A Coruña abre a mostra itinerante sobre Manuel María

A exposición, deseñada entre a Xunta e a Casa-Museo do autor, percorrerá trece localidades das catro provincias ao longo deste ano, no marco dos actos do Día das Letras Galegas.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 06/05/2016 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

“Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)” é a mostra itinerante que percorrerá trece localidades das catro provincias ao longo deste ano para homenaxear ao autor chairego, ao que se lle adica o Día das Letras Galegas 2016. A primeira parada desta exposición é na Coruña, inaugurada na Biblioteca Pública Miguel González Garcés.

Inauguración na Coruña da mostra “Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)”
Inauguración na Coruña da mostra “Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)” | Fonte: Xunta.

A exposición, organizada pola Xunta e a Casa-Museo do autor, percorrerá trece localidades das catro provincias ao longo deste ano. recalará o 17 de maio, Día das Letras Galegas, na terra natal do escritor, en Outeiro de Rei (Lugo). Despois percorrerá as cidades de Vilalba, Santiago de Compostela, Marín, Noia, Pontevedra, Vigo, Monforte de Lemos, Lugo, Ferrol, Ourense e Celanova.

Coa exposición da Coruña ábrese a programación especial neste mes das letras Galegas para renderlle tributo ao autor homenaxeado este ano. Cómpre salientar que a Xunta de Galicia -a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura- tamén poñerá en marcha outras iniciativas arredor do 17 de maio como a III Carreira “Camiño das Letras” prevista para o vindeiro 15 na capital de Galicia.

Así mesmo, no web www.lingua.gal xa está dispoñible un repositorio con recursos e materias didácticos e dixitais sobre o autor homenaxeado que se irán completando de xeito paulatino e que se suman a outras actividades programadas na Rede de Dinamización Lingüística ou na Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta, entre moitas outras que se darán a coñecer de xeito pormenorizado nas vindeiras semanas.

Ao acto de presentación da mostra sobre Manuel María acudiron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi, e o seu secretario, Alberte Ansede. Na apertura da exposición -que poderá visitarse neste espazo de lectura ata o día 16, tamén participaron o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; entre outros.

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación gabou a figura de Manuel María, de quen destacou a súa capacidade de “achegar a poesía ao pobo”, aínda que conta cunha prolífica obra que tamén abrangue o teatro e na que presta especial atención ao público infantil e xuvenil. Román Rodríguez quixo agradecer publicamente o labor desenvolvido pola Fundación Manuel María para facer realidade este proxecto que desde o Goberno galego se complementará cunha serie de actividades e recursos para o ensino e para o público en xeral. Finalmente, emprazou a toda a cidadanía a que se achegue ao punto de exposición que lle quede máis preto da súa localidade co fin de coñecer mellor a figura deste autor.

A mostra deseñouse con dez paneis que amosan a personalidade de Manuel María e a evolución da súa obra

A través de dez paneis e grazas ao material aportado pola Fundación que leva o seu nome e custodia o seu legado, a mostra recolle dun xeito ameno e gráfico a personalidade de Manuel María e a evolución da súa obra ao longo das distintas etapas vitais. Deste xeito, afonda en aspectos relevantes como a identificación do escritor coa terra e a paisaxe, o seu compromiso coa lingua galega, a súa faceta de clásico e precursor da vizosa literatura infantil galega da que hoxe gozamos, a súa participación na vida política, a súa poesía intimista ou a variedade de xéneros literarios que abordou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Clínica Casta

Monteagudo é, simplemente, casta. Ah! E gústase moito...a sí mesmo. Analisado por sicólogo.

2 Eu mesmo

Coidado alcalde, estante rodeando dous egrexios representantes da casta cultureta / universitaria. Máis o de túa dereita (ILG, CCG, RAG...), xa non lle queda máis percorrido, Ah si, na política...

1 PUGNAZ

En dónde esta Manuel María hoy por hoy? No sería mejor dedicar los recursos invertidos en esta exposición en la mejora material y espiritual de Galicia?