As irregularidades de FESAN e os seus vínculos co PP

Toda a oposición apostou esta semana por crear unha Comisión de Investigación en torno as axudas recibidas pola Fundación de Estudios y Análisis (FESAN). Os partidos de esquerda aseguran que está vinculada ao PP -algo que a fundación nega- e no pasado a CIG acusouna de estar ligada ao Opus Dei.

Por Manuel Vilas | Santiago | 07/04/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Para xustificar a súa petición, a oposición esgrime as irregularidades atopadas  en varios cursos auditados polo Consello de Contas. Como Fundación de Estudios y Análisis (FESAN) é unha das grandes beneficiarias das subvencións da Xunta en materia social (a oposición cifra en 10 millóns o recibido en axudas do Goberno Galego dende 2009), os parlamentarios sospeitan que FESAN é en realidade unha entidade instrumental para financiar proxectos de persoas afíns ideolóxicamente.

Fundación de Estudios e Análises (FESAN) 'vinculada ao Opus' segundo a CIG suma 3,7 millóns nesta lexislatura
Fundación de Estudios e Análises (FESAN) 'vinculada ao Opus' segundo a CIG suma 3,7 millóns nesta lexislatura

Con todo, son graves as irregularidades concretas descritas polo Consello de Contas? Está realmente vinculada FESAN ao PP e, como dixo a CIG, ao Opus?

O Consello de Contas investigou dous un cursos impartidos por esta fundación. No de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en Institucións Sociais”

organizado en Meira (Lugo) atopáronse as seguintes irregularidades:

  • Existe subcontratación con entidades beneficiarias das mesmas axudas. GESAN (Gestión de Estudios y Análisis, S.L.)
  • Existen axudas ao transporte xeneralizadas sen xustificación da necesidade de desprazamento dos alumnos
  • Os gastos en titorías preséntanse ao límite do 20% dos gastos de docencia.
  • O persoal de apoio coincide en tódolos cursos deste beneficiario imputando custo de persoal directivo (presidenta da Fundación)
  • No gasto de persoal de apoio non existen partes da imputación de horas que permitan verificar que os importes imputados son os correctos.
  • Non consta a existencia de partes mensuais de asistencia asinados polos alumnos
  • Os gastos no control de calidade supera o límite do 5%.

Noutro organizado en Carballedo (Lugo), o ente fiscalizador público describe as seguintes eivas:

Jaime Rodriguez – Arana Muñoz dando un relatorio na EGAP
Jaime Rodriguez – Arana Muñoz dando un relatorio na EGAP | Fonte: egap.es
  • Existe subcontratación con entidades beneficiarias das mesmas axudas. GESAN (Gestión de Estudios y Análisis, S.L.)
  • A contratación do control de calidade realízase con empresa vinculada: (GESAN)
  • Existen axudas ao transporte xeneralizadas sen xustificación da necesidade de desprazamento dos alumnos.
  • Gastos de control de calidade ao límite máximo do 5%.
  • Os gastos en titorías preséntanse ao límite do 20% dos gastos de docencia.
  • Unha persoa de apoio coincide en tódolos cursos deste beneficiario (19%) de imputación
  • No gasto de persoal de apoio non existen partes da imputación de horas que permitan verificar que os importes imputados son os correctos.
  • Non consta a existencia de partes mensuais de asistencia asinados polos alumnos

Nos dous expedientes Contas deixa constancia do ilícito uso da filial GESAN para subcontratar os cursos e tamén para realizar o control de calidade, que debería ter feito unha compañía externa e non unha vinculada. 

Curiosamente GESAN tamén recibiu cursos subvencionados pola Consellería de Traballo e, polo menos nun deles, Contas tamén atopou eivas. Foi nun celebrado no Irixo sobre “atención sociosanitaria a persoas dependentes”. Neste as irregularidades descritas por Contas son:

  • Impútanse gastos que non corresponden ao período de impartición: en preparación e titorías imputan 4 meses e o curso dura 3.
  • Existe unha alta taxa de abandono.
  • Incúmprense os compromisos de contratación na totalidade dos contratos (sete). A oferta polo centro de contratos nunha provincia
  • distinta á de impartición do curso orixina distintas reclamacións dos alumnos aducindo sentirse enganados nos compromisos de contratación.

Certo é que nos 71 expedientes analizados por contas hai irregularidades, incluídos en varios dos principais sindicatos de Galicia.  Con todos algunhas das eivas descritas anteriormente nos cursos de FESAN e GESAN son especiamente chamativas, como a inexistencia de partes de asistencia, a falta de realización de sete contratos comprometidos e, en particular, o feito de que a presidenta da Fundación cobrase como persoal de apoio dun dos cursos.

Precisamente, é na cúpula de FESAN onde a oposición describe unha suposta relación co PP, baseándose no feito de Jaime Rodríguez-Arana Muñoz foi o seu presidente. Trátase dun catedrático en Dereito Administrativo na Universidade da Coruña, militante do PP e que ocupou diversos cargos nas administracións públicas cando gobernaron os conservadores. Entre outros, director da REGAP (Revista Galega de Administración Pública, que depende da Xunta), subsecretario do Ministerio para as Administraciones Públicas e director xeral do Instituto Nacional de la Administración Pública (INAP). O xornal Público chegou a cualificalo como “guía esperitual” do actual ministro do Interior porque “Rodríguez Arana dirigía el grupo de meditación y oración de Jorge Fernández en el Opus”. 

FESAN desvincúlase deste feito alegando que xa houbo outros presidentes, entre eles o de agora, Ángel Sampedro. Claro que, segundo desvelou La Opinión, o actual e o primeiro presidente están vinculados por seren coautores do libreo “O galeguismo”. O volume foi editado pola Xunta e por FOESGA, que era anterior o nome de FESAN.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Leirachá

Nada novo baixo o sol. E faltando de Meira, do Irixo e de Carballedo..., que contar donde impera o clientelismo do Partido Podre. Pero, non esquezamos, o clientelismo tamén se practica donde manda e ordeña o PsoE e o BNG, nas deputacións clientelares como Lugo, donde a ASPG quita tallada por ser chiringuito da casa UPG. O control do Consello de Mantidos de Contas era o primeiro que precisa ser investigado. Están para roubarnos, se os deixamos...

1 Sabio

Pois como investiguen á FORGA ¡¡¡¡¡¡¡¡ e os seus vínculos con ben sabedes quen

1 Mariacharco

forGA A Fundación para a Orientación Profesional, a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, o Emprego e a Formación en Galiza (forGA) foi promovida por iniciativa da Confederación Intersindical Galega (CIG) e constituída en Vigo, o 4 de xulho de 1996. Posteriormente, foi declarada de interese galego, por Orde do 27 de novembro de 1996, da Conselharía de Familia, Mulher e Xuventude da Xunta de Galiza, publicada no Diario Oficial de Galiza do 16 de decembro. Nº Rexistro de fundacións: 1996/28. CIF. G36818367. Sede Nacional VIGO Avda. Aeroporto, 92 Baixo 36206 Vigo Tfno. 986 280 776 Fax. 986 280 931 forga@forga.org Local Nacional COMPOSTELA P.I. Novo Milladoiro-R. Palmeira, 21A 15895 Ames Tfno. 981 939 434 forga@forga.org Esto está na páxina de FORGA. Non creo que sexa moi segreda a cousa... O de Sabio mais ben deberia ser Lelo