Berizzo quere máis

O técnico arxentino, que non desbota un proxecto a longo prazo no Celta, seguirá alomenos unha tempada máis tras firmar a súa renovación ata xuño do 2017 e reclama ao club formar “un equipo cada vez máis competitivo”.

Por gcdeportes | Vigo | 27/04/2016 | Actualizada ás 09:06

Comparte esta noticia

“Imaxinamos un equipo cada vez máis competitivo e máis forte. É o desexo de todos. Oxalá atopemos todos os recursos que buscamos e fagamos que cada vez o equipo sexa mellor”. Esa é a idea que ten o técnico arxentino Eduardo Berizzo para o Celta tras firmar a súa renovación. Malia a intención do club celeste de prorrogar o contrato do técnico que devolveu o equipo a Europa por máis anos, Berizzo renovou só por unha tempada, ata o 30 de xuño do 2017.

Berizzo celebra coa afección o triunfo contra o Granada o pasado luns.
Berizzo celebra coa afección o triunfo contra o Granada o pasado luns. | Fonte: lfp.es

O Toto Berizzo cumprirá deste xeito a súa terceira campaña no banco de Balaídos, a onde chegou no verán do 2014 procedente do O’Higgins chileno para substituír a Luis Enrique. Na súa primeira campaña terminou a liga na oitava posición e no presente curso, además das semifinais de Copa, xa acadou a súa clasificación para competición europea e loita pola quinta praza, sen perder de vista a cuarta que dá acceso a Champions.

“É un recoñecemento ao noso traballo, un apoio polo realizado, e unha esperanza polo que ven. Unha continuidade de traballo significa crer no que pode vir, no que un propón. É a confirmación dun traballo realizado e a esperanza posta en seguir facéndoo tan ben”, afirmou o arxentino nun acto da LFP en Vigo. O técnico celeste márcase como obxectivo conformar “un plantel importante” para a vindeira tempada, independentemente de que o equipo teña que xogar ou non a previa da Europa League.

Malia ter firmado só por un ano, a Berizzo gustaríalle formar parte dun proxecto a longo prazo no Celta, aínda que cunha avaliación constante. “A continuidade e o compromiso persoal dun traballo necesitan ser referendados continuamente, cada semana, cada mes. Nunha competición tan difícil como esta necesítanse avaliacións periódicas”, asegura.

O anuncio da renovación do técnico arxentino coincide coa clasificación matemática do Celta para competir en Europa dez anos despois, unha anécdota para Berizzo porque a súa idea “seguiría sendo a mesma de non conseguilo”. E insistiu: “O meu desexo era continuar e estou orgulloso de seguir sendo o adestrador do Celta”.

Pero aínda faltan tres xornadas de Liga, o Celta ten a Champions a catro puntos, e unha proba da ambición do Toto Berizzo está nas verbas de Nolito este martes. “Todos estamos ledos polos acadado, pero aínda quedan tres partidos e o míster estanos apertando un pouco porque quere máis. Imos tentar quedar o máis arriba posible. Estamos vivindo un gran ano e tentaremos alongar esta felicidade nestes tres partidos”. O dianteiro andaluz apunta: “Estamos a catro puntos da Champions e soñar é de balde, no fútbol todo pode pasar”.

O presidente Carlos Mouriño, con Berizzo e o seu corpo técnico, tras firmar a renovación.
O presidente Carlos Mouriño, con Berizzo e o seu corpo técnico, tras firmar a renovación. | Fonte: @RCCelta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta