O día 23 podes levar libros da bibloteca e "liberalos" noutro lugar

Un conxunto de obradoiros, exposicións, contacontos, certames literarios e visitas guiadas, entre outras actividades, constitúen o groso da programación especial deseñada polas bibliotecas centrais de Galicia, co gallo da celebración -o vindeiro sábado día 23- do Día do Internacional do Libro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/04/2016 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Deste xeito, as bibliotecas públicas “Ánxel Casal” de Santiago, a de Lugo, a de Ourense, a “Antonio Odriozola” de Pontevedra, a “Juan Compañel” de Vigo e a Biblioteca de Galicia (na Cidade da Cultura, en Santiago), ofrecen distintas propostas dirixidas a todos os públicos co fin de fomentar a lectura. Todas as actividades poden consultarse no web cultura.gal.

Na Biblioteca Central do Campus de Ourense
Na Biblioteca Central do Campus de Ourense

A maiores, todas elas incorporan tamén mostras bibliográficas relacionadas coa conmemoración do IV centenario de Miguel de Cervantes, co fin de achegar o público máis novo a unha das figuras literarias máis universais.

Historias de tradición oral “Miguel González Garcés” da Coruña

Coincidindo co Día do Libro, o próximo sábado, a biblioteca pública “Miguel González Garcés” da Coruña acolle o espectáculo “Camiño de historias”, constituído por tres historias de tradición oral de diversos lugares do mundo onde se fala galego ou portugués. No espectáculo, que terá lugar entre as 12,00 e as 13,00 horas no salón de actos da biblioteca, abórdanse temas como a difusión destas linguas, a interculturalidade e os dereitos humanos.

O luns, día 25, publicarase o fallo do premio do III Certame de Poesía en galego e en castelán, e realizarase a entrega de premios. A programación complétase con actividades vinculadas ao IV centenario da morte de Miguel de Cervantes. Nesta liña, ata o venres está en marcha un curso sobre o traxe a indumentaria do século de Ouro, no que viviu o escritor, e que se completa con mostras bibliográficas de guía de lectura sobre o autor do Quixote.

Biblioteca pública Ánxel Casal, en Santiago
Biblioteca pública Ánxel Casal, en Santiago | Fonte: santiagoturismo.com

Visitas guiadas con contacontos na Biblioteca Pública de Lugo

Na Biblioteca Pública de Lugo, o próximo venres en horario de mañá e de tarde, e o sábado en horario de mañá, haberá visitas guiadas para quen queiran coñecer as instalacións da biblioteca. Ademais, mañá xoves 21, o martes 26 e o xoves 28 realizaranse visitas con contacontos para nenos de a partir de tres anos.

O venres día 22, celebrarase un “menú de contos”, con variadas historias onde a imaxinación é o principal ingrediente. Así mesmo, o vestíbulo da biblioteca acolle unha mostra bibliográfica sobre as distintas edicións do Quixote.

Obradoiro de pintura na Biblioteca de Ourense

O espazo bibliotecario de Ourense acolle mañá, día 21, un obradoiro de pintura con Fatiropina, destinado a nenos e nenas de entre 7 e 11 anos. Esta actividade –que pretende achegar os máis cativos ao mundo da fantasía e da ilusión a través das ilustracións- terá lugar ás 18,00 da tarde na sala infantil.

O sábado día 23, os máis pequenos da casa teñen unha cita coas ilustracións medievais a través da iniciativa “Xogamos coa catedral”, e ata o venres 22 haberá distintas visitas guiadas con contacontos.

Obradoiro de animación á lectura na Biblioteca “Antonio Odriozola” de Pontevedra

Este venres, día 22, a Biblioteca Pública de Pontevedra acolle un obradoiro de animación á lectura, onde os nenos e nenas traballan con libros que tratan temas relacionados cos sentimentos e terán que descubrir como se agochan eses sentimentos dentro dos contos.

Ademais, co gallo da celebración do Día do Libro, o sábado 23, quen teñan sancións por atraso nas devolucións de materiais en préstamo quedarán exentos de ditas sancións sempre e cando fagan, ese día, uso do servizo de préstamo.

Teatro na Biblioteca “Juan Compañel” de Vigo

O sábado 23, o grupo Trinketrinke Teatro representará “O coelliño branco”, unha función protagonizada por un coelliño e que inclúe cancións, números de maxia e contos dramatizados en colaboración cos nenos e adultos asistentes. A función terá lugar ás 12,00 horas na sala infantil.

Tamén o mesmo sábado, a biblioteca acollerá un obradoiro de cómic a cargo de María Vilar, onde se aprenderán as formas de expresión e as técnicas de traballo sobre a banda deseñada. Será entre as 12,30 e as 14,00 horas na sala de audiovisuais.

“Ánxel Casal” e Biblioteca de Galicia, en Santiago

Ata o sábado 23, a Biblioteca Pública “Ánxel Casal” ten en marcha a campaña de liberación de libros por diferentes espazos da biblioteca, que comezou o luns. As persoas interesadas poderán escoller qué libros levar á casa e, despois de lelos, deixalos nalgún lugar da cidade para que outra persoa os recolla e goce coa súa lectura. Con esta actividade, a Biblioteca trata de expandir a cultura más aló das paredes das bibliotecas e dos espazos culturais.

O sábado tamén acollerá o espectáculo “Titiricleca”, a cargo de Carballo con botas, ás 12,00 horas no salón de actos. Conta a historia dun grupo de monicreque solidarios chegados de distintos países e que levan aos nenos e nenas de viaxe a mundos fantásticos na procura da paz.

A programación da “Ánxel Casal” complétase con visitas guiadas o venres 22 e o sorteo dun lote de libros o luns día 25 entre todos aqueles usuarios que levaran un libro en préstamo o sábado 23.

Pola súa banda, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, ofrecerá un libro de agasallo a todos os visitantes e usuarios que acudan á biblioteca na xornada do venres día 22.

O domingo día 25, terá lugar unha actividade de contacontos teatralizados sobre os 400 anos de Cervantes e Shakespeare, a cargo de CaxotoContacontos. Esta actividade, que ten como obxecto achegar aos lectores máis novos a dúas das figuras imprescindibles da literatura universal, será entre as 18,00 e as 19,00 horas no auditorio Neira Vilas

Experiencia bookcrossing en bibliotecas de museos e centros de arte e cultura 

Con motivo do Día Internacional do Libro, por oitavo ano consecutivo un total de 56 museos e centros de arte compartirán o próximo 22 de abril unha experiencia de bookcrossing ou campaña de liberación de libros, con volumes procedentes da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas, e coa intención de que os que os recollan, gocen da súa lectura e volvan liberalos noutro punto distinto do mundo.

Os libros conterán as instrucións necesarias para facilitar ao lector a súa participación na campaña e estarán rexistrados no web http://www.bookcrossing.com/mybookshelf, onde os lectores poderán indicar o lugar onde liberarán cada exemplar, o que permite seguir a pista de calquera deles unha vez que foi liberado, así como saber quen o leu e en que lugar.

Todos os libros liberados conteñen catro adhesivos que instrúen a persoa que recolle o libro sobre o obxecto da liberación de libros. A primeira etiqueta, no lombo, é o símbolo internacional do bookcrossing, o debuxo dun libro con brazos e pernas en situación de correr cun texto que aclara que se trata dun libro bookcrossing. A segunda etiqueta vai colocada sobre a cuberta do libro e nela danse máis detalles: «pásalle este libro a alguén ou déixao libre na súa aventura» e «non me perdín, son parte dun club de libros global».

Dentro do libro, o terceiro adhesivo instrúe a persoa que recolleu o libro sobre o obxecto da liberación de libros e sobre a conveniencia de participar nesta experiencia internacional a través da páxina web http://www.bookcrossing.com/mybookshelf, que permite coñeceronde estivo a publicación e quen a leu, así como incorporar o novo lector ao seu diario de viaxe. Ademais, no cuarto adhesivo o lector pode escribir o seu nome e o lugar onde encontrou o libro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta