Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/05/2025 | Actualizada ás 14:00
Un século atrás, Galicia non era só terra de leiras, boinas e carros de bois, como moitas veces tendemos a pensar. A imaxe case única dunha Galicia rural e illada que moitas veces reproducimos ao pensar no pasado, oculta outra realidade non moi diferente da nosa: a dunha Galicia urbana, moderna, conectada e en movemento. Mulleres que cortaban o pelo ao garçon, que bailaban charlestón nas festas da vila e que ocupaban postos de traballo como telefonistas, bibliotecarias ou xornalistas. Todas elas forman parte dun tempo que o imaxinario colectivo esqueceu, por decisión ou por imposición. A xornalista e escritora Raquel C. Pico, autora de 'Noticias da modernidade. A muller moderna na prensa galega dos anos 20' e de 'Millenials. Unha xeración entre dúas crises', fala co Galicia Confidencial desa outra Galicia dos anos 20 e 30 do século pasado, unha Galicia que tamén estaba atenta ás modas, que lía xornais a diario mesmo en vilas ás que non chegara aínda a luz eléctrica, e na que as mulleres comezaban, con pequenos xestos, a transformar silenciosamente o seu papel na sociedade. Nun tempo no que o cine era o espello da modernidade e o tonteo se practicaba ata nas procesións, cada corte de pelo ou cada cigarro aceso nunha terraza era, sen pretendelo, un acto de rebelión.
"Fai 100 anos Galicia contaba cunha importante parte do territorio que era moi rural, como acontece tamén na actualidade, pero tamén existía unha Galicia urbana, moi dinámica, que non é a que se nos pasa pola cabeza dentro da cultura popular cando botamos a vista un século atrás no tempo", sinala Raquel, que apunta a que diversos libros de viaxes de autores que visitaron Galicia naqueles anos así o contan. Por poñer un exemplo, cita o caso de Roberto Arlt, un corresponsal arxentino en España que fixo viaxes por diferentes zonas do noso país e que escribiu sobre unha Galicia na que se atopou cun Vigo moi urbano, no que había moreas de rapazas modernas en vestimenta e actitudes. Tamén lle chamou particularmente a atención que na pensión na que estaba hospedado tiñan un grupo de teatro. Así mesmo, na súa visita á Coruña puido observar máis mulleres que saían pasear vestidas á última moda e que sentaban nas terrazas fumar mentres falaban coas amigas. "Esa realidade tamén estaba aí fai 100 anos, e tamén forma parte da nosa historia", resalta a escritora.
E por que esta parte do pasado non chegou a calar no imaxinario popular? Raquel considera que foi porque "os nosos referentes pasados adoitan partir do cinema, das series de televisión ou das novelas, non tanto de investigacións históricas rigorosas". Así as cousas, sinala que "a nosa percepción é que naquel tempo as ideas non circulaban tanto como o fan agora, cando en realidade si o facían". Como exemplo, volve poñer o foco sobre libros de viaxes nos que se dicía que na vila de Muxía, fai 100 anos, non había aínda electricidade, pero si chegaban tres xornais cada día polas mañás. Ademais, hai que pensar que os anos 20 e 30 do século pasado son os anos do 'boom' do cine, polo que este era un entretemento común para moita xente nas cidades, onde se proxectaban películas con imaxes de modernidade. Pola tanto, "as ideas si circulaban e, dentro delas, esa idea de muller moderna, que quería cortar o pelo á moda ou usar a roupa que estaba en tendencia". Esta era, precisamente, a época na que se levaba o corte de pelo ao garçon, na que as saias tamén se acurtaran, na que estaban moi de moda os tacóns e na que era tendencia levar moitos colares.
