O Goberno estatal abre consulta pública sobre a redución da protección do lobo en Europa

A cidadanía poderá enviar alegacións ata o 12 de xuño sobre o cambio lexislativo que permitiría aplicar medidas de xestión da especie

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 16/05/2025 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) iniciou esta semana un proceso de consulta pública sobre a proposta de modificación do status de protección do lobo en Europa, un paso previo á ratificación da medida polo Consello da Unión Europea. A consulta estará aberta ata o 12 de xuño e está dirixida a persoas físicas e entidades interesadas en enviar as súas achegas mediante correo electrónico ao enderezo oficial da Subdirección Xeral de Biodiversidade Terrestre e Mariña (buzon-sgb@miteco.es).

Lobo
Lobo | Fonte: AB Photography

O obxectivo da proposta lexislativa é adaptar o status legal da especie á recente modificación do Convenio de Berna, vixente desde marzo, que rebaixa o grao de protección do lobo en determinados territorios. Segundo explica o Ministerio, trátase de harmonizar a situación da especie nos diferentes Estados membro da UE e trasladar o seu tratamento legal do anexo IV ao anexo V da Directiva Hábitats. Este cambio permitiría, entre outras cousas, que a especie poida ser obxecto de medidas de xestión, incluída a caza, sempre que se garanta un estado de conservación favorable, tal e como establece o artigo 14 da devandita normativa.

En Galicia, onde a presenza do lobo é habitual e o seu manexo xera debate entre sectores ecoloxistas e agrogandeiros, este proceso podería ter implicacións directas nas políticas de xestión da fauna silvestre. A consulta pública en curso forma parte do Estudo de Impacto Lexislativo Europeo, preceptivo para calquera modificación normativa neste eido, e implica tamén a participación de comunidades autónomas, órganos consultivos e outros actores sociais, segundo indicou o propio Ministerio.

As achegas recibidas serán tratadas como non confidenciais e de libre difusión, salvo indicación expresa e motivada en sentido contrario. Para seren admitidas, os remitentes deben identificarse con nome e DNI no caso de persoas físicas, ou con razón social e NIF no caso de entidades xurídicas.

O trámite foi asignado ao departamento da ministra Sara Aagesen, en coordinación co Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, como parte do procedemento interno do Estado español para definir a súa posición respecto da modificación da Directiva Hábitats. A Comisión Europea, por medio da súa web oficial, establece que as avaliacións de impacto deben valorar a pertinencia das actuacións e prever as consecuencias das opcións lexislativas propostas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta