Colosal Leyma en Melilla

O Básquet Coruña vence 97-99 nun partido espectacular e empata 1-1 a eliminatoria, que volve a Coruña para os dous vindeiros choques. Zach Monaghan, con 25 puntos, e Beka Burjanadze, con 20, e catro triplas cada un, os mellores nos galegos.

Por gcdeportes | A Coruña | 09/05/2016 | Actualizada ás 08:16

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Melilla 97:
Josep Franch (17), Suka-Umu (17), Eloy Almazán (0), Brandon Edwards (8) e Edu Gatell (4) –cinco inicial- Zengotitabengoa (11), Hernández-Sonseca (13), Manzano (15), Pablo Almazán (10), Jorge Sanz (2).
Leyma Básquet Coruña 99: Zach Monaghan (25), Dago Peña (14), Larry Abia (4), Zyle (8), Sergio Olmos (12) –cinco inicial- Burjanadze (20), Ángel Hernández (4), Joan Creus (5) e Tomas Hampl (7).
Parciais: 27-25, 27-23 (54-48), 18-22, 25-29 (97-99).
Árbitros: Angel De Lucas e Susana Gómez López. Eliminaron por cinco faltas a Edu Gatell no Melilla e Tomas Hampl no Leyma Coruña.
Incidencias: segundo partido das semifinais polo ascenso á ACB no pavillón Javier Imbroda.

“Seguir sendo fieis a nós mesmos”, aventurou Tito Díaz antes de viaxar a Melilla. E así foi. De novo coas baixas de Ben Stelzer e Chus Castro, o Leyma Coruña xogou un partido vibrante en Melilla. Chegou a estar once puntos abaixo, pero non se rendeu, e liderado por Zach Monaghan e Beka Burjabadze remontou no segundo tempo e acadou unha brillante vitoria por 97-99 en cancha rival. Os coruñeses anotaron 51 puntos tralo descanso para poñer 1-1 a eliminatoria, que agora volve a Riazor para os dous vindeiros choques: venres e domingo.

Larry Abia tenta frear o ataque de Suka-Umu.
Larry Abia tenta frear o ataque de Suka-Umu. | Fonte: Nuria Rioja (Melilla Baloncesto)

Melilla comezou gañando coas triplas de Josep Franch e Suka-Umu (8-3), pero axiña o Leyma igualou o partido cos puntos de Sergio Olmos e Zyle na pintura (14-15). Apareceu Zach Monaghan, os coruñeses puxéronse por diante (16-21) e Alejandro Alcoba, técnico local, tivo que parar o partido. Espertou con 7 puntos Hernández-Sonseca, xa en pista pola segunda falta de Gatell, e Melilla recuperou a iniciativa cun parcial de 9-2. Ao final do primeiro cuarto, 27-25.

Breve intercambio de canastras no arrinque do segundo acto (33-31), ata que dúas triplas de Pablo Almazán e Zengotitabengoa serviron ao Melilla para abrir oco (42-31) cun parcial de 9-0. Tito Díaz tivo que pedir dous tempos mortos case consecutivos e Leyma reaccionou con 7 puntos de Burjanadze, a segunda tripla de Dago Peña e un 2+1 de Monaghan. Tras un parcial de 2-11, tempo do técnico melillés con 46-44 a 2:17 do descanso. Monaghan empatou o partido, pero unha tripla de Zengotitabengoa e un 2+1 de Héctor Manzano deron vantaxe aos locais no tempo de lecer: 54-48.

Josep Franch puxo nove arriba aos seus (59-50) dende 6,75, pero de novo Zach Monaghan, con 8 puntos e dúas triplas, empatou o partido (63-63). Tripla de Suka-Umu e resposta de novo do base coruñés, que anotaba unha e outra vez para manter o Leyma no partido. Ao remate do terceiro cuarto, todo por decidir con 72-70.

Foi o último acto espectacular, de ritmo e acerto, con cinco triplas por cada bando. Arrincou cunha tripla de Suka-Umu, pero un parcial de 0-7 con tripla de Burjanadze puxo os coruñeses por diante (75-77) e obrigou ao técnico local a parar o partido. Nova tripla de Suka-Umu, e nova resposta de Burjanadze, que anotou 10 puntos nos primeiros cinco minutos do cuarto. Leyma mandaba 82-86, pero Melilla volteou o marcador tras unha tripla de Zengotitabengoa (87-86). Tempo de Tito Díaz e cuarta tripla de Monaghan (87-89). Tripla de Josep Franch, e nova resposta dende 6,75 de Burjanadze (92-96). Tempo de Melilla e quinta tripla de Suka-Umu a falta de 48 segundos (95-96). Pero Joan Creus anotou dende oito metros e Leyma tiña a vitoria no peto con 95-99. Manzano puxo aos locais a unha canastra, pero os de Tito Díaz defenderon ben o último tiro de Brandon Edwards. Ledicia laranxa na pista do Javier Imbroda. 1-1 na eliminatoria e o venres, terceiro asalto en Riazor. Tempo haberá despois para pensar no cuarto do domingo.

Ángel Hernández tapona a entrada a canastra de Jorge Sanz.
Ángel Hernández tapona a entrada a canastra de Jorge Sanz. | Fonte: Nuria Rioja (Melilla Baloncesto)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta