Homes e mulleres de Guerra

Saímos da aula na que se acababan de clausurar as xornadas nas que participara como ponente e camiñábamos falando cara a cafetería. Un dos meus acompañantes preguntoume: “… Emilio, e ti en que unidade serviches en Bosnia?”. Parei , sorrín e díxenlle: “Capitán, en ningunha, eu era obxector de conciencia”. O capitán miroume e dixo, “Creo que vou ter que sacarme unha foto contigo, é a primeira vez na miña vida que estou cun obxector”.

Por Emilio Martinez | Vigo | 20/05/2016

Comparte esta noticia

O curso no que participara versara sobre operacións de mantemento da paz, e a miña intervención, sobre a relación no terreo entre ONGs e as forzas militares, en concreto as unidades despregadas baixo mandato da ONU, como tiña sido o caso da UNPROFOR en Croacia e Bosnia-Herzegovina entre 1992 e 1995. A miña condición de obxector e a condición de militares dos meus acompañantes (un capitán de navío vinculado ao CESEDEN- Centro Superior de Estudios da Defensa Naciona- e dous coroneis do exercito de terra) non impediu que a conversa se alongara máis do previsto falando do que fora aquela experiencia miña en Croacia e da miña visión do exército. Falando e escoitando.

Anos despois, sendo xerente da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, empresa pública pertencente á consellería do Medio Rural, tiven a oportunidade de traballar con distintos servizos da Guardia Civil na investigación que se abriu logo da vaga de incendios forestais que asolou Galicia en agosto de 2006. Daquela experiencia de traballo quedoume un moi grato recordo, e non é só unha apreciación persoal, senón que os técnicos do SITGA (Sistema de Información Territorial de Galicia) que participaron nos traballos, máis dunha vez manifestáronme o bo ambiente que se creara cos gardas e a súa profesionalidade e compromiso coa investigación. Nos tres anos longos nos que estiven na Consellería non escoitei críticas ao traballo da Guardia Civil, nin á súa relación con quenes éramos membros dunha organización da esquerda nacionalista. Todo o contrario, o que lembro son conversas nas que se ten posto en moi alta estima o seu traballo profesional.

O que veño de contar son dúas anécdotas de distinta natureza, que xunto a experiencia en Croacia, téñenme feito reflexionar moitas veces sobre a necesidade de comprobar si a visión que a esquerda ten das forzas armadas, sexa a Policía, a Guardia Civil ou o exército, non deberíamos mudala un pouco. Estas reflexións véñenme de novo á cabeza estes días logo de escoitar as declaracións de Rosalía Martín, a coordinadora provincial de Izquierda Unida en Almería, sobre a designación por parte de Podemos do xeneral Julio Rodríguez como número un nesa circunscrición … “É un home de guerra…”, “Nunca un militar”, “Mejor el mono Amedio…”. Sen dúbida estas afirmacións non son outra cousa que a falta dunha política de defensa e de política de seguridade por parte da esquerda.

E é que a pesar dos case 40 anos de democracia que levamos, é verdade que o papel que militares e forzas policiais xogaron nos case outros corenta anos de dictadura, dificulta ás veces pensar que hoxe as cousas son distintas.

Hai que recoñecer que Podemos ten aportado neste ámbito, o da defensa e a seguridade, certas doses do realismo que debería impregnar o programa de quen se ve, tal vez por un natural optimismo desmesurado, con posibilidades de gobernar.

A proposición presentada e aprobada no Congreso, de dotar ás unidades de seguridade cidadán de chalecos antibalas, non deixa de chamar a atención ao comprobar que a estas alturas a Policía e a Guardia Civil non conten cos medios axeitados para levar a cabo os seus labores coa maior seguridade posible para eles e elas e cos maiores niveis de eficacia na protección da cidadanía. Tamén cumpre salientar a proposta realizada sobre medidas para combater o terrorismo yihadista, aínda que neste caso, falar de embargo de armas queda ben, pero é unha medida que levala á práctica esixe uns esforzos, militares e policiais, que son onde de verdade se verá o grado de compromiso de Podemos coas súas propias propostas. ¿Ou alguén pensa que evitar que as armas cheguen a quen non deben se pode impoñer enchendo a rede de mensaxes en Twitter ou colgando frases bonitas en Facebook?.

Hoxe, cando a esquerda pode gobernar, os temas de seguridade e defensa deberían formar parte da axenda política. Creo que todos e todas somos conscientes que a Policía, a Guardia Civil ou o exército teñen un papel fundamental en facer a nosa sociedade máis segura, en evitar e perseguir delitos dos que na maioría dos casos, as vítimas son os máis febles. Por outra parte sería irreal pensar que nun colectivo que suma 145.000 policías e gardas civís e máis de 120.000 militares, aos que se suman máis de 60.000 policías locais e máis de 20.000 autonómicos (Ertzaina, Mossos, Policia Foral…) non existan persoas que non merecen formar parte destes corpos… pero o mesmo podería dicir do colectivo de profesores de instituto, dos médicos, dos bombeiros ou dos traballadores da administración xeral.

É necesario que dende a esquerda reflexionemos sobre cuestións como o carácter militar ou non da Guardia Civil, o papel do exército nas operacións internacionais, ou o seu apoio en tarefas policiais (como é habitual en Francia ou Bélxica), a articulación entre corpos, a mellora de medios e dotación de persoal en áreas como o terrorismo internacional … o aumento da seguridade en áreas rurais, as políticas de prevención do delito, o carácter público da seguridade (en contraposición á privatización da seguridade impulsada tanto polo PSOE como polo PP, que tantos beneficios rende ás súas empresas amigas)… e podería seguir…

A portavoz de Izquierda Unida en Almería tamén cuestionaba que a candidatura do xeneral Julio Rodríguez sexa o primeiro paso para convertelo, chegado o caso, no próximo ministro de Defensa, algo denunciable segundo ela, e que rompería unha tradición de 34 anos de que o ministro de Defensa sexa un ou unha civil. Son pouco dado aos debates estériles, e menos aínda aos debates sobre os que xa pasou o tempo. Seguramente que Narcis Serra fora ministro de Defensa no primeiro goberno socialista foi un feito importante e que Carme Chacón fora ministra de Defensa foi  todo un hito. Tanto unha como outra cousa contribuíron a amosar que temos unhas forzas armadas adaptadas á sociedade actual. Pero hoxe as cousas, recoñecendo que aínda hai moito no que avanzar, como por exemplo en cuestións como o papel da muller nestes corpos, son diferentes. O mellor sería que escolléramos aos ministros e ás ministras pola súa valía para o cargo, independentemente do seu oficio ou profesión. O carácter de civil de Pedro Morenés, actual ministro de Defensa, vinculado previamente á industria de armamento, ou de Jorge Fernández, ultracatólico condecorador de vírxenes, non semella un mérito suficiente. E iso por non falar do actual director xeral da Guardia Civil, tamén civil: Arsenio Fernández de Mesa, do que coñecendo o seu curriculum un non pode menos que pensar en qué tremendo delito cometerían os pobres gardas civís para merecer tal castigo.

E acabo. Hai unhas semanas voltou de Ecuador a Unidade Militar de Emerxencias (UME) logo da súa participación en Manta nos traballos de rescate. O que me chega dende alá, unha vez máis, é que o seu labor foi merecente de todo o recoñecemento por parte do goberno ecuatoriano, das autoridades locais e por parte das outras unidades que interviñeron. Qué fará a esquerda se goberna?... A disolvemos, tal e como pedían hai uns meses a CNT ou a CGT, que xa non me lembro?.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.