División nas protestas en contra das reválidas

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e a Plataforma en Defensa do Ensino Público protestan este martes en contra destas probas, pero en lugares diferentes.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/05/2016 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

Partidos da oposición, sindicatos e entidades sociais critican as as probas de 3º de Primaria da Lomce, as chamadas 'reválidas', que se celebran en Galicia entre este martes e mércores. Todos chaman ao boicot para que as familias non envíen aos seus fillos a clase, pero as protestas teñen lugar de xeito separado.

Concentración contra a reválida no Colexio de Barcelos
Concentración contra a reválida no Colexio de Barcelos | Fonte: Mónica Patxot, Pontevedraviva.com

Así, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (CIG-Ensino, BNG, Anpas Galegas, Erguer!, entre outras) reiterou o seu chamamento ás familias para estender o "éxito total" do "boicot" ás 'reválidas' de 6º nas de 3º de Primaria previstas para esta semana, reiterando que a abstención de entre 80 e o 82 por cento revelan o "estrepitoso fracaso da imposición" dos exames por parte da Xunta.

A entidade continúa as súas actividades informativas e impulsando resolucións en contra deste modelo e ademais celebrou unha concentración ante a sede de Educación en Santiago de Compostela, coincidindo co inicio das probas.

Nesta liña, a Plataforma en Defensa do Ensino Público (Confapa, CC.OO. Ensino, FETE-UGT, entre outros) trasladou a súa "oposición" ás probas por "inútiles e antipedagóxicas" e pediu ao profesorado que colabore coas familias que decidan non levar os seus fillos a clase durante a súa celebración.

Así mesmo, para "escenificar" este rexeitamento, celebrarán unha concentración con asociacións de pais da bisbarra do Barbanza en Boiro, concretamente na Avenida Abeledo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta