Por gcdeportes | Compostela | 22/03/2016 | Actualizada ás 09:34
“Sempre me chaman cando a cousa está complicada”. Con 65 anos cumpridos, David Vidal sae do seu retiro na costa gaditana para sumar un novo equipo na súa xa longa traxectoria. O técnico de Portosín ficha polo Guadalajara, do grupo II de Segunda B, polo que resta de tempada e un ano máis de acadar a permanencia. Dende 2013, cando deixou o Xerez polos problemas económicos do club, non adestraba a ningún equipo o de Portosín.
Será o terceiro adestrador deste curso no equipo castelán tralo cese de Félix Arnáiz Lucas, que aguantou no cargo tan só trece partidos (3 vitorias, 4 empates e 6 derrotas). A David Vidal quédanlle oito xornadas para tentar manter o Guadalajara, feito para aspirar ao ascenso, na categoría de bronce: suma 32 puntos, empatado co Leioa, que ocupa o 16º posto, que obriga a xogar o play-off pola permanencia. 31 ten o Talavera e 30 o Mensajero.
En Guadalaxara, David Vidal atoparase un equipo moi internacional: un porteiro xaponés, un xogador coreano e varios africanos. Tamén coincidirá co galego Dani Iglesias, cedido polo Alavés, e co dianteiro Riki, ex do Dépor. “Hai que poñelos en forma. E hai que saír a gañar todos os partidos”, asume David Vidal a urxencia da súa tarefa. O de Portosín xa estivo presente no adestramento do luns e será presentado este martes no Municipal Pedro Escartín.
O veterano adestrador, conta con máis de 400 partidos de experiencia entre Primeira e Segunda, suma deste xeito un novo club o seu extenso currículo. Comezou no Cádiz (1982-1990), onde pasou dende as categorías inferiores ata o primeiro equipo, e pasou por Logroñés (1990-94, os seus mellores anos en Primeira), Raio Vallecano (1994), Vilarreal (1995-1996), Hércules (1997-1998), Compostela (1999-2000), Real Murcia (2001-2003), As Palmas (2003-2004), UE Lleida (2005-2006), Elxe (2006-2008), Albacete (2010 e 2011) e Xerez (2013), a súa última experiencia antes de firmar polo club da Alcarria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.