PSOE: Rival ou estorbo

Todos sabemos, tamén os que prefiren negalo a ventos e mareas, que eliminar ao PSOE é central ao proxecto de Podemos. Mesmo, poucos absurdos serían comparables a pretender o contrario. Pero tamén sabemos que mentres o PSOE aínda conte para algo –agardo que por moitos anos–, Podemos está limitado. Logo, é de razón que nos cálculos de Podemos entre eliminalo. Iso hai que entendelo coa normalidade inherente ás rivalidades de todo proceso democrático electoral.

Por Xoán Vázquez | | 30/05/2016

Comparte esta noticia

O PP é un rival; o PSOE é un estorbo. Aos rivais combátense. Cos estorbos, vasoira. E a maneira en como lla xogaron a Sánchez é admirable. Desde o punto de vista táctico, admirable. Ata alí o guiaron e encamiñaron por duros e arduos camiños, e xa cando alí chegou, se folgos e esgotado, non lle ofreceron máis alivio cós zumes da froita prohibida: bebe e cala!; ou sexa, ofrecéronlle abrazar o populismo e renunciar aos valores intrínsecos do progresismo. Brillante. Brillante pero imposible. Aínda que semelle o contrario, o progresismo ten menos en común coas charangas populistas ca con aqueles que defenden modelos liberais, estes tan lexítimos coma os progresistas. E aí remata a miña admiración por Podemos, pois esa insistencia na abxección e no frontismo non é santo do meu culto. E mais, prodúceme notable repugnancia todo aquilo que promova o sentimento apátrida, o populismo amoral (perdoando a redundancia), a relación anárquica coa normativa legal, e xa nin falar do profundo desagrado que me esperta ver a aprendices de poeta asaltar con intencións prostibularias ás tradicións de máis arraigo e ás expresións culturais máis pulidas, alma a sangue da nosa identidade occidental. Lémbrese a desfeita da cabalgata de reis de Madrid. Lémbrese o intento de transforma nun instrumento de insulto e odio algo tan nobre como é foi e sempre ha ser a poesía,  aquela mesquiña mamarrachada “Madrenuestra”. E lémbrese a pobreza de formas que nos amosaron cada día no Parlamento do Estado, apropiándose da casa de todos coma se fora un retrete privado.  A lista de pobrezas cívicas que representa Podemos é interminable. A saña demostrada, incomprensible. A misión que perseguen, inasumible. E a tolerancia e aceptación amosada por un sector da cidadanía é sintomático dunha sociedade en decadencia que na súa fuxida cara o abismo da bancarrota moral violenta tódolos preceptos do civismo herdado, mil veces peneirados polo paso dos séculos, para que agora no seu punto de máis refino, chamado a ser o de máis fecundo, ser declarados obsoletos. Ou sexa, xusto cando podemos ser algo renunciamos a mesma esencia de todo o que levamos labrado. Iso non é progresismo. Iso, francamente, é moito menos ca ser nada. 

Mais Podemos non ten futuro, verdadeiro futuro, mentres o PSOE represente algo. Daquela, é completamente comprensible que as desinhibidas gorxas do populismo ametrallen sen descanso na procura de borra ao PSOE, ou de sometelo á obediencia a cambio das migallas. Mais nos intentos de borrar ao PSOE hai que ir amodiño, téñense que coidar de non levar por diante aos votantes do PSOE; iso sería o mesmo ca entregarlles o poder ao PP, por décadas. A estratexia populista é convencer aos votantes do PSOE de que o PSOE xa non representa os seus valores, non abrangue as súas preocupacións, e non entra no seu proxecto de país solucións integrais aos problemas do común. Ou sexa, o PSOE é casta. A casta é o PSOE, que ninguén se equivoque. E a casta é parte do problema, sendo Podemos a solución. O que non é nada comprensible é que o PSOE se deixe arrastrar ao abismo por un partido que pouco máis é ca unha ocorrencia, unha oportunista algarabía que soubo apañar as profundas feridas, frustracións e preocupacións de moitos sen propoñer nin a primeira solución viable, para ninguén. A solución non está en defecarse nas rúas, ouriñar nos portais, vomitar nas beirarrúas e vulgarizar as institucións máis emblemáticas e representativas da cidadanía (o Parlamento); e aínda moito menos en aldraxara tradicións e os valores culturais xa varias veces milenarios.

O PSOE representa esforzo, sacrificio, ética, entrega, integridade, solidariedade, e seguridade xurídica. Pero tamén mérito. Meritocracia en solidariedade. Ou así era cando era. Ou así é nos países onde os seus correlixionarios seguen marcando diferenzas. Alí onde o mérito non conte acocha a decadencia. O PSOE non lle ten medo ao mérito, apláudeo; non lle ten medo a orde pública, humanízaa; non lle ten medo a propiedade privada, dignifícaa. E o PSOE sabe e fundase no coñecemento de que a fibra de todo colectivo social é o individuo. Alí onde non haxa un recoñecemento do individuo, unha exaltación do individuo, non hai esperanza de nada. O bovinismo é a peor das decadencias. E PSOE ten que fuxir das complicidades de tender gaiolas  de golpes de Estado encubertos coas dozuras diso de “El Frente Popular y el derecho a decidir”.

Moitos progresistas venezolanos prestáronlle o seu vota aos populistas e agora retiráronllo para prestarllo a outras formacións políticas; ordinario nun sistema democrático. Ah!, pero agora os populistas dinlle que non, que non llo devolven, que xa non é deles, que o individuo non existe, deixando á cidadanía sen máis recurso ca sacalos do poder a tiros. E o señor Sánchez que  non se equivoque, pode que haxa moitos prestos a seguilo se opta por eses desnortados camiños de ningures, pero saiba que xa tamén habemos algúns que, der ir co demo, mellor xa co coñecido. Polo menos xa sabemos que ao PP para sácalo do poder non temos que andar a tiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/