440 vehículos de 27 marcas no 'VII Car Outlet Ourense'

Celebrarase en Expourense do 9 ao 11 deste mes de maio e contará coa presenza de 15 concesionarios da Asociación de Concesionarios de Ourense (ACAUTO).

Por Galicia Confidencial | Ourense | 07/05/2025 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O VII Car Outlet Ourense, cita que acolle o recinto de Expourense entre o 9 e o 11 de maio, foi presentada o pasado luns nun acto no que participou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo; o Deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e o vicepresidente de ACAUTO, César Fernández Mosquera. Este último estivo respaldado por boa parte da xunta directiva da asociación que quixo aproveitar esta presentación para rendirlle homenaxe ao seu presidente, Ramón Seijas Pérez, falecido hai uns días. Dende ACAUTO agradeceron o seu papel de “líder inspirador, mentor e amigo” destacando a súa capacidade de manter unido ao sector e sublimando o feito de que foi o impulsor do Car Outlet cuxa primeira edición se celebrou en 2016.

Presentación VII Car Outlet Ourense. Foto: Prensa Expourense.
Presentación VII Car Outlet Ourense. Foto: Prensa Expourense.

CAR OUTLET OURENSE

Trátase dunha cita vencellada ao sector da automoción, no que este ano reunirá uns 440 coches de oportunidade con ofertas moi especiais. O obxectivo é cubrir todas as gamas e modelos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos clientes ao mellor prezo. O público poderá consultar nun mesmo espazo distintas opcións dentro do mercado ourensán e comparar in situ antes de decidir a compra.

A vindeira fin de semana, pois, poderán atoparse en Expourense coches de quilómetro cero, seminovos, de xerencia e segunda man. "Na actualidade, no mercado de ocasión a franxa de idade máis demandada e vendida son os vehículos de entre 3 e 7 anos e serán estes os que máis fácil será atopar nesta edición", explican dende a organización.

Ademais, este mercado é moi relevante en Galicia onde, segundo datos dos organizadores, por cada coche novo véndense dous de ocasión, incluíndo tamén as compras entre particulares.

Outro punto a favor deste evento é que se converte nunha boa ocasión para rexuvenecer o parque automobilístico galego --un dos máis antigos de España-- que ten agora unha idade media de 16,9 anos na provincia de Ourense (a media galega é de 15,4).

COMPRA CON GARANTÍAS

Polo que respecta á compra dun vehículo de segunda man, dende A.C.A.U.T.O. recomendan acudir sempre a profesionais porque estes ofrecen unhas garantías inexistentes nas transaccións entre particulares xa que, por lei, hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que extenden esta garantía ata dous anos ou máis, no caso dos seminovos (de 1 a 6 anos).

As garantías ofrecidas aos coches mercados neste salón son moi semellantes ás dos coches novos xa que “as marcas están a traballar moito por profesionalizar o mercado de ocasión e xa case todas teñen a súa propia división de vehículos de ocasión”, explican. Outra vantaxe é a xestión da documentación do proceso de compra-venda, da que se encarga a empresa.

ENTRADA, HORARIOS E SERVIZO DE LUDOTECA

O horario de apertura do salón será venres 9 de maio de 11.00 a 20.30 h., sábado 10 de 10.00 a 20.30 h. e o domingo 11 de maio de 11.00 a 20.00 h.

A entrada terá un custo de 3 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos. Haberá ademais Servizo de Ludoteca Gratuíto a partir do venres pola tarde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta