Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/05/2025 | Actualizada ás 14:00
Hai preguntas que semellan inocentes e dilemas que, expostos coa calma dunha tarde calquera, convértense en ventás cara o máis íntimo do xuízo humano. Situacións onde unha palabra máis ou menos, un contexto diferente, ou mesmo unha lingua estranxeira, poden modificar a nosa maneira de pensar, sentir e decidir. Un tranvía sen control, cinco persoas atadas a unha vía, unha panca, unha decisión que salvará vidas... ou fará que se perdan. E se o idioma no que che enuncian un dilema non fose o teu? Tomarías a mesma decisión? A psicoloxía cognitiva atopou un terreo fértil nese cruzamento entre razón e emoción, entre cálculos fríos e empatías ardentes. Nese territorio complexo, a lingua que falamos ao tomar unha decisión non é unha mera canle de comunicación: pode converterse en parte activa do proceso, transformando o noso pensamento, a nosa percepción de causalidade e mesmo as nosas reaccións ante dilemas morais externos. A hipótese é tan sinxela como demoledora: o que facemos depende, tamén, do idioma no que pensamos ou no que nos falan?
Marcos Díaz Lago, investigador na Facultade de Psicoloxía da USC, falou nas xornadas de divulgación científica 'Pint of Sciences' dun fenómeno observado con regularidade no laboratorio: o 'Foreign Language Effect' (efecto da lingua estranxeira), que se basea en como as nosas decisións poden verse moduladas ou afectadas en función do idioma no que realizamos unha tarefa ou razoamos un problema. Para captar a atención do público, plantexou de primeiras o xa clásico en psicoloxía 'dilema do tranvía': un tranvía desbocado e sen freos avanza por unha vía onde hai cinco persoas atadas. Se non facemos nada, as cinco morrerán. Pero podemos accionar unha panca que desviará o tranvía cara outra vía, na que hai unha soa persoa atada. Sacrificarías unha persoa por salvar a cinco? "Normalmente, arredor do 80 % das persoas deciden accionar a panca", di. Hai pequenas variacións culturais ou relixiosas, pero esa adoita ser a resposta. Sen embargo, se mudamos o contexto a unha situación na que estamos nunha ponte e só podemos deter o tranvía empurrando a unha persoa moi grande que bloquearía a vía coa súa caída, a decisión cambia drásticamente. "Aquí, normalmente, só un 15 ou un 20 % das persoas empurrarían a ese home", sinala.
Pero, por que esta diferenza tan grande se o cálculo en frío e en termos numéricos é o mesmo: condenar á morte a unha persoa para salvarlle a vida a cinco? "O feito de accionar unha panca xera certa distancia do problema, polo que as persoas están dispostas a facelas, mentres que do outro xeito o asasinato prodúcese en primeira persoa, con contacto físico", reflexiona o investigador, facendo un paralelismo coas cámaras de gas dos campos de concentración nazis: "As persoas que as activaban non se sentían tan responsables das mortes como nun fusilamento". Agora ben, cambiaría a decisión final se o enunciado se pensase e se plantease noutro idioma? E a evidencia, por sorprendente que poida semellar, suxire que si. Datos de Albert Costa, doutor en Psicoloxía pola Universidade de Barcelona, amosan que ao afrontar o dilema nunha lingua estranxeira --que coñeces pero non dominas tanto como o teu idioma nativo--, as persoas están máis dispostas a empurrar a un individuo dende a ponte para salvar ás cinco persoas.
"O IDIOMA NATIVO APORTA UNHA CARGA EMOCIONAL, PORQUE É APRENDIDO NUN CONTEXTO DE AFECTO; FRONTE AO ESTRANXEIRO, APRENDIDO NA ACADEMIA"
O propio Díaz levou a cabo un experimento cun sesgo cognitivo chamado 'ilusión de causalidade', común en quen usan pseudomedicamentos e menciñas alternativas, como é o caso da omeopatía. E descubriu que, ao empregar unha lingua estranxeira, as persoas detectaban moito mellor que unha pseudoterapia non funcionaba que se se lles comunicaba na súa lingua materna. E coma estes hai moitos máis experimentos que van na mesma liña. De feito, pon o exemplo co tema da vacinación contra a covid. Observouse que as persoas indecisas eran máis receptivas á vacinación se a información se presentaba nunha lingua estranxeira que se se presentaba na súa lingua nativa. Mentres, aquelas que xa tiñan unha visión negativa sobre a vacinación non mudaban esa percepción aínda que se lles informase en lingua estranxeira, como tampouco a mudaban as que tiñan unha visión positiva. Neste caso, a clave estaba nos indecisos.
O por que? Pois tal e como sinala o investigador, ao longo dos anos foron xurdindo diferentes hipóteses. Unha delas, tan famosa como polémica, foi a hipótese de Sapir-Whorf, trasladada ao cinema e moi popularizada no mundo da psicolingüística entre os anos 80 e 90, que suxería que a lingua determina a maneira de pensar. "Segundo esta hipótese, a nosa lingua nativa determinaría a nosa maneira de pensar, de ver o mundo e, en última instancia, as decisións que tomamos", explica Díaz. Unha idea que, aínda que atractiva nun primeiro intre, non foi respaldada porque "non se puido atopar demasiada evidencia científica ao respecto". O cal, para o investigador, tamén supón un certo alivio, pois a hipótese tiña moito perigo polas súas posibles implicacións xenófobas. Así as cousas, a realidade é que "as nosas capacidades cognitivas para solucionar problemas, pensar e decidir son semellantes en todos os seres humanos independentemente da súa raza, xénero ou cultura, polo que a nosa lingua materna non determina a nosa maneira de pensar", sostén Díaz.
Agora ben, nos casos anteriores non se está apuntando a que a nosa lingua nativa sexa quen de orientar as nosas decisións, senón de que sexa o enuncialas nun idioma estranxeiro o que dea lugar a diferentes respostas ou maneiras de actuar, o cal implica unha maior carga cognitiva. "Sobre isto comezouse a acumular evidencia de que si, efectivamente, podía ter algo que ver nalgúns casos", apunta o investigador. En cales? "En decisións que implican unha certa compoñente emocional", sinala. "Nos contextos emocionais, como poden ser a toma de decisións sobre saúde ou moralidade, o idioma nativo carga emocionalmente a situación, porque xeralmente este é aprendido nun contexto familiar e de afecto, mentres que o idioma estranxeiro é aprendido en contextos fríos, académicos, o que lle resta esa carga afectiva", explica. E cita un exemplo persoal: "Na miña casa sempre se falou en castelán, pero se meu pai comezaba a falar en galego, eu automaticamente sabía que se aveciñaba un cabreo histórico". É dicir, o emocional está fondamente anclado na lingua materna.
"TEMOS QUE ENTENDER O PLURILINGÜISMO COMA UNHA FERRAMENTA DE FLEXIBILIDADE COGNITIVA QUE PODE VIR BEN NALGÚNS CASOS, NON SEMPRE"
Pola contra, Díaz sinala que a realización de realizar certas tarefas frías, como pode ser a resolución de problemas de cálculo, non melloran ao empregar outra lingua. E presenta varios enigmas clásicos como exemplo: se unha raqueta e unha pelota custan un euros dez en total, e sabemos que a raqueta custa un euro máis que a pelota, canto custa a pelota? --a resposta automática sería dez céntimos, pero a correcta é cinco céntimos--; se cinco máquinas tardan cinco minutos en fabricar cinco obxectos, canto tardarían dez máquinas en fabricar dez obxectos? --a resposta automática sería dez minutos, pero a correcta é cinco--; se un lago ten unha capa de nenúfares na súa superficie que se duplica cada día que pasa, chegando a estar cheo deles ás 48 horas, canto tarda o lago en estar á metade de nenúfares? --a resposta automática normalmente é 24 horas, pero a correcta é á metade do día anterior--. En todos estes casos, puido comprobarse que a lingua non modifica a eficacia do razoamento. "De maneira xenérica, non razoamos mellor nun idioma estranxeiro, polo que semella que a hipótese que gaña forza é que a lingua estranxeira reduce a carga emocional", di Díaz.
Pero lanza unha reflexión: "Non temos que entender unha lingua estranxeira como un método máxico para razoar mellor, senón que temos que entender que o bilingüismo ou o plurilingüismo son unha ferramenta de flexibilidade cognitiva que, nalgúns casos ou nalgunhas tomas de decisións, vainos poder vir ben, e noutros non cambia nada". E tamén fai unha advertencia sobre os nesgos cognitivos: "Non son malos por defecto, son unha vantaxa evolutiva que temos e, ás veces, mesmo poden ter implicacións positivas, como acontece co nesgo da 'ilusión de causalidade', que pode contribuír a reducir a sintomatoloxía depresiva". Sentir que as nosas accións teñen consecuencias, aínda que non sexa certo, pode ser ata protector para nós. Ás veces os nesgos cognitivos serannos de utilidade e outras non. Finalmente, Díaz lembra unha cita de Nelson Mandela que resume todo isto: "Se falas cunha persoa nunha lingua que entenda, chegarás á súa cabeza, pero se falas con ela na súa lingua materna, chegarás ao seu corazón".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.