Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/10/2025 | Actualizada ás 22:00
A figura dos orientadores e orientadoras educativas en Galicia é, paradoxalmente, unha das máis necesarias e unha das máis esquecidas do sistema educativo. Trátase dun perfil profesional que traballa nunha encrucillada complexa: deben acompañar ao alumnado no seu desenvolvemento vital e académico, asesorar ás familias, guiar o profesorado e, ademais, responder a unhas dinámicas sociais e educativas cada vez máis esixentes. Todo isto nun contexto no que a carga de traballo, a burocracia e a falta de recursos fan que a súa tarefa sexa case titánica. A realidade é que, mentres se multiplican os diagnósticos de necesidades, os protocolos de risco suicida, os casos de alumnado vulnerable, os medios para atendelos seguen estancados. A imaxe que debuxan os orientadores galegos é a dun colectivo desbordado, fatigado e invisibilizado, pero ao mesmo tempo consciente da importancia da súa labor e disposto a seguir reclamando atención.
A Asociación de Pedagogos de Galicia (Apega) leva anos alertando desta situación. Unha das súas voces é a de Leonor Faya Angueira, orientadora educativa, quen debuxa unha radiografía crúa do que acontece nos centros. "Estamos moi, moi saturadas de traballo", resume de primeiras, lembrando que a recomendación da UNESCO fala dunha ratio de 250 alumnos por cada orientadora, cando na práctica existen centros galegos con máis dun milleiro de estudantes atendidos por unha soa profesional. "Vou falar en feminino porque a maioría somos orientadoras", matiza Faya Angueira, subliñando así a feminización do colectivo. A súa conclusión é clara: "A radiografía é bastante deprimente", asegura.
SOBRECARGA E BUROCRACIA: "A CONCILIACIÓN PODE SER MOI DIFÍCIL"
Segundo relata, a sobrecarga ten dúas caras: por un lado, o exceso de alumnado; por outro, a enorme carga burocrática. "Cada vez absorbenos máis todo o tema do papeleo, porque para calquera cousa temos que cubrir un montón de papeleo de burocracia, e iso impide que poidamos facer as cousas como debemos ou chegar a todo o que nos gustaría", denuncia a orientadora. Esta dinámica fai que moito traballo acabe realizándose fóra do horario laboral, na casa, roubándolle horas á vida persoal. "Estamos algunhas traballando ata de madrugada, porque tamén temos unha vida persoal, e a conciliación pode ser moi difícil con este tipo de traballo", asegura. A situación complícase aínda máis porque en moitos casos unha mesma orientadora debe cubrir varios centros á vez. Faya Angueira lembra a súa experiencia atendendo a un CPI e a un CEIP simultaneamente, alternando días nun e noutro. "Así duplícase o traballo, duplícase o número de alumnado e tamén o número de profesores e de familias, porque tamén a eles os temos que asesorar", resalta.
A PRIORIDADE: "PRIORIZAMOS AO ALUMNADO CON NECESIDADES"
Preguntada por como organizar as prioridades ante unha situación tan desbordante, a orientadora amósase clara: "O que priorizamos é o alumnado con algún tipo de necesidade, é dicir, a atención á diversidade". E non é casualidade: a falta de especialistas de pedagoxía terapéutica (PTs) e de audición e linguaxe (ALs) é evidente, especialmente en Secundaria. A realidade é que cada vez hai máis alumnado con diagnósticos diversos, pero non aumentan os recursos humanos para atendelos. "Atopámonos que non podemos atender como se debe e nos gustaría a todo o alumnado con necesidades, porque non nos dán as horas", explica. E a tarefa diagnóstica tamén é limitada. Os departamentos de orientación só poden diagnosticar altas capacidades e dislexias, pero cando hai sospeitas doutras dificultades --TDAH, TEA ou outras-- acaban asumindo informes psicopedagóxicos complexos para derivar a pediatría e, desde alí, a neuropediatría, psicoloxía ou psiquiatría. "Un informe psicopedagóxico leva moito tempo: probas co neno, entrevistas coa familia e o profesorado, corrección das probas, redacción do informe... E iso normalmente facémolo fóra do centro educativo, nos tempos de descanso, porque é imposible facelo dentro", di.
PROTOCOLOS, IMPREVISTOS E XORNADAS SEN FIN: "SACAMOS AO TEMPO LIBRE"
A isto súmanse os protocolos cada vez máis frecuentes: autolesións, condutas de risco, crises de alumnado con autismo... "En todos os centros temos polo menos uns cinco, seis ou sete protocolos deste estilo abertos, dependendo do número de alumnado", asegura Faya Angueira. "Pasan un montón de cousas no día a día no centro educativo que nos son imposibles de prever", destaca tamén. Así, un día organizado remata trastocado polos imprevistos, o que obriga a traballar moitas máis horas das estipuladas. "Traballamos máis de 37 horas e media, e esas horas a maiores, evidentemente, non son retribuídas", di a orientadora. E esta dinámica ten consecuencias directas na conciliación e na saúde mental. "Mal lévase como se pode, con moito estrés e elevados niveis de ansiedade, o que nos acarrexa problemas de saúde", lamenta. Ademais, o tempo roubado á familia, ás amizades ou ao descanso acaba xerando tamén tensións persoais. "A única forma de sacar o traballo adiante é quitando horas á familia e ao tempo libre", admite.
MÁIS TRÁMITES, MENOS TEMPO: "PÍDENNOS MÁIS E AS HORAS SON AS MESMAS"
Un dos grandes cambios dos últimos anos foi a multiplicación dos trámites burocráticos para calquera asunto. Para pedir máis persoal de pedagoxía terapéutica, por exemplo, deben cubrirse táboas varias veces con datos sensibles de alumnado, con coidado extremo e adicándolle moito tempo. "É paradóxico: canto máis se necesita destes diagnósticos, máis trámites nos piden, e as horas son as mesmas", evidencia Faya Angueira. Así, a adaptación constante a novos procedementos tamén complica o día a día. A orientadora menciona as bolsas de necesidades específicas de apoio educativo, que este ano pasaron a ser xestionadas só de forma telemática. "As familias tampouco saben moi ben como teñen que facer, así que temos que chamalas, asesoralas, estar pendentes de que traian a documentación... E un sinfín de cousas máis", detalla.
A ORIENTACIÓN ACADÉMICA, RELEGADA: "NON CHEGAMOS A TODO, É IMPOSIBLE"
Outro dos papeis tradicionais da orientación, o asesoramento académico, queda relegado. "Esa organización académica, no meu caso, fágoa na casa, normalmente a partir do mes de febreiro, e vou priorizando segundo de Bacharelato, terceiro e cuarto da ESO, logo primeiro e segundo... En función dos que requiren atención máis temperá porque o cambio de curso supón para eles un cambio substancial", explica Faya Angueira. As presentacións, charlas e materiais que prepara son elaborados no seu tempo persoal. "A sensación é que, aínda que queiramos, non chegamos a todo, porque é imposible", asegura. Ademais, os continuos cambios na Formación Profesional --ciclos, modalidades duais, modalidades aceleradas...-- engade máis carga formativa. Moitas veces as formacións son en tardes ou mesmo en sábados, restando aínda máis tempo á conciliación.
INVISIBLES NO SISTEMA: "SOMOS INVISIBLES DE CARA Á CONSELLERÍA"
Para a orientadora, o máis duro é a invisibilidade: "A orientación tamén é a grande esquecida de todo o sistema educativo". Lembra que ao comezo do curso as prazas de substitución de orientadores son as últimas en cubrirse, porque non imparten materias concretas, e semella que a súa ausencia non se nota. "Pero si se nota, porque cando chegan a dar esa praza, o traballo atrasado é inmenso", evidencia. Dende os inicios dos departamentos de orientación, cando se crearon a finais dos anos 90, a carga multiplicouse, pero a consideración social e institucional segue sendo mínima. "Seguimos sendo como moi invisibles, de cara á sociedade, pero tamén de cara á Consellería de Educación, polo que parece", lamenta Faya Angueira.
BAIXAS LABORAIS E SAÚDE MENTAL: "AUMENTARON AS REDUCIÓNS DE XORNADA"
A consecuencia lóxica é un aumento das baixas laborais. "Hai bastantes baixas por estrés, depresión, cadros agudos de ansiedade... Mesmo notei que están aumentando moito as solicitudes de redución de xornada este ano entre compañeiras, que prefiren quedar coa metade do soldo a seguir colapsadas", asegura a orientadora. E a súa reflexión é clara: "Tamén habería que mirar máis pola nosa saúde mental, porque á fin e ao cabo, traballamos con moita xente vulnerable, con menores con problemas familiares moi graves, e iso tamén nos merma mentalmente, porque levas os casos que trataches no día para a casa, e ese runrún éncheche a cabeza", apunta. Pese a todo, mantén a esperanza en que a súa voz se escoite e que a difusión desta realidade axude a facer visible un labor tan necesario como desatendido. "A nosa labor é súper importante, aínda que ás veces non se nos escoite", conclúe Leonor Faya Angueira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.