O tránsito de Mercurio diante do Sol, visto dende Compostela

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller conseguiu fotografar o planeta no seu tránsito por diante do disco solar, un fenómeno que non volverá repetirse ata o ano 2019.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 10/05/2016 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC) conseguíu fotografar este luns o planeta Mercurio no seu tránsito por diante do disco solar, un fenómeno que, como media, se produce 13 veces por século. 

Mercurio, pasando por diante do disco solar o luns 9 de maio de 2016, ás 14.37 horas
Mercurio, pasando por diante do disco solar o luns 9 de maio de 2016, ás 14.37 horas | Fonte: Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

O primeiro tránsito de Mercurio do pasado século fora seguido dende Lalín en 1907 por Ramón María Aller Ulloa, facendo logo unha pormenorizada descrición do suceso nun texto que permaneceu inédito ata 2013, data na que foi publicado de xeito facsimilar no número 12 do anuarioDescubrindo. 

O profesor Docobo, director do Observatorio, explica que no pasado os tránsitos foron moi útiles para axudar a determinar as dimensións do Sistema Solar. Na actualidade, a súa observación noutras estrelas é unha das técnicas que máis planetas extrasolares ten permitido descubrir. 

Os tránsitos do planeta máis próximo ao Sol prodúcense a intervalos de 3.5, 7, 9.5, 10 e 13 anos. Outra das súas particularidades é o paso ante a estrela só se produce preto dos días 8 e 9 de maio e 10 e 11 de novembro, datas en que Mercurio atravesa o plano da Elíptica. O propio Docobo indica que se as órbitas de Mercurio e Venus fosen coplanarias coa da Terra (a Elíptica) “poderiamos contemplar tres tránsitos de Mercurio ao ano, pero a órbita deste último está inclinada 7º respecto á Elíptica e iso fai que o suceso se converta en pouco usual”. Logo do fenómeno astronómico deste luns, este tránsito non se volverá producir ata 2019, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta