Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2025 | Actualizada ás 16:14
O Parlamento galego reclama ao Goberno central, por unanimidade nunha iniciativa do PPdeG, unha base permanente de Vixilancia Aduaneira na coruñesa ría de Camariñas, na Costa da Morte, para loitar contra o narcotráfico, ademais de modernizar e reforzar medios deste servizo para interceptar narcolanchas.
Igualmente, a Cámara pide que o Executivo central garanta a plena operatividade horaria do persoal de Vixilancia Aduaneira para que "non volva ocorrer que condicionantes económicos ou a negativa a abonar horas extra comprometa a execución de operacións contra o narcotráfico". Tamén se demanda "garantir unha distribución equitativa e proporcionada dos medios" deste servizo no conxunto de comunidades, "de tal modo que non se dea prioridade a determinados territorios por razóns espurias".
Na Comisión Institucional, a deputada popular Paula Mouzo lamentou que o narcotráfico "é unha secuela que esixe unha postura firme de todos" ante "un problema que segue aí e crecendo nos últimos anos", xa que "a situación vai a peor". Avisa de que a droga "pode descargarse nunha praia da ría de Camariñas, pero a súa man negra expándese por todo o territorio". "Falamos da Costa da Morte, unha zona castigada pola droga e unha porta de entrada por onde as mafias meten a súa mercadoría, polo que é necesario reforzar os medios de loita contra o narcotráfico", afirma. Espera que "a Costa da Morte e que Galicia deixen de ser noticia polo narcotráfico".
Durante o debate, Patricia Iglesias (PSdeG) aproveitou para lembrar que o expresidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, "nos peores tempos do narcotrafico en Galicia, navegaba con Marcial Dourado", unha "foto que lle perseguirá toda a vida". Tamén subliñou que no libro 'Fariña' fálase de "enormes vínculos de alcaldes de Alianza Popular co narcotráfico", pero "o PP quere borrar esa memoria".
Nesta liña, Óscar Insua (BNG) incidiu en que "reportaxes fotográficas hai bastantes", como o de "Rajoy con aquel atuneiro nas costas do Salnés", en alusión á presenza do expresidente do Goberno en Cambados no barco 'Moropa' ligado a narcos.
Tamén afeou Insua que o argumentario da iniciativa "acusa os mariñeiros locais de ser responsable do narcotráfico". O deputado nacionalista refírese a un parágrafo da exposición de motivos dos populares na que pon literalmente: "A falta de patrulla permanente na zona facilita que as mafias operen con impunidade, utilizando métodos sofisticados de desembarco nocturno ou en condicións meteorolóxicas adversas, nas que só os mariñeiros locais e os narcotransportistas con experiencia se atreven a mover".
Na súa réplica, Mouzo reprochou á oposición que "cando quedan sen recursos volven ao de sempre", a "fotos de hai 20 anos". Tamén lembrou que Pablo Escobar asistiu á festa do PSOE na vitoria das eleccións de 1982, ademais de que dixo que a alcaldesa socialista de Camariñas, Sandra Ínsua, "cando se fala de droga, desgraciadamente, agacha a cabeza e pasa no bico dos pés".
OUTRO ACORDO
Nesta comisión saíu adiante outro acordo impulsado polo PPdeG, con abstención de BNG e PSdeG, na que se insta ao Goberno central a aprobar a declaración de profesión de risco e a correspondente xubilación anticipada para a Garda Civil e Policía Nacional independentemente de que pertenzan ao réxime de clases pasivas ou ao réxime xeral.
INICIATIVAS REXEITADAS
Por outra banda, os populares denegaron as iniciativas presentadas por BNG e PSdeG nesta comisión. Pedían medidas para mellorar as condicións laborais dos traballadores de garda do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e devolver 91 millóns aos municipios galegos que non lles ingresou a Xunta en 2023.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.