España desconfía dos pactos

A incapacidade dos partidos españois para chegar a un pacto de goberno no Estado é paradigmática . PP; PSOE. C’s e Podemos tecen e destecen cara á galería, obsesionados con perder posicións tácticas, resoltos no fondo a non ceder das súas posicións. A lóxica competitiva imponse á cooperativa e avanzar cara ao compromiso non ten premio, malia a realidade da existencia dunha maioría de votos que empurra cara un goberno progresista de centro- esquerda.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 03/04/2016

Comparte esta noticia

En realidade, esta actitude xeralizada ten fondas raigames na historia política e social de Castela como núcleo que se impuxo aos restantes países do Estado. A Coroa de Aragón, formada polos Reinos de Mallorca, Valencia e Aragón e o Principat catalán baseábase na confederación voluntaria destes Estados e máis no pacto do Rei con cadanseus parlamentos (superiores ao Rei). Navarra ou Biscaia baseábanse nos  pactos forais e na Galicia e Portugal valorábanse sobranceiramente as capacidades de negociación e compromiso.

Pola contra, a Coroa de Castela construise sobre a primacía do Rei e a unificación forzosa de leis e relixións. Castela liquidou a tradición de convivencia das tres relixións do Libro que un día imperou en Toledo e expulsou xudeus e musulmáns, mentres sometía á doma e castración ao noso país, liquidaba de feito as Cortes  e, logo de sanguentas guerras, suprimía as liberdades aragonesas, valencianas e catalás (1707-1714) e laminaba os foros vascos (1839 e 1876).

O século XIX e o primeiro terzo do XX afondaron nunha España que resolvía os seus conflitos, tanto sociais como territoriais, dende a imposición. Callou, ao tempo, un modelo de español que ten as cousas claras e que pensa do único xeito que se pode pensar. Para este modelo, ben presente na política e na educación, os compromisos e pactos son “componendas” de xente feble ou dubidosa, cando non abertamente disolvente.

A guerra civil e a longa ditadura franquista levaron ás últimas consecuencias esta aversión ao compromiso, permitindo deste xeito que unha pequena elite monopolizase o poder político e as claves do capitalismo de amiguetes que o réxime centralista propiciou.

E velaí o resultado. Desconfianza e aversión cara á plurinacionalidade, fomento do capitalismo de amiguetes fronte á libre concorrencia e incapacidade para construir cooperando.Incapacidade para o compromiso no que gañemos todos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.