Temas: FUXIDAS

Omán, territorio descoñecido

‘¿Omán? ¿E onde queda iso?’ Foron as preguntas máis recurrentes cando espuxemos que visitaríamos tan esquecido país árabe. Cando tratamos de orientar aos emisores na zona xeográfica, a cantidade de preguntas tomaban forma de enquisa. ‘¿Por qué ides ahí? ¿Non vedes o que está pasando na televisión? ¿Os atentados? ¿Por qué vos ides expoñer ao peligro? ¿Qué se vos perdeu ahí?’... Un artigo de Samanta F. Cortés

Por GC Tendencias | Omán | 18/05/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

En realidade non existe algo perdido nun país que nunca pisaches, ainda que nunca entendín con claridade qué quere decir esa frase, que escoitei morea de veces antes dunha nova viaxe. De feito, podo resolver a ecuación ca sinxela resposta de que é a curiosidade, a insaciable sede de coñecemento novo o motor que impulsa cada un dos meus periplos. Se a Omán me refiro, a proporción de curiosidade era inmensamente maior ca que tiña sobre outros países da rexión. A falta de información en diferentes medios facía que quixese con tódalas miñas forzas poñer o pés en terreo.

Monumentos en Omán
Monumentos en Omán | Fonte: Samanta F. Cortés

Dise que viaxamos para desmontar teoremas, para quebrantar patróns que en moitas ocasións non corresponden coa realidade. Ao falar dun país musulmán a mitoloxía é inmensa, e calquera persoa do noso círculo de coñecidos se volve unha auténtica experta na materia. Nos últimos anos, o bombardeo mediático é constante, e unha, chega a impregnarse de prexuízos e temores aos que se lles debe por freo o antes posible. Saímo cara Omán coa esperanza de comprender un novo lugar e desfacer o barullo de ideas preconceitas sobre ‘os árabes’, as cales non tiñamos modo de contrastar con medio algún.

Chegamos a Mascate unha tarde de inverno, con trinta e cinco grados de calor á sombra. Atinamos a coller o transporte axeitado para ir á zona onde tiñamos a única reserva da viaxe, a nosa única certeza. Non nos levou moito tempo chegar a conclusión de que a cidade estaba feita para os motores. As beirarúas escaseaban tanto coma o aire fresco. Desorientados por completo, respiramos fondo e comezamos a camiñar cara a primeira persoa que atopamos. Máis alá do saúdo, non sabíamos nada en árabe... A nosa primeira víctima chamábase Sultán. O seu perfume  tiña un radio moi superior ao do seu corpo, e as súa roupas perfectamente brancas, planchadas e  impolutas deixáronme sorprendida. Falaba un inglés básico. En todo caso, o suficiente para saber se nos gustaba o café e irnos por un, pedirnos o número de teléfono do lugar onde tiñamos alugada a habitación, comunicarse cos donos e levarnos en coche. Foi sen dúbida a perfecta labazada contra as inxustas sentencias que me atravesaron de orella a orella antes da saída. Lástima que a tivese que levar eu.

Mascate é unha cidade con diferentes tonalidades de brancos e marróns suaves, que contrastan a perfección, co espeso azul turquesa do mar. A cidade esténdese ao logo da costa varios quilómetros, por onde se están localizados os diferentes barrios. O transporte público escasea, xa que a gran maioría dos seus habitantes, contan co seu propio coche, que adoita ser de gama alta. Aínda que por lóxica esperaba a ausencia de espazos verdes (xa que é un país desértico), existen cantidade de xardíns cheos de flores de diversas cores ao carón das estradas. No primeiro golpe de vista, deixoume gratamente sorprendida a armonía coa que estaba construída a cidade. Non había por ningures monstruosos rañaceos futuristas coma os país veciño. En termos xerais, os edificios non pasan as dúas ou tres alturas, e a pesares de  que están construídos a base de bloques de cemento, esméranse en deixalos rematados con formas arquedas e redondeadas, tratando de imitar a sua arquitectura tradicional.

Deixamos a equipaxe no cuarto que alugáramos no barrio de Al-Goubra. A douscentros metros había unha praia con barquiñas de pescadores. Non estaba pulida para a foto, xa que esta zona da cidade que non atrae ó escaso turismo que recibe este pequeno e invisible país. Achegámonos a sentir a cálida auga do mar e vimos que a experiencia non atraía a moita xente. Días despois soubemos que os e as omaníes non teñen especial predileción pola praia. Estabamos nós e outra parella local, coa vestimenta típica do país. Os homes levan un traxe branco chamado dishasha, e as mulleres  visten unha abaia de cor negro. Na rúa ao pé da praia, os nenos xogaban ó futbol. As nenas pola contra, acompañaban as súas nais e avoas sentadas no chan nunha das beirarúas principais.

Unha dos lugares turísticos de Omán
Unha dos lugares turísticos de Omán | Fonte: Samanta F. Cortés

Todos nos miraban con extrema curiosidade, ríanse e sinalábannos. Os máis atrevidos animábanse a berrar algún ‘hello’con vergoña. Resultaba evidente que non adoitaban ver turistas a diario. Os que falaban inglés non perdían a oportunidade de achegarse ó noso carón a preguntarnos todo canto se lle pasaba pola cabeza. Ata había os que frenaban os coches e baixaban a fiestra para poder falar con nós... E estamos falando da capital dun país, non dunha aldea!

Buscamos un sitio para cear, cansos da longa viaxe. Aquela noite, marchamos cun sorriso para a cama. Un sorriso produto da extrema hospitalidade coa que nos recibiron nese país case descoñecido para Don Google. Un sorriso como consecuencia de estarlle gañando un pulso aos nosos medos e aos preconceitos culturais contra a cultura árabe. Un sorriso por poder confirmar unha vez máis que merece a pena arriscarse ao descoñecido, porque as recompensas son infinitas. Porque xeralmente, e en contra do que escoitamos nos medios convencionais,  a xente que atopamos polo mundo é marabillosa.

Samanta F. Cortés (Sober, 1986) licenciouse en Ciencias Políticas mais é viaxeira de profesión. Aproximándose cada vez máis ao xornalismo de viaxes, escribe para revistas dixitais así como para a súa páxina web endondesea.com

Fortaleza medieval de Omán
Fortaleza medieval de Omán | Fonte: Samanta F. Cortés
Temas: FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta