis aclamado, os Beatles, cancións como “Helter Skelter”, “Revolution 9” ou “Yer Blues” non adoitan ser as máis queridas. As tres pertencen de forma paradoxal ao chamado álbum branco, o máis escuro dos xenios de Liverpool. Marianne Faithfull, Bob Dylan, Johnny Cash, George Michael, o grupo Nirvana e moitos outros que tal vez non quedaron indemnes fixeron o enfrontamento coa realidade e cos soños que habitualmente se dá na pintura, na novela, na poesía, no teatro e nas mellores series de televisión.

6. E que dicir dos artistas que evolucionan cara a unha abstracción extrema e minoritaria, como Mark Hollis de Talk Talk ou David Sylvian de Japan? Outros, como Kevin Coyne ou Julian Cope mollan os pés en augas de loucura, deixando aos oíntes fascinados e conxelados a un tempo.

7. Hai músicas que dan medo: o Carmina Burana de Carl Orff, a banda sonora a cargo de Jocelyn Pook da película Eyes Wide Shut de Stanley Kubrick, a marcha militar “La madrugá” en Alatriste, ou o final da ópera Don Giovanni de Mozart. Noutros xéneros tamén sucede: as sinxelas e brutais notas do baixista de Bob Marley Aston “Family Man” Barrett levan a un estadio primario do principio dos tempos; hai incursións escuras no soul, nos fados, no flamenco, no blues e no jazz: unha mención de honor para ese arrepiante cumio en contra do racismo que é “Strange Fruit” de Billie Holiday. Cada un terá a súa lista acorde con cada patrón individual.

8. Este tipo de músicas, como certos libros, achegarán dentro do propio ser na chamada alma a unha parte na que non sempre nos atrevemos a entrar, a unha esencia da vida relacionada coa mortalidade. É o que fixo o cantante Ian Curtis do grupo Joy Division, padecendo el mesmo unha viaxe ao corazón da escuridade como a de Joseph Conrad, unha viaxe que o levou ao suicidio con 23 anos. Outros grandes grupos, como Pink Floyd con The Wall ou The Police con Synchronicity, pagaron coa disolución a valentía de abrirse paso ao descoñecido. Cantantes atormentados como Thom Yorke de Radiohead, Stuart Staples de Tindersticks ou Robert Smith de The Cure tamén loitaron cos seus demos interiores. En España, destacan nese aspecto estrelas como Triana, Radio Futura, Décima Víctima ou Antonio Vega.

9. E Galicia? No caso da música galega, hai que partir vendo o evidente pero pouco recoñecido: o tema “Negra sombra” de Juan Montes, cuns tons parecidos ás fúnebres despedidas con trompeta, é unha sinal de identidade. É a escuridade diante. Pero triunfan grupos con cancións humorísticas ou con esquemas folclóricos repetidos ata a saciedade. Onde está a innovación e o atrevemento? Entre os discos galegos, un dos mellores e menos valorados é Lúa descolorida, con versións de poemas de Rosalía de Castro en clave de jazz a cargo da extraordinaria vocalista Dolores Plata, pero todo o mundo coñece as versións do insufrible Amancio Prada.

10. Tal como fixo Freddie Mercury, gravando con Queen pouco antes de morrer un tema con aires españois titulado “Innuendo” a modo de testamento musical, hai pouco o seu amigo David Bowie tamén empregou un gancho de sabor español no excelente tema epónimo do seu disco “Blackstar”,  deixándonos como legado unha estrela negra hipnótica, densa e esixente que probablemente terá unha longa vida pola súa calidade. Resulta moi estraño, pero cabe concluír que – á maneira do irlandés Oscar Wilde en De profundis – en ocasións é necesario entrar de cheo na escuridade para encontrar a luz. En troques de apartar a vista ao que produce medo e inquedanza, como o drama dos refuxiados da guerra de Siria, habería que buscar solucións, entre outros motivos porque eles poderiamos ser nós, ou mellor dito porque eles somos nós.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. Estas obras están todas inéditas.