Camiñando cara o 26-X

A repetición das eleccións xerais constituía unha alternativa con elevadas probabilidades de ocorrencia debido ás restricións tácitas ou expresas fixadas polos principais actores do escenario político conformado o pasado 20 de Decembro.O PP postulaba unha opción –a chamada gran coalición- que non resultaba viábel pola negativa do PSOE e pola peaxe establecida por Cidadáns (a retirada de Rajoy).Os dirixentes socialistas rexeitaban calquera acordo de gobernabilidade que levase aparellado a abstención de ERC e DiLL e teimaban nunha imposíbel alianza con Podemos, as confluencias e o partido de Albert Rivera.Ao cabo, as dúas fórmulas alternativas que proporcionaban unha indiscutíbel maioría parlamentaria non resultaron factíbeis porque o Partido Socialista evitou participar en calquera delas.

Por Xesús Veiga | Compostela | 12/05/2016

Comparte esta noticia

O recente pacto entre Podemos e IU evita que a nova campaña electoral sexa unha fotocopia da anterior.A reiteración das ofertas programáticas e a repetición das persoas integrantes de case todas as candidaturas presentadas o 20-D non favorecen a participación na cita do mes de Xuño.E se, ademais, os principais partidos políticos caen na tentación de centrar as súas mensaxes publicitarias na atribución das culpabilidades polo fracaso na formación de goberno, a reacción dunha parte significativa dos votantes pode ser mais contundente no camiño da abstención.A novidade da coalición entre IU e Podemos muda significativamente o cadro electoral e vai alterar o comportamento das forzas concorrentes.O PP  vai resucitar a coñecida estratexia do medo tratando de recuperar votantes inhibidos ou fuxidos a Cidadáns.O PSOE vai ficar colocado nunha situación complicada, marcando distancias co PP e con todo o que se sitúa no universo da esquerda mentres procurará vender unha mercadoría con poucos clientes potenciais:as virtuosas bondades do pacto asinado co partido de Rivera nestes meses de tránsito.

Imos asistir a unha confrontación política mais polarizada.E seguindo as indicacións dos manuais, nestes casos saen beneficiados quen se atopan nos polos referenciais.Se finalmente ocorre tal circunstancia e Mariano Rajoy incrementa os mais de sete millóns de votantes obtidos no pasado Decembro haberá que pensar na existencia dunha grave doenza moral no seo do corpo social.Todos os sinais que se emiten dende a Moncloa e dende a rúa Genova certifican que non hai vontade de rexeneración entre os seus inquilinos.Non vai haber “limpeza” nas listas para substanciar as responsabilidades políticas pola corrupción.Non queren renunciar ao “mailing” –co importante aforro de recursos públicos que iso implicaría- porque teñen medo a perder eses votos que van “amarrados” dende o propio domicilio.Nin sequera rectifican nas vellas prácticas de usufrutuar os despachos públicos para tirar proveito partidista:Rajoy fai o primeiro vídeo de campaña dende a Moncloa para deixar claro que segue mandando e tranquilizar aos seus votantes dubidosos. 

Estamos a menos de dous meses da consulta electoral e seguimos padecendo a interesada falacia argumental sobre o que significa “gañar” ou “perder”.Ser a primeira forza en número de votos é unha cousa pero gañar as eleccións é outra distinta.Só gaña quen é capaz de artellar unha maioría parlamentar que permite constituír un goberno.O 20 de Decembro, o PP non gañou: obtivo a primeira posición na carreira e non foi capaz de tecer os apoios necesarios para conformar un executivo gobernamental.Esta elemental pedagoxía democrática non se quere facer porque non se aceita que xa non vivimos no vello paraíso bipartidista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.