"ESAS MULLERES QUE LEVABAN O PELO AO GARÇON E BAILABAN CHARLESTÓN NON ESTABAN ESCRIBINDO PROCLAMAS, PERO SI CAMBIANDO AS COUSAS"
Deste xeito, a escritora reivindica que "as mulleres galegas dos anos 20 e 30 non tiñan intereses e preocupacións tan diferentes ás que temos nós agora, pois tamén estaban interesadas polas modas e polo mundo que as rodeaba". Ademais, estas mulleres que querían estar 'á moda' non eran exclusivas das cidades galegas, senón que tamén estaban no ámbito rural. A modo de exemplo de que isto era moi frecuente, Raquel sinala que "existen crónicas en xornais da época que, ao igual que segue acontecendo hoxe en día, teñen un ton nostálxico e falan de que a esencia de Galicia se está perdendo, sentíndose molestos porque as rapazas da aldea cortasen o pelo tan curto ou porque a orquestra das festas da vila tocase, ademais das muiñeiras, charlestón, que era a música de moda naqueles anos entre a xente nova, como o pode ser a día de hoxe o reggaeton". De feito, "por aquel entón moita xente dicía do charlestón o mesmo que se di a día de hoxe do reggaeton, que era unha música trapalleira e cun baile indecente", lembra Raquel, entre risas. Eran pequenas cousas que as mulleres ían facendo e que estaban a mudar a súa participación na sociedade.
Agora ben, significa isto que cada vez que unha desas mulleres decidía curtar o pelo ao garçon ou bailar charlestón estaba abrazando o feminismo de maneira consciente e posicionándose na loita polos dereitos da muller? Raquel ten claro que non era así, pero, "aínda sen ser conscientes, estábano a facer". "Esas mulleres que curtaban o pelo e bailaban charlestón, efectivamente, non estaban escribindo proclamas feministas, non eran sufraxistas inglesas facendo folgas de fame para poder votar, pero si estaban marcando o comezo dun cambio na maneira de facer as cousas", sinala a escritoria, que reivindica que, "ás veces, as loitas non comezan dunha maneira tan grandiosa como tendemos a dar por feito, ou como se nos amosa nas series de Netflix; no mundo real, as cousas adoitan ir máis despacio, pero non por iso cada pequeno paso deixa de ser importante para o futuro e de ter significado".
"ISO DE QUE AS MULLERES DE ANTES NON TRABALLABAN É UNHA VIL MENTIRA"
Na opinión de Raquel, "moitas veces cometemos o erro de ver a historia en xeral coa óptica de como eran as cousas nos anos 40 e 50, pero o certo é que nos anos 20 e 30 todo era ben distinto". E é que, como expón, "despois da Primeira Guerra Mundial, que tivo un impacto xeral, mesmo nos países que non participaron nela directamente, como foi o caso de España, a situación da muller mudou". No caso concreto de España, lamenta que, tras a Guerra Civil, "o franquismo impuxo un ideal de muller baseado na súa reclusión no fogar", o que contrasta enormemente "cos comportamentos desas mulleres modernas que había nos anos 20 ou 30". De feito, a escritora resalta que "neses anos houbo mulleres xornalistas que facían cousas fascinantes, como era o caso de Magda Donato --pertencente á corrente do novo xornalismo, infiltrándose en diversos lugares para contar as historias dende dentro, como por exemplo nun psiquiátrico-- e cuxa historia ninguén ou case ninguén coñecía, porque non estaban nos libros de texto da época franquista nin na cultura popular e perdéronse no tempo, sendo a día de hoxe recuperadas por diversas historiadoras". "Foron purgadas, fixéronas desaparecer da memoria colectiva", critica.
Pero, aínda que fose unha época ben distinta á actual no tocante aos dereitos laborais das mulleres, fai 100 anos tamén había en Galicia mulleres que traballaban. "Iso de que as mulleres de antes non traballaban é unha vil mentira, pois debemos partir da base de que a muller sempre traballou", reivindica Raquel, que tamén concede que o que acontece é que "non pensamos nunca nesa muller de clase obreira que traballaba longas xornadas nunha fábrica ou que limpaba a casa a diario". "Este tipo de traballos existiron sempre asociados ás mulleres, traballos que quedaban fóra dos chamados 'traballos de pescozo branco', é dicir, de oficina", asegura. Ademais, a escritora convida a pensar tamén en que "nos países que combateran na Primeira Guerra Mundial morreron moitos homes, polo que neles quedou unha xeración de mulleres para as que casarse xa non era posible". "Isto tivo un efecto directo sobre que posición ocupaban as mulleres na sociedade, porque se non podían casar, de que ían vivir? Foi por iso tamén que moitas destas mulleres comezaron a desenvolver certas carreiras e profesións", sinala. "Xa non era unha cuestión de feminismo ou de dereitos da muller, que tamén, senón de práctica", asevera.
"NOS ANOS 30 HABÍA MOITAS MULLERES CURSANDO CARREIRAS UNIVERSITARIAS"
E aínda que España non participase na Primeira Guerra Mundial, estas influencias tamén chegaron ao noso país, onde as mulleres comezaron a estudar carreiras e a traballar como profesionais. "Antes do ano 1910 as mulleres podían ir á universidade, pero tiñan que presentar un permiso especial, mentres que nos anos 20 e 30 equiparouse o acceso á universidade de homes e mulleres, de maneira que nos anos 30 xa había moitas mulleres cursando carreiras", resalta Raquel, que concede que, "evidentemente non eran tantas como agora, pero si máis das que pensamos". E, unha vez fóra da universidade, estas mulleres buscaban o seu traballo. Naqueles anos, a referencia de mulleres universitarias en España atopábase na Residencia de Señoritas de Madrid, na que se atopaban hospedadas as mulleres que estaban cursando unha educación superior. E, "se ben é certo que esta residencia se atopaba en Madrid, non todas as mulleres que nela vivían eran de Madrid, senón que tamén chegaban de fóra da capital, incluído de Galicia". Por iso,a escritora pregúntase como tería evolucionado a muller na sociedade se despois desa data non tivese estourado en España a Guerra Civil e, en consecuencia, o retroceso de dereitos do xénero feminino.
"O DE TELEFONISTA ERA UN TRABALLO BEN VISTO PARA AS MULLERES DE CLASE MEDIA E UN ASCENSOR SOCIAL PARA AS DE CLASE OBREIRA"
Entre os traballos de 'pescozo branco' que reunían máis mulleres fai 100 anos, atopábase o de telefonista. "Era unha figura fundamental, porque agora podemos coller o teléfono e chamar a onde queiramos, pero naquela época había que chamar a unha operadora, que era a que logo che conectaba coa persoa coa que querías falar", explica Raquel. A escritora asegura que o traballo de telefonista foi como "unha fonte de liberdade e modernidade" para moitas mulleres. Ademais, dentro desta profesión resultaba moi interesante que había unha mestura de clases sociais. Segundo apunta, "o de telefonista era un traballo ben visto para as mulleres de familias de clase media que precisaban traballar por diversas circunstancias", pero tamén "era unha fonte de traballo para moitas mozas que viñan de clase obreira e que atopaban nel o ascensor social cara unha mellor posición". E, máis aló de telefonistas, tamén había moitas mulleres noutros postos destacados para a época como bibliotecarias e arquiveiras, aos que accedían por oposicións do Estado tras ter cursado unha licenciatura en Filosofía e Letras.
"CO FLIRTEO CAMBIOU A DINÁMICA DA RELACIÓN ENTRE XÉNEROS: A MULLER XA NON ERA UNHA RECEPTORA PASIVA, CONVERTÍASE EN PARTE ACTIVA"
Para comprender a mentalidade das mulleres da época, tamén é importante falar da sexualidade. "Non todas as mulleres dos anos 20 e 30 eran liberais manifestas, pois a sociedade seguía empurrándoas a casar e impoñíalles certas pautas de comportamento", explica Raquel. Se ben, tamén apunta a que chegou unha 'moda' que cambiou a dinámica das relacións entre xéneros: o flirteo. "Co flirteo, que viña a ser o que a día de hoxe se coñece como tonteo, a muller xa non era simplemente unha receptora pasiva da relación, senón que se convertía en parte activa e, ademais, non tiña que rematar sendo despois a noiva do receptor dese flirteo nin casando con el", apunta a escritora, que sinala que "é o mesmo que acontece na actualidade, pois moitas veces tontéase con outra persoa por diversión, pero para nada máis".
A modo de exemplo, lembra unha noticia da época na que se falaba dos mellores sitios para flitear e, dentro deles, apuntaba a unha procesión. "Mentres esperaban que o santo pasase, cando a xente se dispón aos lados, era unha oportunidade estupenda para flirtear cos que estaban ao outro lado", chancea Raquel, que, con todo, tamén concede que "iso non quería dicir que todas as rapazas que había na procesión estivesen flirteando, pero si se pode ver como algo curioso que ás veces acontecía". "Pode semellar algo banal o feito de que unha rapaza tome a iniciativa de sorrir a un rapaz, pero di moito de como estaban cambiando as cousas e a posición da muller na sociedade", conclúe a escritora.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.