Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/05/2016 | Actualizada ás 22:37
ANOVA Irmandade Nacionalista asegura nun comunicado que se veu “na obriga de asinar preventivamente a coalición ‘En Marea’ antes de consultar a decisión sobre a fórmula xurídica ás súas bases”. O partido de Xosé Manuel Beiras mantivo onte unha reunión con Podemos Galicia e Esquerda Unida.
Os nacionalistas non lograron convencer de que cómpre formar un partido novo, aínda que sexa meramente instrumental, para asegurar que na repetición das eleccións -se En Marea repite máis de cinco escanos- Galicia non quede sen grupo parlamentario, como sucedeu nesta lexislatura. Por iso, e dado que este 13 de maio remata o prazo para rexistrar coalicións de cara ao 26X, aceptou asinar a coalción, aínda que dá a entender que non ten porque ser esta a fórmula definitiva.
Malia as informacións no sentido contrario, ANOVA di que non renuncia á fórmula do partido porque “queda prazo até o día 23 para poder escoller outra fórmula”.
En concreto, fai un chamamento á “cidadanía consciente” para que acuda á Asemblea de ‘En Marea’ convocada para o vindeiro 15 de maio no Auditorio de Galiza de Compostela. Nesta reunión das bases da coalición, ANOVA pretende demostrar aos seus socios que a cidadanía prefire a solución do partido propio.
Para alonxar as informacións dunha posíbel ruptura da coalición, ANOVA asegura que “ terá moi en conta o sentir da Asemblea do 15M de ’En Marea’ para adoptar unha decisión definitiva neste eido”. Ademais, posteriormente as bases de ANOVA votarán sobre a fórmula xurídica na que van concorrer.
Por outra banda, a Comisión Permanente de Anova, , convocará para a semana vindeira un novo proceso de primarias para “dilucidar os candidatos e candidatas a se integraren nas listas electorais de ‘En Marea’ para as eleccións ás Cortes do Estado do 26X”. O partido de Beiras e Martiño Noriega argumenta que se trata dunha novas eleccións , polo que non necesariamente hai que concorrer coa mesma fórmula e cos mesmos candidatos co 20D.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.